Concello da Coruña

Concello da Coruña

O PSOE subliña o seu compromiso social co programa de prevención de adiccións dixitais de Aclad

O portavoz socialista, José Manuel García, destaca que desde o público pódese dar resposta a problemas que están na cidadanía e defende a importancia dos convenios para apoiar a tarefa do Terceiro Sector. O programa de adiccións dixitais, cun orzamento de 54.000 euros, responde a unha demanda social que se desenvolve nos centros cívicos con charlas nas que se asesora a pais e fillos sobre o bo uso das novas tecnoloxías

O Grupo Municipal Socialista subliñou o seu compromiso social cunha visita a Aclad para coñecer o desenvolvemento do programa de prevención e abordaxe das consecuencias das adiccións dixitais. O portavoz socialista, José Manuel García, puxo como exemplo da política social que quere desenvolver o PSOE este tipo de accións novas, que se incorporou ao orzamento de 2017 a través dun modificativo por proposta do PSOE e que se renovou agora nas contas do 2018.

"É a proba evidente de como desde a política se poden activar programas que solucionan problemas que actualmente están na cidadanía; eramos conscientes de que hai un problema crecente de adicción ás tecnoloxías; desde Aclad fixéronnos chegar a posibilidade de desenvolver un programa dirixido aos colectivos máis afectados, como é a mocidade, e incorporámolo aos orzamentos", explicou o portavoz socialista durante a visita á sede da Asociación Cidadá de Loita contra A Droga, na que estivo acompañado polo edil José Manuel Dapena.

Este programa, dotado con 54.000 euros anuais, compleméntase con outras dúas subvencións incluídas nos convenios nominativos do orzamento, cuxa incorporación ás contas defendeu o PSOE: 180.000 euros para a Unidade Asistencial de Atención a Drogodependentes e outros 25.000 euros para a prevención de adiccións a drogas nos centros escolares. Desta forma, Aclad conta con convenios que suman 259.000 euros para realizar un importante labor de prevención e tratamento nas adiccións, un labor que valorou o portavoz socialista na súa visita ao centro.

Nesta liña, defendeu unha vez máis a importancia dos convenios nominativos para apoiar o importante labor que as entidades do Terceiro Sector realizan na cidade, complementando a tarefa municipal.

A vicepresidenta de Aclad, Rosa Barreiro, agradeceulle ao PSOE o traballo realizado para facer posible este programa e destacou a importancia de levar a cabo este tipo de actividades e difundilas para chegar ás persoas que necesitan axuda.

En concreto, o programa de prevención de adicción dixital desenvolveuse principalmente nos centros cívicos, onde se impartiron charlas abertas a persoas adultas e mocidade sobre o bo uso das novas tecnoloxías na vida cotiá. A psicóloga clínica en Aclad, Maite Lage, avoga por aplicar o sentido común no uso das novas tecnoloxías e advirte do momento no que hai que preocuparse por unha posible adicción dixital: "É cando deixas de facer outras cousas e actividades normais: hai un baixón nos estudos, deixas de quedar cos amigos ou deixas de practicar deporte".

Segundo os datos achegados por Aclad na reunión co Grupo Socialista, a frecuencia de uso de internet entre as persoas asistentes ás charlas é diaria nun 90%; o 24,6% está conectado entre 1 e 2 horas; asistiron máis mulleres (72%) que homes (28%) e entre fillos máis mozas (64%) que mozos (36%); o 44% dos fillos recibiron imaxes ou vídeos violentos e o 33% imaxes ou vídeos de sexting; o 63% dos/as fillos/as reciben queixas de familiares ou amizades polo uso do móbil.

PSdeG PSOE

Datos de contacto

Enderezo: praza de María Pita, 1. 15001. A Coruña

Teléfono: 981 184 260

Correo electrónico: grupo.municipal.socialista@coruna.es

Propostas e opinións

resultados 73

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión