Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de abril de 2023

Máis de 3.000 corredores e corredoras percorrerán as rúas da Coruña mañá

A carreira popular C10 contará coa participación de numerosos atletas de elite

Roberto Aláiz, Mehdi el Nabaoui e Esther Navarrete son algúns dos atletas destacados que correrán na proba deportiva

A carreira popular C10 que se celebra mañá, 23 de abril, contará coa participación de 23 atletas de elite chegados de diferentes puntos de España. A proba conta con 3.000 inscritos, 2.181 na categoría absoluta e 886 nas modalidades inferiores, recuperando as cifras previas á pandemia.

Na categoría masculina destacan Roberto Aláiz, mundialista en Moscú 2013 e Pekín 2015 na modalidade de obstáculos e campión de España Promesa e Universitario de 3000 m; o uruguayo Nicolás Cuestas, olímpico en maratón nos Xogos Olímpicos de Río 2016 e o cinco veces campión de España de campo a través por clubes, Mehdi el Nabaoui, que tamén se suma á carreira popular C10 nesta edición. A eles súmanse, entre outros, Soufiane Abrouk, Víctor Puyuelo e Alejandro Fernández, o galego gañador das edicións 2012, 2013 e 2018 do C10. 

A categoría feminina contará coa subcampioa sudamericana de 10k, Edymar Brea, cuarta na 10k de Laredo neste 2023 xunto con Esther Navarrete, cuarta no campionato de España de 10k no 2023 e que posúe o actual récord galego de 10k. A nómina de atletas de elite complétana Sara Catarina Ribeiro, campioa de Portugal de 10k no 2018 e 2023; Lidia Campo, quinta no Campionato de España en 10k neste 2023'; e Laura Santos, actual campioa galega de campo a través.

A proba arrincará ás 10.00 horas desde Porta Real nun circuíto homologado pola Federación Española de Atletismo que transcorrerá polos Cantóns, Linares Rivas e os terreos interiores do Porto para rematar de novo na Mariña.

Recollida de material e servizos durante a celebración da C10

As persoas inscritas poden recoller as súas camisetas e dorsais ata hoxe, sábado, na sección de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal. O horario de atención é de 10.00 a 21.30 horas. Tamén haberá a posibilidade de recoller o dorsal o domingo a partir das 09.00 horas e ata media hora antes do inicio de cada proba, no espazo habilitado no Parrote para favorecer e facilitar a participación de persoas de outras localidades galegas. Tamén se instalará no Parrote un servizo de gardarroupa, operativo de 09.00 a 12.00 horas, así coma un servizo de duchas nas instalacións da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, na Torre de Hércules, ata as 13.30 horas. Para acceder a eles só fai falta presentar o dorsal de participación.

Haberá cinco caixóns de saída, diferenciados pola cor do dorsal e asignados en función dos tempos de inscrición. As persoas participantes deberán colocarse na zona acoutada que lle corresponda dez minutos antes da saída. Haberá un servizo de avituallamento intermedio a partir do quilómetro 5, onde se repartirá auga ás persoas participantes así coma outro na zona final. Ao longo do percorrido haberá colectores para depositar os envases. A C10 conta ademais coa colaboración da agrupación The Cobardes, que porá á disposición dos corredores e corredoras seis lebres para marcar diferentes ritmos de carreira, desde 37 a 60 minutos.

A clasificación final da proba e os tempos de todas as persoas participantes mediranse mediante chip e publicaranse en directo na páxina web de Carreiras Galegas. As primeiras persoas clasificadas na carreira Coruña10 obterán distintos premios económicos en función da categoría e a súa procedencia. Haberá un total de 9.700 euros para os mellores corredores e corredoras. Ademais, aquelas persoas participantes que batan o récord da proba tanto na categoría masculina (28'09") como na feminina (31'40") obterán un premio de 2.000 euros, co que se duplica o premio económico da pasada edición.

Alteracións de tráfico

Como é habitual durante a disputa de carreiras na cidade, o domingo establecerase un dispositivo especial de tráfico coordinado pola área de Mobilidade e a Policía Local. Haberá diferentes alteracións nas vías polas que transcorrerá a proba.

Desde as 05.00 horas pecharase o tramo entre Porta Real, avenida de Montoto e avenida da Mariña ata a rúa Tabernas. A partir das 7.30 horas haberá limitacións de circulación en Linares Rivas, Primo de Rivera, avenida da Pasaxe e Alfonso Molina, e estrada do Porto estará cortada dende o peirao de Oza ata a avenida do Exército en ambos sentidos. Na avenida de Alfonso Molina manterase un carril de circulación en dirección saída da cidade, desde o paso pola rolda de Nelle, podendo acceder ao túnel de María Pita en dirección a Monte Alto. Tamén se manterá a circulación na avenida Primo de Rivera ata a rúa Ramón y Cajal en sentido de saída da cidade nun só carril.

A partir das 9.30 h levarase a cabo o peche total do circuíto (Cantón Grande, Cantón Pequeno e avenida da Mariña ata a rúa Tabernas) ata a finalización da proba, prevista ás 14.00 h. A apertura será progresiva segundo se retiren os elementos de sinalización e demais elementos necesarios para o desenvolvemento da proba. A rúa de San Andrés non se peonalizará ata a finalización da carreira absoluta, a partir das 12.00 h aproximadamente. 

Recomendacións: 

  • Cidade Vella e Monte Alto
    • Entrada: Pola AC-11 dirección Alfonso Molina, pola avenida do Porto e o túnel da Mariña. Tamén se pode seguir o itinerario pola rúa Federico Tapia ata San Andrés, pasando pola plaza de Galicia en dirección a rúa Rosalía de Castro ata a Praza de Pontevedra.
    • Saída: Pola rúa da Torre, praza de España e túnel da Mariña ata avenida do Porto en dirección avenida Linares Rivas, utilizando o carril habilitado ata a avenida Alfonso Molina.
  • Ensanche e Pescadería
    • Entrada. Desde a avenida de Monelos pola rúa Cabaleiros, seguindo por Marqués de Amboage ata Enrique Hervada, ou desde a avenida de Alfonso Molina; ata chegar á rúa Castiñeiras en dirección Federico Tapia. Tamén é posible acceder pola avenida de Finisterre e rúa Juan Flórez.
    • Saída. Para o ensanche estará habilitado o carril dende a rúa Juana de Vega en dirección saída da cidade, ata a avenida de Alfonso Molina. Tanto para a saída dende o Ensanche como de Pescaría poderá seguirase un itinerario pola rúa San Andrés cara avenida de Finisterre ou Juan Flórez, pasando pola Praza de Pontevedra como polo paseo marítimo ata a rolda do Real Club Deportivo da Coruña.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión