15 de marzo de 2025
A xornada rematou coa quinta edición da andaina solidaria polo 8-M, que congregou a centos de persoas nun percorrido de cinco quilómetros con saída e meta no paseo dos Menhires
Máis de 2.000 persoas participaron esta tarde de sábado na carreira popular da Torre de Hércules, primeira data desta nova tempada do circuíto Coruña Corre, na que, pese ao vento, as boas condicións meteorolóxicas favoreceron a realización dunha intensa xornada deportiva coroada coa vitoria de Yago Ignacio García Sainz e Nati García Sánchez na proba absoluta masculina e feminina, respectivamente.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi a encargada de sar a saída ás e aos participantes na proba absoluta, que arrincou ás 20.00 horas no paseo dos Menhires e pasou por Durmideiras, o treito do paseo marítimo polos Pelamios e a contorna das Ánimas, con volta polo mesmo percorrido, bordeando a enseada de San Amaro e final na costa da Torre de Hércules.
A Torre, iluminada de morado, alumeoulles o camiño ás persoas participantes na andaina
Como vén sendo habitual nestes últimos anos, a programación deportiva pola carreira da Torre incluíu unha andaina conmemorativa polo Día da Muller, que nesta ocasión congregou a centos de participantes nun percorrido de case cinco quilómetros con saída e meta no paseo dos Menhires, coa Torre de Hércules iluminada de morado, cor representativa do 8-M.
A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu a implicación e o compromiso da cidadanía nesta iniciativa impulsada co obxectivo de visibilizar as políticas municipais en materia de igualdade. Neste sentido, todas e todos os participantes na andaina levaron un dorsal único, o número 261. Era o que portaba a estadounidense Kathrine Switzer cando se inscribiu no maratón de Boston do 19 de abril do ano 1967. Fíxoo só coas súas iniciais, para poder participar nunha competición que, por aquel entón, excluía as mulleres.
"Kathrine non só chegou á meta, senón que marcou un punto de inflexión na historia do deporte para abrir camiño á participación das mulleres en probas deportivas. Isto é o que ano tras ano move propostas como a andaina polo 8-M, que seguiremos a apoiar e a incentivar", indicou Rey.
A vindeira cita do circuíto, o 6 de abril en Matogrande e Xuxán
Tras a carreira popular da Torre de Hércules, o circuíto Coruña Corre inicia xa a conta atrás de cara á segunda proba do calendario previsto este ano. Será o domingo 6 de abril coa carreira de Matogrande-Xuxán. A información completa da carreira, co percorrido e os servizos dispoñibles, publicarase nos vindeiros días.
Neste sentido, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou que a inscrición global no conxunto do circuíto, que engloba un total de sete carreiras, segue aberta ata o 9 de maio. Máis de 1.700 persoas xa están inscritas, o que as habilita a participar en todas as probas deste ano.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible