Concello da Coruña

Concello da Coruña

Glosario

Glosario

Acus crinalis: Agulla grande metálica, de óso ou de madeira, utilizada para a suxeición do pelo feminino.

Alisador: Peza utilizada para puír a superficie dun obxecto. En olaría emprégase para brunir ou homoxeneizar a cara visible das cerámicas mentres rotan no torno.

Ánfora: Colector cerámico estendido principalmente durante a Antigüidade, con boca estreita, dúas asas na parte superior, corpo voluminoso e base en pivote, empregado para o transporte de alimentos, principalmente mediante tráfico mariño e fluvial.

Antecastro: Plataforma que presenta certa horizontalidade, valada ou fortificada, unida a un castro, a inferior altura deste, como ampliación ou con carácter defensivo.

Aparello: Tipoloxía da técnica empregada na construción dun muro, muralla ou outra estrutura.

Apotropaico: Elemento material, simbólico, verbal ou xestual que se vincula cun ritual de protección do individuo ou da comunidade.

Arracada: Xoia utilizada para o adorno das orellas, con elementos colgantes.

Baluarte: Construción fortificada que sobresae do lenzo ou pano dunha muralla.

Bigornia: Engra de dúas puntas utilizada por ferradores, lateiros ou zapateiros.

Brunido: Acción de puír un obxecto de cerámica ou metal cun material ríxido.

Caetra: Escudo redondo de pequenas dimensións, realizados con nervios de coiro trenzados con reforzos de metal, representado habitualmente nas esculturas de guerreiros galaicos. Este termo tamén é coñecido no ámbito da numismática, ao denominar como "moedas de caetra" a aqueles numismas romanos que representan un padrón con este escudo no anverso, e que son representativos da área galaica e norlusitana.

Calcolítico: En territorio galaico, fase histórica situada entre o 3300 e o 2200 a.C., caracterizada polo inicio da metalurxia do cobre.

Campaniense: Cerámica fina procedente, nos seus inicios, da rexión de Campania (Italia), caracterizada por un engobe negro moi brillante. Foi producida entre os ss. IV e I a.C.

Casiterita: Mineral de cor pálida composta por bióxido de estaño, do que se extrae este metal.

Castro: Recinto fortificado de planta circular ou oval, que adoita estar situado nun cume, nunha punta costeira ou na ladeira dun monte. No noroeste peninsular son o tipo de hábitat característico (e practicamente exclusivo) da Idade do Ferro.

Catilus: Peza superior dun muíño circular de man. Presenta forma circular, cun buraco na parte central.

Ceca: Obradoiro no que se acuña moeda.

Celta: Adxectivo que define a un colectivo de pobos indoeuropeos establecidos entre os séculos X-I a.C. en diversas áreas de Europa central e occidental.

Cera perdida: Técnica empregada na realización de certos obxectos metálicos (en bronce ou cobre), consistente no deseño dunha figura de cera, que se recubría con arxila e á que se lle realizaba un buraco no extremo superior e outro no inferior. Unha vez seca, introducíase a coada por un orificio que derretía a cera, de maneira que o metal líquido ocupaba o espazo libre e adaptándose á figura do molde. Unha vez frío, desfacíase o molde e obtíñase a peza metálica.

Ceramoloxía: Disciplina científica que se encarga do estudo dos obxectos e pezas cerámicas de diversa tipoloxía.

Cerca: Construción coa que se pecha unha propiedade ou superficie.

Ciclópeo: Construción realizada con grandes bloques de pedra, encaixados en seco.

Citania: Poboado da Idade do Ferro de grandes dimensións, que adoita ser representativo dun incremento na xerarquización social das súas comunidades.

Colar articulado: Peza de adorno do pescozo composto por doas inseridas nun fío.

Concheiro: Vertedoiro formado principalmente por restos de cunchas e espiñas de peixe.

Convento xurídico: División administrativa romana inmediatamente inferior á provincia. No noroeste peninsular existen tres conventos: o Bracarense, coa capital na actual Braga, o Asturicense, coa capital na actual Astorga e o Lucense, coa capital no actual Lugo.

Crisol: Recipiente de arxila, cunha concavidade na que se fundían materiais a elevadas temperaturas.

Croa: Acrópole ou zona máis elevada dun castro.

Datación absoluta: Datación obtida a partir dunha técnica que ofreza un resultado numérico preciso sobre a cronoloxía dunha mostra (con independencia do grao de precisión). Debe obterse por medios analíticos (químicos, radiométricos etc.).

Datación relativa: Datación obtida a partir do estudo das relacións estratigráficas, dos contextos materiais ou de calquera outro elemento que permita establecer unha relación cronolóxica dun conxunto de elementos. Non ofrece un resultado numérico preciso e "absoluto", como no caso das datacións absolutas, con independencia do seu grao de precisión.

Doa: Pequena peza utilizada na realización de colares, cadeas ou outros adornos, cunha perforación central pola que se introducía o fío.

Idade do Bronce: Período prehistórico posterior ao Neolítico e ao Calcolítico, caracterizado polo inicio da metalurxia do bronce, situado cronoloxicamente entre o 2100 a.C. e o 900 a.C. no territorio do noroeste da Península Ibérica. Podemos dividilo en tres fases: inicial (2100-1500 a.C.), media (1500-1200 a.C.) e final (1200-900 a.C.).

Idade do Ferro: Período caracterizado pola aparición dos poboados fortificados en altura e a estruturación definitiva do sedentarismo, cuestións que implicaron importantes transformacións socioeconómicas e culturais. No noroeste peninsular, dátase entre os séculos IX e I a.C. A Primeira Idade do Ferro sitúase entre o 900 a.C. e aproximadamente o 400 a.C., mentres que a Segunda sitúase entre o 400 a.C. e a conquista romana (29-19 a.C. no territorio galaico, referido ás Guerras Cántabras).

Engobe: Arxila moi líquida e depurada que se estende pola superficie das pezas cerámicas cando a pasta aínda está húmida, e que se emprega como elemento decorativo.

Entullo/Cascallo: Acumulación de materiais de cascote, resultantes dunha destrución ou un abandono.

Epigrafía: Ciencia que se encarga do estudo das inscricións sobre materiais duros coma pedra ou metal.

Escotadura: Entrante realizado nun lítico ou peza de metal.

Estratigrafía: En arqueoloxía, estudo dos estratos alterados polo ser humano e das súas relacións, co obxectivo de comprender a secuencia de ocupación humana dun xacemento.

Estrato: Nivel ou capa formada por procesos xeolóxicos ou pola actividade humana.

Estrutura: Elemento estratigráfico construtivo.

Exactor: En época romana, responsable fiscal do cobro e pago de tributos.

Exedra: Construción descuberta, de planta circular ou semicircular, con asentos corridos con respaldo, na parte interior da curva.

Exvasado: Termo aplicado a vaixelas ou outro tipo de colectores, que posúen o bordo aberto ou con sección en V.

Falcata: Espada curta con folla ancha, curva e asimétrica e con empuñadura lixeiramente curva. Esta arma foi utilizada polos pobos da península ibérica da Idade do Ferro.

Falera: Obxecto xeralmente de bronce e de forma circular, que adoitaba estar decorado, utilizándose como arnés de cabalaría.

Fíbula: Broche semellante a un imperdible, utilizado para a suxeición da roupa.

Filigrana: Técnica utilizada en ourivaría baseada no soldado de fíos e gránulos de ouro ou prata, nunha base metálica.

Fontes clásicas: Testemuños escritos provintes do mundo grego ou romano, necesarios para o estudo histórico.

Forum (fora en plural): Núcleos de poboamento galaico-romano con carácter comercial, algúns dos que se converterán en aglomerados secundarios de certa entidade, coa categoría xurídica de municipio.

Fósil director: Material ou resto arqueolóxico ou paleontolóxico, cuxa presenza resulta habitual dentro dos contextos dunha fase histórica, que permite datar con certa precisión a unidade estratigráfica na que se localiza.

Fusaiola: Peza fabricada en material ríxido, principalmente arxila e pedra e con perforación central, utilizada no traballo téxtil, nos fusos de fiado.

Fuso: Obxecto utilizado para fiado de fibras téxtiles, de forma longa, parte central algo arredondada e con extremos apuntados.

Galaico-romano: Período e cultura que define o resultado das influencias sociais, políticas e culturais nas comunidades da Idade do Ferro do territorio galaico.

Garum (ou garo): Salsa preparada con vísceras de peixe fermentadas, moi apreciada na cultura romana. Esta salsa adoitaba ser transportada en ánforas, sendo co sal, un dos conservantes de alimentos básicos da antigüidade. Nas costas da Gallaecia, os romanos implantarán diversas industrias de exportación de peixe e salinas.

Guerras cántabras: Conflito bélico que implicou a conquista dos pobos do norte e o noroeste da Península Ibérica por parte do Imperio Romano, acaecidas entre o 29 e o 19 a.C. Este conflito implicou o dominio completo do territorio ibérico por parte de Roma.

Grafito: Inscrición gravada mediante incisión nun material duro.

Hallsttat: Período sociohistórico característico de Europa Central, nordés da actual Francia e os Balcáns. A nivel cronolóxico e cultural, sitúase entre o Bronce Final e a Primeira Idade do Ferro, caracterizado pola existencia de tumbas suntuosas, unha metalurxia moi destacada e unha acusada xerarquización social.

Hinterland: Territorio extenso de influencia respecto dun lugar central.

Hipodámico: Plan urbanístico mediante o uso de liñas rectas perpendiculares, formando unha planta en dameiro.

Historiografía: Ciencia dedicada ao estudo dos rexistros históricos ao longo do tempo.

Indoeuropeo: Termo aplicado ao grupo de linguas propagadas a finais do Neolítico desde a India ata o occidente europeo e por extensión, aos pobos e culturas asociados.

Ímbrice: Tella curva romana.

Impresión: Marca ou sinal realizada sobre un obxecto, ao facer presión outro máis duro.

Incisión: Trazo conseguido cun instrumento apuntado.

Interfacies: Unidade resultante da destrución de estratificación.

Lucerna: Recipiente en forma de cunca provisto de pico, con ou sen asas, utilizada como lámpada de aceite cunha mecha.

Mamelón: Elemento decorativo ou funcional plástico, utilizado sobre todo en cerámica, que presenta forma de mamila.

Mansio: Establecemento de época romana situada a intervalos nas vías destinado ao repouso de viaxeiros e animais, coincidente xeralmente co fin dunha etapa. Algunhas mansios supuxeron a orixe dun enclave maior.

Matrix Harris: Sistema de organización das unidades estratigráficas dun xacemento mediante un diagrama, no que se representan as relacións existentes entre as mesmas, deseñado polo arqueólogo Edward C. Harris.

Megalitismo: Fase da prehistoria caracterizada pola construción con pedras de gran tamaño, de estruturas funerarias ou de carácter simbólico e relixioso. Entre as construcións diferéncianse, túmulos, dolmens, menhires, círculos e aliñamentos líticos.

Meta: Peza inferior dun muíño circular de man.

Metalurxia: Conxunto de técnicas que abranguen desde a extracción do metal do mineral ata a elaboración final dun obxecto metálico.

Método tipolóxico comparativo: Sistema de análise a través das similitudes formais detectadas entre estruturas, obxectos ou outro tipo de elementos.

Monumento con forno: Edificación protohistórica de carácter relixioso, definida por unha construción con tres estancias que inclúe un forno. Parece ter carácter termal, quizais relacionado con ritos iniciáticos.

Neolítico: Período da Prehistoria recente caracterizado, entre outros aspectos, pola aparición da agricultura e a gandería, sendo representativo, no noroeste da península, o xurdimento do fenómeno megalítico. No noso territorio, sitúase entre o V milenio a.C. e o primeiro terzo do III milenio a.C.

Numismática: Ciencia que se dedica ao estudo e clasificación das moedas.

Oppidum (oppida en plural): Poboado fortificado de grandes dimensións de época protohistórica, que pode desempeñar certas funcións como lugar estratéxico e central con relación a outros hábitats da contorna.

Ourivaría: Traballo dos metais preciosos para a realización de obxectos artísticos ou xoias.

(cerámica de) Paredes finas: Produción cerámica de mesa caracterizada pola finura das paredes das pezas, de apenas uns milímetros. Fabricáronse en diversos obradoiros, sendo a olaría de Melgar de Tera (Zamora), un dos principais abastecedores do noroeste. Cronoloxicamente sitúase entre o século III a.C. e o I d.C., como período álxido, aínda que se prolonga ata o século IV d.C.

Pedra formosa: Pedra característica das saunas ou monumentos con forno, cun pequeno acceso na parte inferior central. Na área sur do territorio galaico, adoitan presentar decoración.

Pedras fincadas: Sistema defensivo composto por pedras fincadas no chan irregularmente, destinadas a dificultar calquera tipo de asalto. No territorio galaico, aparecen eventualmente na contorna dalgúns castros da área suroriental.

Pondus: Pesa de tear, realizada en perda ou arxila. Trátase dunha peza de forma regular, rectangular ou circular, cun buraco no medio.

Poutada: Peso de rede de pedra con dúas escotaduras na zona media.

Produción: Fabricación estandarizada, fixada dentro duns marcos xeográficos e cronolóxicos, composta por un conxunto de tipos.

Protohistoria: Fase situada entre o final da Prehistoria e o inicio da Historia Antiga, referida ás culturas que carecen de produción escrita ou esta é moi breve, coetáneas a outras que teñen desenvolvida a produción documental. No occidente europeo, adoita aplicarse aos pobos da segunda Idade do Ferro.

Repuxado: Técnica consistente na aplicación de presión cun elemento duro sobre unha lámina metálica ou de coiro, co fin de obter unha figura en relevo.

Romanización: Proceso de conquista e integración política e social dos territorios baixo a dominación do Imperio Romano.

Sagum: Capa utilizada polos escravos e certas culturas da Idade do Ferro europea, adoptada posteriormente polos soldados romanos.

Sítula: Caldeiro ou recipiente metálico de forma troncocónica, cilíndrica ou ovoide, sen pescozo.

Siderurxia: Traballo do metal que se encarga de extraer o ferro e transformalo.

Tabula hospitalis: Placa de bronce na que se recolle un tratado de hospitalidade ou de control entre os pobos indíxenas ou representantes dos mesmos e os administradores romanos.

Tegula: Tella plana romana con dúas pestanas laterais sobre as que se colocaba un ímbrice ou tella curva. Sendo utilizada para o teitado de edificios, tivo tamén outros usos construtivos por exemplo en tumbas, pavimentos ou outro tipo de estruturas.

Terra sigillata: Vaixela fina romana amplamente difundida por todo o imperio, fabricada en serie e caracterizada por estar engobada e por presentar un sigillum (marca de fabricación impresa na base). Presenta distintas denominacións atendendo á súa orixe (itálica, gálica, hispánica, africana...).

Tipoloxía: Aplícase á clasificación establecida sobre os modelos dunha produción, definidos a través de aspectos formais.

Torque: Colar semicircular de metal ríxido, rematado en cabezas nos extremos, que poden presentar diferentes formas, sendo característico da cultura castrexa.

Tríscele ou trisquel: Figura composta por tres radios ondulados unidos no centro, formando unha roda. Tradicionalmente relacionouse coa simboloxía solar.

Unidade estratigráfica: Elemento estratigráfico básico correspondente a unha evidencia de modificación do terreo e que reflicte unha actividade determinada. Clasifícanse en depósitos, interfacies e estruturas.

Ustrinum: Lugar de incineración de cadáveres.

Valor fiduciario: Calidade outorgada por unha comunidade ou un estado a un obxecto, cuxo valor como produto ou materia é inferior ao que realmente representa.

Vicus: Asentamento romano aberto, menor que unha cidade.

Vila: Mansión rural romana ligada a explotacións agrarias ou marítimas.

Viriae: Adorno en forma de aro que se pecha no brazo. As pezas prehistóricas xeralmente fabrícanse en bronce.

Bigornia: Peza de ferro que adoita ter un dos lados en punta, para traballar os metais mediante martelo.

Zoomorfo: Con forma de animal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Horario de verán

(1 de xuño - 30 de setembro)

Sábados e domingos ás 12.00 h

Horario de inverno

(1 de outubro - 31 de maio)

Domingos ás 12.00 h

Contacto

RESERVA PREVIA no teléfono do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón

981 189 850

Chamadas locais: 010 / 981 184 278

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión