Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deportes

Área de Fomento e Promoción da cidade

Aberto o prazo para a presentación de solicitudes na XIII Convocatoria de ´Deporte solidario e inclusivo´ e a XI Convocatoria ´Cultura accesible e inclusiva´

O Concello, a través da Fundación Emalcsa, fomenta que as asociacións coruñesas poidan acceder ao financiamento para desenvolveren iniciativas que promovan a inclusión social a través do deporte e a cultura

Cando:

19 de febreiro de 2026

As entidades sen ánimo de lucro da Coruña xa poden presentar os seus proxectos ás convocatorias 'Deporte solidario e inclusivo' e 'Cultura accesible e inclusiva', que o Concello financia a través da Fundación Emalcsa.

Logo de seren aprobadas as bases pola Xunta de Goberno Local e publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP), ábrese oficialmente o período de solicitude para esta nova edición 2025-2026, que lles permitirá ás organizacións do tecido asociativo coruñés accederen ao financiamento para desenvolveren iniciativas que promovan a inclusión social por medio do deporte e da cultura.

Desta forma, o Concello, a través da Fundación Emalcsa, renova a súa aposta polos programas sociais máis emblemáticos da entidade, co que consolida o seu compromiso coa igualdade de oportunidades no acceso a actividades deportivas e culturais para todos os colectivos da cidade.

Máis dunha década impulsando a inclusión

Con trece edicións no eido deportivo e once no cultural, ambas as convocatorias consolidáronse como referentes na promoción da inclusión social na Coruña.

"Ano tras ano, confírmanse como unha ferramenta clave para garantir que ningunha persoa quede atrás e para que o deporte e a cultura continúen actuando como motores de transformación social na nosa cidade", apuntou a alcaldesa, Inés Rey.

Deporte como ferramenta de transformación social

A convocatoria 'Deporte solidario e inclusivo' ten como obxectivo principal apoiar proxectos que utilicen o deporte como vehículo de integración e cohesión social. Esta iniciativa busca fomentar a participación de colectivos en situación de vulnerabilidade, persoas con diversidade funcional e grupos en risco de exclusión social, e promove valores como o traballo en equipo, o respecto, a superación persoal e a convivencia.

Os proxectos seleccionados deberán amosar un impacto real na mellora da calidade de vida das persoas participantes e contribuír á construción dunha sociedade máis inclusiva a través da práctica deportiva.

Cultura accesible para todas as persoas

Pola súa parte, a convocatoria 'Cultura accesible e inclusiva' está destinada a financiar iniciativas que favorezan o acceso universal á cultura eliminando barreiras físicas, sensoriais, cognitivas e sociais. O programa busca que todas as persoas, independentemente das súas capacidades ou circunstancias persoais, poidan desfrutar e participar activamente en actividades culturais.

Esta liña de axudas apoia proxectos que promovan a creación artística inclusiva, a accesibilidade en espazos culturais, a adaptación de contidos e a participación de colectivos habitualmente infrarrepresentados na oferta cultural da cidade.

Requisitos e condicións

As convocatorias, que se desenvolven en réxime de concorrencia competitiva, están dirixidas exclusivamente a entidades privadas sen ánimo de lucro con sede social na Coruña e debidamente rexistradas no Rexistro Municipal de Asociacións Coruñesas (REMAC).

Entre os requisitos fundamentais, as entidades solicitantes deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Ademais, será imprescindible garantir o cumprimento da lexislación vixente en materia de igualdade, non discriminación e protección de menores, ademais de presentar proxectos viables, con obxectivos claramente definidos e capacidade de execución amosada.

Os proxectos serán avaliados por unha comisión técnica atendendo a criterios como impacto social, viabilidade, innovación, accesibilidade, capacidade de execución e contribución á inclusión, entre outros.

Compromiso co tecido asociativo

A Fundación Emalcsa, entidade instrumental do Concello da Coruña, dedicada ao benestar das persoas e ao desenvolvemento social, urbano e cultural da cidade, mantén o seu firme compromiso co fortalecemento do tecido asociativo local.

Estas convocatorias representan unha oportunidade para que as organizacións sociais coruñesas desenvolvan proxectos innovadores que contribúan a facer da Coruña unha cidade máis inclusiva, solidaria e cohesionada.

Coa aprobación destas bases, iníciase un novo ciclo de colaboración entre a Administración Local e as entidades cidadás comprometidas coa transformación social a través do deporte e da cultura.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión