A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a gala na que se lles entregaron os galardóns ás e aos deportistas gañadores da pasada edición 2025, na que se bateu o récord histórico de persoas inscritas: máis de 19.400
20 de febreiro de 2026
A Coruña xa vibra coa volta inminente do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que este ano vivirá a súa XIII edición e arrincará o vindeiro 14 de marzo coa tradicional proba ao pé da Torre de Hércules.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e polo speaker oficial do programa, Xalo Maira, animou a cidadanía a sumarse ao circuíto nesta nova tempada, que xa conta cun calendario de datas definido. Desvelouse hoxe, na gala Coruña Corre, que se realizou pola tarde no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, coa asistencia de moitas e moitos dos deportistas participantes na edición do ano 2025.
Tal e como expuxo a rexedora, "foi unha edición de récord", xa que se bateu o máximo histórico de inscricións no circuíto, con máis de 19.400 persoas anotadas.
"Nada disto é casualidade. É froito dun traballo de continuidade que, desde hai tempo, implica os servizos municipais, as entidades e o persoal voluntario, fundamentais na organización e dinamización das carreiras populares, que cada ano se afianzan como un atractivo engadido no calendario de eventos da nosa cidade", indicou Rey, que agradeceu o apoio dos patrocinadores do circuíto, tamén a colaboración da Federación Galega de Atletismo, os clubes da cidade e as asociacións veciñais, vitais para o circuíto.
Na gala, concibida como un espectáculo dinámico e participativo para todos os públicos, houbo guiños a tendencias como o uso da Intelixencia Artificial, en contraposición con valores como a humanidade do circuíto, tal e como lembrou Xalo Maira.
Foi unha velada na que se fixo fincapé na diversidade, heteroxeneidade e interxeracionalidade do circuíto, no que participan persoas de todas as idades, desde a categoría de peques ata adultos. En base a esta idea, o circuíto tamén estrea lema este ano: 'Na Coruña corremos todas e todos', co que se fai palpable o amplo abano de perfís que toman parte nas carreiras: tanto os que compiten en busca de marcas como os que non, independentemente da súa idade.
Ese foi o espírito que acompañou a entrega de galardóns, na que se recoñeceron os equipos, as familias e os centros escolares participantes. E, por suposto, as e os mellores deportistas de cada categoría, encabezados por Alba Raso e Antón Gómez na absoluta feminina e masculina, respectivamente.
Neste 2026, sete carreiras, coa primeira a mediados de marzo
Na gala de hoxe tamén se publicou o calendario de carreiras populares desta nova edición de Coruña Corre. Serán, novamente, sete probas, distribuídas entre os meses de marzo e novembro, co habitual parón estival nos meses de xullo e agosto.
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor as raíces de Coruña Corre, que non só promove o deporte e os hábitos saudables, senón que tamén contribúe a dinamizar os diversos distritos da cidade, "unha forma de animar e darlles máis vida aos nosos barrios".
A programación do Coruña Corre 2026 arrincará o 14 de marzo coa carreira popular da Torre de Hércules, cando o faro se volverá iluminar de cor morada ao abeiro da programación municipal polo 8-M, Día Internacional da Muller.
Será o punto de partida de cara ás seis probas restantes: Matogrande-Xuxán (12 de abril), San Pedro de Visma (10 de maio), Os Rosales (31 de maio), Volta a Oza (13 de setembro), O Ventorrillo (25 de outubro) e Novo Mesoiro (22 de novembro).
Nos vindeiros días, o Concello informará a través das súas canles oficiais da apertura do prazo de inscrición: tanto no conxunto do circuíto, para as persoas interesadas en anotarse nas sete carreiras, como especificamente para a proba da Torre.
21/02/2026
21/02/2026
Os días 08/02/2026 ás 16:15 , 21/02/2026 ás 16:15
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible