Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deportes

Concellería de Deportes

Máis de 1.200 cidadáns acudiron ao novo Centro Deportivo do Castrillón durante as xornadas de portas abertas

O prazo de preinscrición para gozar das instalacións, que abranguen unha pista multideportiva, unha piscina e área de hidromasaxe, abrirase durante este mes de outubro, e o centro abrirá as súas portas o 27 de decembro

Cando:

2 de outubro de 2022

Entre o venres e o sábado, máis de 1.200 cidadáns participaron na dobre xornada de portas abertas promovida polo Concello no Centro Deportivo do Castrillón, que entrará en funcionamento o vindeiro día 27 de decembro.

As xornadas de portas abertas, organizadas para amosar á cidadanía as novas infraestruturas deportivas no barrio do Castrillón, así como para animar ás coruñesas e coruñeses a se inscribir e gozar da oferta deportiva que se ofrecerá nas instalacións, comezaron o venres, en horario de tarde (16.00 a 20.00 horas), despois de que a alcaldesa, Inés Rey, presentara os novos servizos pola mañá á asociación veciñal. Xa o sábado, o Centro Deportivo do Castrillón abriuse ao público en dobre quenda: de mañá (10.00 a 14.00 horas), e de tarde (16.00 a 20.00 horas).

No seu percorrido polo interior do recinto, os visitantes foron guiados por persoal municipal que explicou, ás e aos participantes nas xornadas, a distribución e usos que se lles dará ás diversas estancias do centro deportivo desde a súa posta en marcha o vindeiro 27 de decembro.

As instalacións do Centro Deportivo do Castrillón

Os visitantes puideron percorreron os dous andares do Centro Deportivo. Na primeira planta atópanse os controis de acceso e unha zona de agarda. Hai catro vestiarios, dous por xénero e outros dous para equipos que compitan puntualmente nas instalacións. Nesta parte sitúase, ademais, a pista polideportiva, cunha bancada para 100 espectadoras e espectadores. Trátase dunha estrutura divisible en dúas partes mediante cortinas para poder levar a cabo varias actividades de forma simultánea. Atópase tamén, neste primeiro andar, a piscina de catro estaxes e a zona termal, con saunas, diferentes tipos de duchas, hidromasaxe e espazo para dous postos de masaxe. Completa esta primeira planta unha sala de actividades dirixidas, divisible en dúas partes mediante paneis móbiles.

No segundo andar é onde está localizada a sala de fitness, que contará cunha zona cardiovascular e de musculación. Tamén haberá outra sala de actividades dirixidas, divisible en tres partes. O resto de estancias do Centro Deportivo do Castrillón forman parte dos espazos reservados para o persoal e o mantemento. 

O prazo de preinscrición abrirase este mes de outubro

Durante este mandato, o Goberno de Inés Rey levou a cabo un investimento de case 2 millóns de euros para completar estas instalacións, que contan cunha superficie total de 3.445 metros cadrados. 

O período de preinscrición no Centro Deportivo do Castrillón comezará durante este mes de outubro, cando se informará ás persoas interesadas de todos os detalles sobre o seu uso.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión