1 de marzo de 2023
A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao plan de modificación puntual da actual ordenanza municipal, que se remonta ao ano 1997. “Debe adaptarse á normativa vixente”, lembrou a alcaldesa
O Goberno municipal aprobou hoxe, en Xunta de Goberno Local, o proxecto para a modificación puntual da ordenanza municipal para a protección e tenza de animais, un trámite de carácter previo á súa aprobación inicial no Pleno.
Anunciouno esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, que lembrou que a ordenanza municipal actual remóntase ao ano 1997. "O obxectivo é adaptala á normativa vixente, co propósito de mellorar a convivencia dos animais coa veciñanza, con especial atención á salubridade", sinalou a rexedora. Neste sentido, e unha vez que se aprobe a modificación da ordenanza, toda persoa que pasee co seu can pola vía pública deberá levar consigo unha botella de líquido para limpar as miccións dos animais.
A ordenanza actualiza tamén o apartado referente ás sancións por infraccións, subindo os importes, por exemplo no caso das infraccións leves: por non recoller os excrementos, infracción que antes oscilaba entre os 30 e os 300 euros, pásase dun mínimo de 100 ata 500 euros.
Por outra banda, e ademais de incluír a prohibición do sacrificio animal, acorde coa lexislación vixente, este proxecto de modificación da ordenanza abrangue a novidade da inclusión da cala de Bens como praia canina. "Desta forma, e unha vez que se aprobe a ordenanza, este areal pasará a ter dita consideración durante todo o ano, o que permitirá acudir ás persoas usuarias cos seus cans, sempre baixo o seu control e responsabilidade", explicou Inés Rey.
Licitación do novo contrato na canceira de Bens
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a licitación do servizo de recollida, transporte, mantemento e residencia de animais domésticos na cidade, centralizado no Centro Municipal de Animais Domésticos de Bens.
Este novo contrato abrangue o servizo de lazaría de animais domésticos en todo o termo municipal, a identificación e saneamento dos animais e tamén a residencia e mantemento dos mesmos; a xestión da adopción e acollida temporal de animais abandonados e tamén a xestión das colonias felinas.
Neste sentido, establécese un mínimo de 190 intervencións anuais a respecto da xestión das colonias felinas, "unha cuestión na que é de agradecer a colaboración cidadá, pola súa importante achega", apuntou a alcaldesa.
Tocante ao apartado de persoal, o contrato establece que deberá haber, como mínimo, un responsable de servizo, catro operarios e un servizo de retén para cubrir o contrato os 365 días do ano, persoal de atención ao público e tamén a disposición dun veterinario a tempo completo.
O novo contrato terá unha duración de dous anos, prorrogables por outros tres máis, dotados de 493.335 euros por exercicio.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible