Concello da Coruña

Concello da Coruña

Que é sostenibilidade?

O desenvolvemento sostible é o desenvolvemento que satisfai as necesidades do presente sen comprometer a capacidade das xeracións futuras de satisfacer as súas propias necesidades, e baséase na capacidade de sustentación do medio natural.

Pero coidado: desenvolvemento sostible non é igual a "crecemento sostido".

A expresión "crecemento sostido" fai referencia aos ritmos de crecemento dos datos macroeconómicos, que poden ou non ter algo que ver coa ampliación da xustiza social e o desenvolvemento cultural das nacións, ou coa difusión dun estilo de vida sostible. O "crecemento sostido" é a miúdo insostible, xa que implica uns ritmos de explotación dos recursos naturais que impiden a súa rexeneración natural.

As actividades individuais e colectivas son sostibles cando:

  • O ritmo de consumo dos recursos non supera a capacidade dos recursos naturais para rexeneralos.
  • O ritmo de emisión de contaminantes e de produción de residuos non supera a capacidade do medio ambiente para absorbelos e procesalos.
  • O consumo dos recursos non renovables non supera a capacidade humana para implantar de maneira efectiva tecnoloxías alternativas destinadas a substituír este consumo en idéntica ou superior proporción.

Ademais, a sostenibilidade tamén supón:

  • Unha mellora da xustiza social e da democracia.
  • A adaptación ás características e condicións dos ecosistemas dos diferentes lugares.
  • A superación dos esquemas culturais dominantes, que relacionan a calidade de vida coa posesión de bens materiais e co uso indiscriminado de recursos.

Volver a menú

Que é a Axenda 21?

A Axenda 21 é un programa para desenvolver a sustentabilidade a nivel planetario, aprobado por 173 gobernos na Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento celebrada en Río de Janeiro en 1992. Abarca aspectos económicos, sociais e culturais, así como relativos á protección do Medio Ambiente. O seu capítulo 28 anima ás comunidades locais a crear a súa propia versión, unha Axenda 21 Local.

O certo é que gran parte dos obxectivos da Axenda 21 dependen case en exclusiva do papel das comunidades locais. É dicir, das decisións, actitudes e comportamentos dos cidadáns e autoridades locais. Estas últimas ocúpanse da creación, o funcionamento e o mantemento da infraestrutura económica, social e ecolóxica, supervisan os procesos de planificación, establecen as políticas e regulamentacións ecolóxicas locais e contribúen á execución das políticas ambientais nos planos nacional e internacional. Grazas á súa proximidade aos cidadáns, desempeñan unha función importantísima na educación e mobilización da cidadanía en prol do desenvolvemento sustentable.

Volver a menú

Que é a Carta de Aalborg?

A carta das cidades europeas cara á sostenibilidade, coñecida como "Carta de Aalborg", foi asinada nesta cidade danesa por 80 autoridades locais europeas tras a clausura da Conferencia Europea sobre Cidades e Poboacións Sostibles realizada entre o 24 e o 27 de maio de 1994. A Carta de Aalborg supuxo o inicio da Campaña Europea de Cidades e Poboacións Sostibles.

Calquera autoridade local ou conxunto de autoridades locais pode adscribirse á campaña aprobando e asinando a carta. Isto compromete a autoridade local a participar no proceso da Axenda 21 Local, cuxo fin é crear e poñer en práctica un plan de acción local para a sostenibilidade.

A Coruña foi a primeira cidade galega que subscribiu ese compromiso hai xa máis dunha década e estivo presente no cume de Aalborg +10, onde ratificou aquel primeiro pacto adoptado por unanimidade no pleno municipal do 14 de abril do 2000.

Volver a menú

Compromiso municipal

A Axenda 21 Local é entendida desde o Concello da Coruña como un proceso continuo que non se acaba coa elaboración dun documento como así o demostra o feito que, desde a firma da Carta de Aalborg ata o día de hoxe, xa se puxeron en marcha boa parte das propostas do Plan de Acción desenvolvido durante os primeiros anos da década pasada e xa se deseñou unha nova batería de propostas para os anos vindeiros, especialmente para o horizonte 2020.

Esta web reflicte as principais liñas de acción nas que traballa cada día este concello na procura dunha cidade máis sustentable, onde se materializa un compromiso claro nos grandes retos ambientais deste milenio como son a loita contra o cambio climático desde o ámbito local, a responsabilidade no mantemento dunha atmosfera cada vez máis limpa, a aposta por unha cidade silenciosa pero viva, a procura de novos modelos de xestión de residuos ou o goce de amplos espazos verdes para a cidadanía. Todos eles son son só unha pequena mostra do que implica a aposta por conseguir a mellor herdanza para as xeracións futuras: unha contorna mellor que o que nós recibimos.

Volver a menú

O Diagnóstico de Axenda 21 constituíu a síntese do proceso de traballo técnico levado a cabo entre os anos 2002 e 2003, co que se tratou de coñecer a cidade da Coruña en todas as súas realidades e interpretala dende a sostenibilidade e cunha visión integrada.

O comportamento demográfico da Coruña, a xestión dos recursos e a súa protección, os hábitos da poboación coruñesa, a dinámica económica e do mercado de traballo, a prestación de servizos e as necesidades existentes son aspectos que foi necesario coñecer e interpretar para detectar aquelas áreas de mellora e potencialidades da Coruña como cidade sostible.

O documento Diagnóstico Integral da realidade da Coruña no marco de Axenda 21 naceu como consecuencia da análise e valoración da realidade municipal en cada unha das áreas temáticas analizadas.

En primeiro lugar analizáronse e estudaron as variables que condicionan o estado da cidade e a partir de aí, interpretouse a dita situación tomando como criterio de diagnóstico os principios de sostenibilidade e a situación obxectivo da Coruña, cidade sostible. Para cada variable obxecto de análise, detalláronse os seguintes elementos:

  • Principais datos de interese, derivados do Informe Análise.
  • Elementos clave do diagnóstico municipal ou principais conclusións interpretadas do documento Análise.
  • Elementos clave do diagnóstico estratéxico dende a sostenibilidade ou detección das principais áreas de mellora e potencialidades da Coruña respecto diso.
  • Proxectos e medidas a futuro que o Concello da Coruña contemplaba desenvolver naquel momento a curto-medio prazo e en relación a cada variable relacionada. Iso non quere significar que o Concello da Coruña sexa a única e exclusiva administración implicada nin axente da cidade con necesidade de compromiso coa realidade municipal.

Áreas temáticas e variables relacionadas que se analizaron:

  1. Demografía
  2. Sectores ambientais clave:
    • Ciclo integral da auga
    • Xestión de residuos
    • Enerxía
    • Calidade do aire
    • Calidade acústica
  3. Transporte, mobilidade e accesibilidade
  4. Contorno litoral e ecoloxía local
  5. Espazo urbano
  6. Economía e emprego
  7. Calidade de vida e democracia local
  8. Sostenibilidade global

Aínda que hoxe en día podemos falar do Diagnóstico de Axenda 21 como un documento histórico, non debemos perder a súa referencia no deseño de boa parte das liñas de traballo no campo da sostenibilidade que se abriron dende entón.

Grazas ao diagnostico municipal, puxéronse en marcha un bo número de actuacións, das que hai unha boa mostra nesta web, que permitiron achegarnos aos obxectivos de sostenibilidade previstos no devandito documento.

Volver a menú

Indicadores

Para o diagnóstico e seguimento das accións da nosa Axenda 21 local deseñáronse no seu momento unha batería de indicadores que posteriormente foron incorporados en parte ao Observatorio Urbano, como departamento responsable do seu mantemento.

A Axenda 21 Local da Coruña compoñíase en 2002 dunha proposta de 204 indicadores distribuídos nas seguintes seccións:

  • Auga
  • Residuos
  • Aire e ruído
  • Enerxía
  • Mobilidade
  • Contorna Litoral e Ecoloxía Local
  • Espazo Urbano
  • Benestar social
  • Emprego
  • Cultura e Deporte
  • Demografía
  • Economía
  • Educación
  • Participación cidadá
  • Saúde Pública
  • Seguridade Cidadá
  • Vivenda

Volver a menú

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión