Concello da Coruña

Concello da Coruña

Coruña Sostible

Área de Economía e Planificación Urbana

Composta Coruña poster

PROGRAMA COMPOSTEIROS DOMÉSTICOS CORUÑA 2026

Chega o programa sobre compostaxe caseira dirixido a persoas, centros educativos e entidades sen ánimo de lucro que dispoñan de espazos verdes.

O Concello da Coruña vai distribuir gratuitamente 80 composteiros domésticos de 300 litros entre todas aquelas persoas interesadas en colaborar no tratamento de residuos de orixe doméstica.

Coñeces a compostaxe doméstica?

Consiste en transformar os residuos orgánicos xerados nun fertilizante para as túas plantas ou xardín. É sinxelo e moi cómodo.

Só tes que dispor dun terreo, xardín, horta ou espazo adecuado para a instalación dun composteiro doméstico e empregar o compost obtido.

Coa compostaxe, reciclas a materia orgánica e reduces a cantidade de residuos que acaban no colector. Os residuos non viaxan porque quedan na túa casa e isto permite cerrar o ciclo da materia orgánica, coma na natureza, ademais de contribuír a frear o cambio climático.

Cales son os principais beneficios?

  • Obter compost para o seu aproveitamento en hortas, xardíns e outros espazos verdes particulares.
  • Fomentar hábitos sostibles e ambientalmente responsables.
  • Incrementar a participación da veciñanza nas políticas municipais de prevención e xestión de residuos.
  • Reducir a cantidade de residuos orgánicos depositados nos colectores municipais.
  • Impulsar a educación ambiental e o coñecemento práctico da economía circular.

Que obtés se resultas beneficiario dun composteiro?

  • Un composteiro de 300 litros con aireador.
  • Un manual informativo.
  • O asesoramento, información e seguimento por parte do Concello.
  • A axuda dunha persoa especializada, que realizará un mínimo de 2 visitas de seguimento durante o primeiro ano.

Cal é o teu compromiso?

  • Utilizar o composteiro para a produción de compost a partir de residuos orgánicos domésticos e empregalo no teu espazo verde (situado dentro do termo municipal da Coruña).
  • Manter o composteiro en boas condicións e mantelo operativo durante un mínimo de cinco (5) anos dende a súa entrega.
  • Conservar a publicidade existente nos composteiros, indicativa da financiación con fondos europeos e da Xunta de Galicia.
  • Recibir información, participar e asistir no seu caso, ás xornadas formativas que organice o concello.
  • Facilitar as tarefas de seguimento que se programen polo concello.
  • Participar nas enquisas ou sondaxes que se soliciten por parte do concello, a través de persoal funcionario ou terceiros contratados.
  • Comunicarlle ao concello calquera incidencia relevante.

Queres ter parte na campaña de composteiros domésticos 2026?

Tanto se es persoa física como centro educativo ou asociación sen ánimo de lucro, poderás realizar a solicitude dun composteiro presentando o modelo normalizado.

Inicialmente, reservaranse 30 unidades para centros educativos e asociacións sen ánimo de lucro, e as restantes 50 unidades, para persoas físicas.

Os composteiros asignaranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes no Rexistro Xeral do Concello da Coruña e sempre que cumpran cos requisitos desta convocatoria. Deberás presentar as túas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello da Coruña ou a través de calquera das outras formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Podes consultar a información desta convocatoria nas bases que te deixamos a continuación, e solicitar un composteiro utilizando os seguintes formularios:  Convocatoria Composta Coruña_anexos solicitudes

O prazo para solicitar un composteiro será do 21.08.2026 ao 10.09.2026, ambos incluídos.

Esperámoste!

Bases da convocatoria (anuncio BOP núm. 158 de 20.08.2026) (152 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión