Concello da Coruña

Concello da Coruña

Ecosistemas

Zonas submarinas

O fondo do mar pertencente á plataforma continental, máis concretamente os primeiros metros dende a costa, ofrécenos un espectáculo grazas á súa comunidade de seres vivos.

As algas elixen diferentes substratos. Así as correas prefiren fondos de grava mentres que as cintas aséntanse sobre rochas. As máis grandes, as laminarias (de ata 4 m de lonxitude) aséntanse en rochas e forman bosques submarinos que ofrecen protección e refuxio. Outras como os carballóns teñen vexigas de aire que lles axudan a manterse erguidas e a flotar durante a baixada da marea. Na Coruña podemos atopar máis de 30 especies de algas.

E nas algas ou sobre elas vive a fauna submarina. Entre os peixes son frecuentes a piarda ou a castañuela, douradas e blenios, todos eles en zonas rochosas ou peixes planos nos fondos de area. Moluscos como quitóns e orellas de mar ou outros máis apreciados como xibas ou polbos.

Volver a menú

Mar aberto

Dende a costa é posible observar algúns dos habitantes do mar. Con frecuencia podemos ver golfiños mulares e calderóns, que ás veces se achegan á costa e ás praias. Algunhas especies de aves realizan espectaculares migracións sobre o mar, como os mascatos, pardelas, carráns, etc.

Volver a menú

Paredes e muros

Nunha cidade que mira ao mar, a similitude das paredes e muros cos acantilados naturais converten os nosos edificios no fogar elixido por animais e plantas típicos das formacións rochosas. Neles crían aves como o cirrio, o rabirrubio, a gaivota patiamarela, a pomba,… Outras, coma o falcón peregrino, empregan as torres máis elevadas como atalaias de caza. A vexetación é aquí escasa. Aínda así, nalgúns puntos concretos poden crecer pequenos xardíns de algas e musgos, fentos como o polipodio e mesmo algunha florciña como o Embigo de Venus.

Os muros das zonas máis rurais do municipio son moito máis ricos en vida. Aquí pódense achar lagartas, líquenes, caracois, multitude de insectos, plantas hepáticas e trepadoras...

Volver a menú

Rúas e prazas

Como é lóxico, a diversidade da vida nestes lugares aumenta coa superficie de zonas verdes. Ademais da vexetación ornamental e das pequenas plantas que crecen espontaneamente aos seus pés, como o dente de león, é moi fácil atopar pardais, merlos ou lavandeiras.

Volver a menú

Edificios

No interior dos edificios viven numerosas especies, moitas delas incómodas para nós: peixiños de prata, cascudas, ratos… As xanelas abertas no verán son unha invitación a entrar ás bolboretas nocturnas.

Volver a menú

Soares

Os soares abandonados acollen a multitude de "okupas" naturais. Entre a abundante vexetación, da que sobresaen os sabugueiros, é posible observar numerosos invertebrados como caracois e insectos, bolboretas incluídas, así como lagartas ou musarañas. Tamén poden verse pequenas aves.

Volver a menú

Xardíns e parques

Ademais do fogar de extraordinarios exemplares de árbores ornamentais, os xardíns e parques coruñeses albergan unha nutrida comunidade de pequenos animais. Nos xardíns do centro da cidade, coma os Cantóns de Méndez Núñez, San Carlos ou Santa Margarita, son moi abundantes paxaros como o picafollas ibérico, o ferreiriño negro, o ferreiriño real, a rula turca, o pombo torcaz, o merlo… E, por suposto, tamén os omnipresentes pardais e pombas.

A última hora da tarde e primeira da mañá, durante os meses máis fríos, os estorniños pintos forman grandes bandadas. Entón é tamén posible observar o falcón peregrino mentres tenta cazalos. Outras aves de presa propias dos nosos ceos, e máis frecuentes cara ás aforas, son o miñato, o gabián e o lagarteiro.

Nos parques de San Pedro-Cortigueiro e Bens, os liñaceiros e xílgaros forman bandadas de decenas de exemplares. No inverno, as picas percorren sen descanso as amplas extensións de herba. No verán, as rulas comúns fan os seus niños entre os macizos naturais de toxo. Outros animais típicos destes grandes parques son o lagarto arnal, o coello e mesmo o raposo. E, por suposto, infinidade de pequenos invertebrados que son o principal alimento de todos os anteriores.

Volver a menú

Estanques

De orixe artificial, nos estanques de Santa Margarita, San Pedro e Bens viven varias familias de patos e gansos, que non son aves salvaxes.

Volver a menú

O porto

A intensa actividade portuaria non é obstáculo para uns cantos animais que obteñen o seu alimento nesta zona. Non é raro observar a unha manda de golfiños mulares entre o dique de abrigo ou no Castelo de San Antón. En ocasións mesmo se pasean pola dársena. Entre cargueiros, arrastreiros ou palangreiros voan varias especies de gaivotas. As máis comúns son a patiamarela, a escura e a chorona. Na auga é fácil descubrir a corvos mariños grandes e carolos.

Un lugar sorprendente é o dique flotante situado fronte ao Castelo de San Antón. Construído a base de pneumáticos usados, é o refuxio durante a preamar dun impresionante número de aves acuáticas que inclúen pilros comúns, escuros e gordos, mazaricos rubios, virapedras, corvos mariños grandes e cristados,… Ademais, é o lugar de repouso de centos de gaivotas choronas, cabecinegras e escuras, gaivotóns, carráns cristados e moitas outras especies de aves.

Volver a menú

Praias e rochas

As nosas praias e as zonas rochosas que as delimitan son fervedoiros de vida. Pasear á beira do mar supón atoparse con restos chegados ata a area que nos falan da vida na costa: caparazóns de ourizos de mar, cunchas de multitude de especies, algas arrincadas dos fondos,...

Achegarse ás rochas que rodean a praia durante a marea baixa descóbrenos todo un mundo escondido. As algas como as correas ou os carballóns agárranse ás rochas e xunto a elas, nas pozas de auga salgada, algas vermellas de diferentes especies mestúranse con algas calcáreas, de consistencia semellante aos corais e tapizando as rochas. E quen non coñece a leituga de mar? É esa alga verde, case translúcida, presente en case todas as charcas de auga salgada. Nesas mesmas pozas ou nas gretas, unha multitude de invertebrados percorre o intermareal. Alí haberá cangrexos queimacasas, minchas ou lapas. Outros en cambio permanecen inmóbiles como os diferentes anemones ou os balanos, en espera de que volva subir a marea. Ourizos e estrelas de mar son tamén dos máis coñecidos por todos.

Tamén aquí varias especies de aves acoden a alimentarse da multitude de animaliños: gaivotas, virapedras ou biluricos.

Volver a menú

Acantilados

Os acantilados de rocha representan un hábitat moi estrito debido aos constantes ventos, salinidade e dificultade de agarrarse ao substrato, moitas veces vertical. Atopamos aquí algunhas plantas de alto interese, como a herba de namorar, unha das máis típicas deste hábitat. Xunto a ela aparece o perexil de mar, antigamente empregada contra o escorbuto, as uvas de gato e diferentes especies de líquenes que tapizan as rochas de cores grises, negras, amarelas e alaranxadas.

Gaivotas, falcóns ou lagarteiros aproveitan as correntes que se forman fronte aos cantís para realizar os seus voos.

Volver a menú

Illas

As pequenas illas e illotes son ecosistemas en miniatura. Case todos eles comparten a súa flora e fauna coas zonas de cantil e as rocas do litoral. Pero ao estar separados de terra firme teñen unhas características especiais. O constante golpear das ondas favorece a presenza do mexillón fixado ás rochas e, sobre todo, do percebe, que aínda sobrevive en varios lugares. A vexetación redúcese practicamente á presenza de algas, capaces de soportar ondas e mareas.

A tranquilidade dos illotes fainos ideais para que moitas aves mariñas os utilicen como lugares de repouso ou durmidoiro. Así é frecuente observar os corvos mariños coas súas ás abertas para que se sequen ou mergullándose nos arredores, gabitas, gaivotas, etc.

Volver a menú

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión