26 de xuño de 2014
A iniciativa do Concello, que se realizará esta fin de semana, inclúe todo tipo de actividades para nenos e bebés
O Concello, a través da Área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa sobre as actividades que se realizarán o sábado, 28 de xuño, e o domingo día 29. A iniciativa, bautizada como A Cidade dos Rapaces, pretende dar a benvida ao verán e proporcionar un espazo de lecer para os máis pequenos durante as súas vacacións, dando continuidade aos 10 días de actividades infantís proxectados con motivo do San Xoán en todos os barrios da cidade, xardíns de Méndez Núñez e praza de María Pita.
Nesta ocasión, as actividades trasládanse á explanada do Parrote que se converterá, durante dous días, nun espazo de xogo, maxia, teatro, cinema, música e diversión para os máis pequenos; cumprindo cunha das prioridades do Goberno municipal e aproveitando unha localización única da cidade que ofrece infinidade de posibilidades, conta cun potencial extraordinario e pon a disposición dos veciños e visitantes 23.000 metros cadrados de espazo público. Para iso, e co obxectivo de que toda a cidadanía o coñeza, o novo aparcadoiro do Parrote será gratuíto durante a fin de semana; en concreto, dende as 13.00 horas de mañá venres, cando se abrirá ao público, ata as 24.00 horas do domingo.
Así, os días 28 e 29 de xuño, de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, a explanada do Parrote acollerá unha proposta que inclúe microcine, microteatro e micromaxia; danza, equilibrios e contorsión da man de Shakti Olaizola con Irrakurriz; maxia, con Charli Mag; ou a colocación de dúas grandes instalacións de xogos para nenos a partir de 4 anos (Colores de monstruo, da compañía Tombs Creaticus); e para nenos ata os 4 anos (Apicirc, da compañía Pessic de Circ). Ademais, é a primeira vez que a programación infantil na rúa ofrece actividades dirixidas a todos os nenos, incluídos o período de idade que vai dende os 0 aos 3 anos, dando resposta a unha demanda familiar que reclamaba este tipo de espectáculos.
En concreto, realizaranse as seguintes actividades:
1. Colores de monstruo, de Tombs Creaticus. Instalación de xogos de madeira a cargo de Carles Por, artista plástico, deseñador gráfico e realizador de cinema de televisión.
2. Apicirc, de Pessic de Circ. Un espazo de xogo e experimentación sensorial para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Instalación ambientada coa temática do circo e as abellas, arredor de cinco domos para gozar en familia con obxectos, marionetas e xoguetes realizados artesanalmente.
3. Puck Cinema Caravana, de Tombs Creaticus. Caravana convertida en sala de proxección na que caben sete persoas. O obxectivo é espertar a paixón polo cinema de animación e o programa está composto por doce curtas, ideado para satisfacer un amplo espectro de idades. As curtas teñen unha duración de 4 a 10 minutos.
4. Sie7e, de Ymedioteatro. Teatro sobre rodas con pouco máis de sete metros cadrados, 3 actores e 15 espectadores, durante non máis de dez minutos. Trátase dun innovador espectáculo para todos os públicos que fusiona o teatro de rúa co teatro de sala.
5. La Petite Caravanne, de Adrián Conde. Orixinal teatro que pode albergar as máis variadas representacións: maxia, monicreques, teatro e sombras chinesas. Os espectáculos, de 12 minutos de duración, contarán con 25 espectadores.
6. Espectáculo ao aire libre: Momentos mágicos, de Charlie Mag. Espectáculo de enxeño, humor e maxia; e Irakurriz, de Shakti Olaizola. Accións e obxectos cotiáns converteranse en xogo por medio da voz, os equilibrios, a danza ou a contorsión.
7. Pasacalles: Tam Tam, de Maduixa Creacións. Espectáculo de rúa que combina teatro e danza en altura a ritmos de tambores e música en directo. A utilización de zancos de grande altura e un orixinal vestiario fai que sexa un espectáculo visible por un gran número de persoas.
Dende a Concellería de Cultura destácase ademais que o Concello xa incorporou o novo espazo á programación cultural da cidade, na mesma liña que se fixo con outros grandes escenarios ao aire libre como os xardíns de Méndez Núñez, os areais ou o parque de Santa Margarita.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible