11 de maio de 2026
A creación do vial supuxo a urbanización de máis de 4.000 metros cadrados de beirarrúas e a creación de case medio cento de prazas de estacionamento gratuíto
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou o vial construído na Agra dos Mallos, ideado para mellorar a permeabilidade entre Os Mallos - Sardiñeira e Vioño - Agrela, tanto para vehículos como para as persoas viandantes
O Concello avanza coa súa folla de ruta para revitalizar os barrios dos Mallos e A Sardiñeira, un plan de acción impulsado en paralelo á construción da Intermodal e que hoxe viviu un paso clave coa apertura dun acceso á contorna da estación: o novo viario que conecta as avenidas de Arteixo e A Sardiñeira a través da Agra dos Mallos.
A creación deste vial, que supuxo un investimento de máis de 2 millóns de euros -cofinanciados con fondos europeos do Plan EDIL-, permitirá absorber o tráfico específico da intermodal nunha das principais portas de acceso á cidade, "mais o obxectivo é tamén mellorar a permeabilidade entre Os Mallos - Sardiñeira e Vioño - Agrela no seu conxunto, tanto no referente ao paso de vehículos como para as persoas viandantes, ademais de contribuír á mellora da calidade urbana do barrio", explicou esta mañá a alcaldesa, Inés Rey.
A rexedora, acompañada pola concelleira Montse Paz, supervisou hoxe as tarefas de apertura do vial e fixo balance das actuacións executadas na superficie urbanizada: 4.100 metros cadrados de beirarrúas (1.900 na Agra dos Mallos e 2.200 na avenida de Arteixo), case un milleiro de metros cadrados de áreas axardinadas de nova creación, medio cento de árbores plantadas e novo mobiliario urbano.
Por outra banda, o Concello aproveitou a intervención na Agra dos Mallos para seguir trenzando os percorridos ciclables polo barrio, ampliándoo. No vial e a súa contorna súmanse 1.200 metros de carril-bici (500 no novo vial e 700 na avenida de Arteixo), que dan continuidade tanto ao treito existente entre avenida de Arteixo - Marineda e ao executado recentemente na avenida da Sardiñeira.
O vial inclúe case medio cento de prazas de estacionamento gratuíto
Ademais, ao longo do vial creáronse 49 prazas de estacionamento gratuíto en batería (dúas delas, PMR), que se suman ás xa existentes no aparcadoiro da explanada lindeira ao pavillón polideportivo da Sardiñeira.
Este case medio cento de prazas de estacionamento teñen outra vantaxe: poderán usarse todo o ano, xa que non lles afectará a instalación do mercadillo en días específicos da semana, como si pasaba anteriormente.
Con este investimento rematado, o Concello avanza na execución do Plan de Barrios, con actuacións como a agora finalizada ou as que están en marcha na Sagrada Familia, que súmanse as que se están a executar ou en fase de contratación noutros puntos da cidade como Monte Alto, Visma, Agra do Orzán, O Castrillón e Palavea, entre outros.
Unha intersección semafórica na avenida de Arteixo
A construción da nova conexión entre a Sardiñeira e a avenida de Arteixo tamén supuxo a creación dunha intersección semafórica, en forma de T, que permitirá contar cun acceso directo á área de intermodalidade desde a avenida de Arteixo en sentido saída da cidade.
Esta medida, adoptada polos servizos municipais tras a realización dun estudio de tráfico o ano pasado, estima mellores resultados no referente aos tempos de agarda con respecto ao plantexamento do proxecto inicial, que valoraba a construción dunha rotonda en forma de óvalo entre o novo vial da Agra dos Mallos e a avenida de Arteixo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible