15 de abril de 2014
Estas accións teñen como fin chegar a toda a sociedade para mellorar a seguridade viaria
O Concello da Coruña, a través da Área de Mobilidade que dirixe Begoña Freire, informa da memoria de actividades de educación viaria do 2013, que o pasado ano chegaron a un total de 1.628 persoas, das que 1.539 foron alumnos e alumnas de centros escolares.
O obxectivo destas accións formativas é que a educación viaria chegue a toda a sociedade para que sexa asumida por todos como unha responsabilidade compartida e derive nunha meirande seguridade viaria na cidade. Deste xeito, dentro deste programa as actividades divídense entre as que se dirixen aos centros escolares dentro da iniciativa Coruña Educa, e as de educación non formal.
CENTROS ESCOLARES
O éxito desta iniciativa obrigou a Concellería para ampliar nun mes o prazo desta actividade (ofreceuse de febreiro a xuño) e a incluír as escolas infantís nos centros que podían realizar a solicitude destas accións. En total, 1.539 escolares de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Formación Profesional, Educación Especial e Módulos de programas de cualificación profesional inicial participaron nesta iniciativa. A demanda destas actividades de Educación Viaria incrementouse significativamente no 2014, xa que este ano cóntase xa cunha previsión de 2.525 alumnos.
Os obxectivos son familiarizar os escolares coas principais normas de tráfico e fomentar a adquisición de hábitos de educación viaria, aínda que tanto estas metas como o tipo de actividades varían en función da idade. Neste sentido, os obxectivos van dende aprender o vocabulario da educación viaria ou recoñecer a figura do policía local na súa contorna, a percibir o risco que entraña a condución dun vehículo ou valorar a importancia da vida propia e dos demais, pasando por coñecer as normas tanto para peóns como para vehículos, a importancia do uso do casco en bicicleta e ciclomotor, o uso do cinto de seguridade, educación ambiental e mobilidade sostible ou as normas de cortesía en transporte urbano, entre outras.
Para acadar estes obxectivos, a actividade propón charlas abertas e debates, o visionado de debuxos animados, vídeos ou power points, circuítos viarios ou rutas de camiños escolares onde levan á práctica o aprendido na aula.
EDUCACIÓN NON FORMAL
Un total de 89 persoas participaron nalgún dos proxectos e programas incluídos nesta categoría. En concreto, no 2013 continuou o proxecto Ceda o paso dirixido á poboación inmigrante, en colaboración con Equus Zebra, co obxectivo de actuar como vía de integración.
Ademais, como novidade, realizouse un curso no Centro de Inserción El Buen Pastor. Tamén se deu unha charla no Centro de Rehabilitación de Menores Concepción Arenal que se sumou a unha visita guiada á Sala de Control Semafórico, unha actividade que se realizou máis veces xa que un elevado número de mozos están nas devanditas instalacións por delitos contra a seguridade do tráfico. Por último, impartiuse unha charla na Universidade da Coruña dentro do Máster de Política Social.
OUTRAS ACTIVIDADES
Durante o ano 2013, realizáronse outras actividades relacionadas coa educación viaria en colaboración cos Bombeiros ou Protección Civil, por exemplo a campaña de charlas de prevención de accidentes na noite de San Xoán ou as actividades da Semana Europea da Mobilidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible