Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de novembro de 2014

Os traballos executaranse de maneira coordinada co proxecto de reurbanización da Mariña e O Parrote

Carlos Negreira anuncia o inicio das obras de modernización do túnel de María Pita

Cun orzamento de 937.508 euros, inclúe a reparación da calzada, a substitución da rede de drenaxe e limpeza de sumidoiros, e a mellora da iluminación e da accesibilidade

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá o inicio dos traballos de modernización do túnel de María Pita, que se desenvolven de maneira coordinada co proxecto de reurbanización da Mariña e O Parrote. Ademais, destacou o compromiso adquirido polo Ministerio de Fomento para a execución da futura Cuarta Ronda, o viario que conectará os portos interior e exterior e os polígonos industriais de Vío, Pocomaco, A Grela e Sabón.

TÚNEL DE MARÍA PITA

O alcalde coruñés informou do inicio dos traballos de modernización do túnel de María Pita, un proxecto enmarcado dentro do plan municipal de mellora de espazos e vías públicas da cidade e que se executa de maneira coordinada cos traballos de reurbanización do Parrote e da Marina.

Carlos Negreira explicou que esta obra executarase nun prazo aproximado de tres meses e será dun deseño similar ao que se desenvolve nos pasos subterráneos da Marina e O Parrote, polo que todos os proxectos realízanse de xeito coordinado. Esta renovación integral permitirá a reurbanización de máis de 50.000 metros cadrados e soterrar a circulación de 30.000 vehículos ao día. "Neste mandato estamos actuando sobre máis de 100.000 metros cadrados da fachada marítima, con obras de urbanización para mellorar a calidade dos espazos públicos e a accesibilidade", destacou o alcalde.

O Concello, a través da Concellería de Infraestruturas, inviste 937.508 euros, o que supón unha rebaixa do 15% con respecto ao orzamento de licitación; un proxecto ao que se presentaron 19 propostas e adxudicouse a Desarrolla Obras y Servicios. "A modernización das instalacións inclúe a reparación da calzada, a substitución da rede de drenaxe e limpeza de sumidoiros, e a mellora da iluminación e da accesibilidade", destacou Carlos Negreira. Ademais da modernización deste túnel, as obras permitirán aforrar en labores posteriores de mantemento.

O túnel de María Pita, que atravesa a praza e une a zona da Marina e da avenida de Alférez Provisional con Atocha e Orillamar, conta con dous carrís -un para cada sentido da circulación- e a súa lonxitude é de, aproximadamente, 265 metros.

CUARTA RONDA

Carlos Negreira destacou a importancia de "ir por diante" na planificación das infraestruturas e que, por este motivo, empezouse a deseñar a Cuarta Ronda, un viario que permitirá conectar os portos interior e exterior, así como entre os polígonos industriais (Vío, Pocomaco, A Grela e Sabón). "Contaremos cun acceso gratuíto a través dun viario de alta capacidade dende o porto exterior", sinalou.

O alcalde prestoulle especial atención ao compromiso do Ministerio de Fomento de asumir o custo deste novo viario, cun orzamento aproximado de 27,4 millóns de euros: "É un paso máis que importante. Permitiranos estar máis preparados para mellorar a capacidade económica; as infraestruturas son a antesala do emprego".

Negreira detallou que esta estrada, xunto á Terceira Ronda, a AP-9 e o futuro Viario 18, unirá todos os municipios da comarca; á vez que explicou que as expropiacións programadas son para contar no futuro cunha Cuarta Ronda en sección de autovía, unha decisión que se estudará con Fomento para determinar se se pon inicialmente ou se executa unha vez que o volume de vehículos así o demande.

O avance nesta nova infraestrutura prodúcese cando a obra da Terceira Ronda entra na súa recta final. O alcalde lembrou que, nos tres últimos anos, logrouse que estea executado máis do 80% do proxecto, cando anteriormente só se chegou ao 13%. Así, a Terceira Ronda estará finalizada no 2015, unha estrada que se complementa coas melloras introducidas no nó de Lonzas a petición dos veciños e que permitirá conectar O Birloque e Elviña (incluída tamén a mobilidade peonil e ciclista).

TRANSPORTE PÚBLICO

O alcalde da Coruña anunciou que se instalarán dúas novas paradas do bus urbano que percorre a liña 24 (unha en cada sentido do itinerario) na zona A Zapateira. En concreto, colocaranse no tramo entre a urbanización Rialta e Augas Mansas, o que mellorará a calidade do servizo.

Dentro deste obxectivo de favorecer o uso do transporte público -un dos obxectivos fundamentais do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)-, Carlos Negreira avanzou que se estuda a implantación dun bus circular que conecte os polígonos de Pocomaco e A Grela. Esta liña sería independente ás que xa presta servizo actualmente na cidade, o que permitirá unha mellora no transporte público colectivo sen alterar o resto de liñas.

O Concello xa atendeu en setembro unha demanda histórica da asociación de empresarios e dos traballadores das máis de 500 empresas asentadas no polígono da Grela coa entrada da liña 11 do bus urbano neste parque industrial.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión