30 de decembro de 2013
O Goberno local pon a disposición da Axencia Galega de Infraestruturas os terreos necesarios para concluír a obra.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e presidente da Axencia Galega de Infraestruturas, Agustín Hernández, asinaron un novo convenio de colaboración entre ambas as administracións para a execución do enlace da Terceira Ronda coa autovía AC-14 en Lonzas e que está a executar o Ministerio de Fomento.
O Concello da Coruña e a Xunta de Galicia alcanzaron un acordo que significa ratificar o compromiso das dúas administracións coa Terceira Ronda, unha infraestrutura estratéxica para a mobilidade na comarca coruñesa na que se recuperou o tempo perdido durante os anos de gobernos socialistas e bipartitos.
O novo acordo non só implica a renovación do convenio asinado en setembro do 2010, senón que tamén recolle cambios impulsados no proxecto e que permiten mellorar o trazado final da Terceira Ronda. Así, o tramo autonómico axústase á nova configuración xeométrica levada a cabo polo Ministerio de Fomento, que tamén se comprometeu a mellorar a conexión das rúas Glasgow e Picasso, tal e como lle solicitou o Concello para atender as demandas dos veciños do Birloque e Elviña.
Con anterioridade á sinatura do convenio, o Concello xa tramitou a expropiación dos terreos necesarios para que a Xunta poida executar o enlace definitivo da Terceira Ronda coa autovía AC-14. Na Xunta de Goberno do pasado 13 de decembro, aprobouse, de maneira definitiva, o texto refundido para as expropiacións no enlace coa AC-14. Desta maneira, o Concello puxo punto final ás expropiacións para a Terceira Ronda. A superficie expropiada ascende a 3.973 metros cadrados, cun importe de 96.149 euros.
No acordo asinado polo alcalde da Coruña e o conselleiro de Infraestruturas, a Xunta tamén ratifica o seu compromiso investidor coa Terceira Ronda, cunha partida para financiar a obra de 9,45 millóns de euros con cargo aos orzamentos da Sociedade Pública de Investimentos (SPI). Este importe inclúese dentro do investimento de 20 millóns de euros que o Plan Económico Financeiro Global da SPI do 2010 contemplaba para a execución das obras do enlace. O tramo autonómico está na súa fase final, pois o nivel de execución do enlace acada o 83%.
A chegada do actual equipo de goberno a María Pita permitiu abrir unha vía de diálogo e colaboración institucional coa Xunta e o Goberno central, unha forma de actuar que permitiu desbloquear proxectos tan cruciais para a cidade e a súa área de metropolitana coma a Terceira Ronda. Neste sentido, a ministra de Fomento, Ana Pastor, demostrou o seu compromiso coa Coruña.
Así, a 30 de novembro, xa estaba executado practicamente o 100% do investimento programado para este ano: 25,4 millóns de euros dos 25,5 orzados para o 2013. O Ministerio de Fomento, durante a etapa de goberno socialista, só investiu 10 millóns de euros en catro anos, entre 2008 e 2011, unha cantidade que contrasta cos 72 millóns da etapa de Ana Pastor en tres anos, entre 2012 e 2014.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible