2 de novembro de 2014
O Concello outorga un total de 24 subvencións
O Concello da Coruña, a través da Concellería de Tráfico e Mobilidade que dirixe Begoña Freire, informa da concesión dun total de 60.000 euros en axudas ao servizo de auto-taxi da cidade. As subvencións corresponden á convocatoria deste ano 2014 e teñen como obxectivo fomentar a implantación de innovacións técnicas para mellorar a calidade e seguridade na prestación dos servizos públicos do transporte de viaxeiros e a modernización do taxi. Desta forma apóstase por mellorar a calidade do servizo para os usuarios á vez que se axuda ao sector.
Nesta convocatoria concedéronse un total de 24 subvencións relacionadas con solicitudes destinadas á adquisición de vehículos híbridos, híbridos enchufables, gas licuado de petróleo (GLP), gas natural, eléctricos ou outros combustibles alternativos, así como á adquisición de vehículos destinados a eurotaxi. En concreto, outorgáronse 18 subvencións de 2.950 euros -por Eurotaxi, vehículo eléctrico, híbrido enchufable ou vehículo híbrido-; 2 de 2.000 euros -por vehículo auto-taxi a glp, gas natural ou outro combustible alternativo-; e outras 4 de menor importe.
O departamento municipal que dirixe Begoña Freire convoca estas subvencións para cumprir varios requisitos:
- Mellorar a calidade obxectiva do servizo por encima dos estándares habituais, atendendo a requirimentos de seguridade e accesibilidade.
- Reducir o impacto ambiental. Un dos obxectivos do grupo de goberno é contribuír á paulatina substitución de vehículos de combustibles fósiles por outros de menor impacto ambiental, como son os híbridos, eléctricos, híbridos enchufables, de glp, gas natural e demais vehículos de combustibles alternativos.
A Área de Mobilidade avanza, ademais, que se ampliou a partida en 15.000 euros destinada a este tipo de axudas co que o crédito total de subvención no 2014 incrementouse en 20.000 euros, con respecto ao 2013, ao pasar dos 55.000 aos 75.000 euros. Con esta medida, o Goberno local mostra o seu compromiso coa mellora e modernización do sector.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible