Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de novembro de 2014

Mobilidade potencia o camiño peonil baixo o viaduto de Alfonso Molina reordenando o aparcamento e mellorando a seguridade

A concelleira Begoña Freire destaca que a actuación, que inclúe aparcadoiro para bicis e motos, conecta a cidade a pé dende Os Castros ata a Sagrada Familia, pasando pola Gaiteira, Alcalde Marchesi, Puga y Parga, Os Mallos e Ramón Cabanillas


A concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, acompañada por representantes de Stop Accidentes e Ancas (Camiños Escolares), Club Ciclista Riazor, Asociación de Comerciantes dos Mallos e o colectivo de motoristas, presentou hoxe o proxecto municipal para a posta en valor do paso inferior baixo o viaduto de Alfonso Molina, entre as rúas Purga y Parga e Fernando Rey; un gran conector entre a zona de Catro Camiños e a dos Mallos e que o Plan de Mobilidade Urbana da Coruña (PMUS) establece como un dos itinerarios peonís e ciclistas para realizar.

"Esta actuación responde ao principal obxectivo do PMUS: mellorar a calidade de vida das persoas, fomentando modos de transportes máis sostibles, controlando os crecentes volumes de tráfico e buscando a mellora da calidade de vida das persoas con accións de mellora da seguridade viaria, a accesibilidade, o transporte público ou, como é este caso, coa recuperación do espazo público para as persoas", destacou Freire, quen engadiu: "Deuse prioridade a esta actuación porque este paso é utilizado, cada día, por miles de persoas que pasan de Catro Camiños aos Mallos e viceversa, sendo tamén Camiño Escolar de centos de menores. Ademais, dáse cobertura nunha zona na que o uso da pasarela peonil é moi escaso, dada a súa pendente e localización; e converterase un punto moi utilizado e clave para a mobilidade sostible nun paso ben iluminado e identificado claramente como itinerario de peóns, á vez que incorpora un tramo de carril bici, como alternativa á calzada de Alexandre Bóveda que ten moito tránsito motorizado". A concelleira subliñou tamén a mellora da seguridade viaria neste punto dado que se creará un paso de peóns sobreelevado.

A concelleira explicou as actuacións para realizar tras detectar deficiencias na zona como o mal aspecto que ofrecen muros e teito, a ausencia de recollida de augas, iluminación deficiente, falta de carril bici e estacionamento de motos e bicis sobre a beirarrúa por falta de aparcadoiro para este tipo de vehículos. Neste sentido, a iniciativa, que actuará sobre unha superficie aproximada de 315 m2, inclúe:

- Iluminación con leds, con barras encaixadas no chan, destacando a súa característica como itinerario peonil, e iluminación indirecta no teito.

- Tarefas de limpeza e pintura.

- Paso de peóns -sobreelevado- na intersección do viaduto a Puga y Parga, en dirección a Catro Camiños.

- Tratamento lixeiro do pavimento e recollida de pluviais.

- Carril bici paralelo ao paso de peóns baixo o viaduto sinalizado con pintura de cor diferenciada.

- Marca de identidade dos itinerarios propostos polo PMUS con franxas de varias cores no chan e sinalización con letras corpóreas de aceiro.

- Liberación do actual espazo de aparcamento entre o paso de peóns inferior e o estribo ou apoio do viaduto para destinalo a aparcadoiro cuberto de bicis e motos. "É unha actuación que non resta, senón que multiplica como a realizada no carril bici á UDC. O coche lévase ao seu sitio, recolocándose as prazas de aparcamento noutro lugar baixo o mesmo viaduto, que non interfira no itinerario peonil, e devolvéndolles aos peóns un espazo que debe ser seu; o espazo polo que cada día camiñan miles de persoas e que os nenos utilizan para ir ao colexio; un espazo que, en definitiva, comunica e cohesiona barrios", destacou a concelleira, quen lembrou que esta actuación conectará de xeito peonil o itinerario que comeza nos Castros, discorre pola Gaiteira, pasa por Alcalde Marchesi e o novo tramo de Puga y Parga, pasa polo interior dos Mallos, chega a Ramón Cabanillas -onde o Goberno municipal está a executar a instalación dun ascensor urbano-, cruza a Sagrada Familia e chega á rúa Barcelona.

As obras arrincarán este mes cun prazo de execución de 30 días, destacando o potencial desta actuación como exemplo de execución dos itinerarios peonís do PMUS, da conexión e cohesión dos barrios e do compromiso do Goberno municipal coa mobilidade sostible e coa mellora do espazo público.

"Estamos a falar de que esta actuación simboliza a recuperación da dignidade do peón, nun punto importante desa autoestrada peonil que cruza a cidade de forma case paralela á ronda de Outeiro: é a rolda peonil dos barrios, un itinerario vital que pon en valor a filosofía do PMUS e é un exemplo de traballo coordinado que soluciona de forma transversal moitas cuestións como a reordenación do aparamento, a potenciación da mobilidade peonil e a bici, mellorando a seguridade das persoas e detectando oportunidades para reordenar o aparcamento. Este punto peonil protexido da auga ofrécelles ás persoas un respiro no camiño da mobilidade sostible", concluíu Freire.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión