Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de outubro de 2013

Negreira asegura que A Coruña será pioneira en Galicia na instalación de ascensores e escaleiras mecánicas para mellorar a accesibilidade

O alcalde, que asistiu á entrega de premios do Concurso de ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares, explicou que os proxectos gañadores executaranse ao longo de 2014.

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou que o Concello coruñés será pioneiro en Galicia na instalación de ascensores e escaleiras mecánicas en varios puntos da cidade como solución de accesibilidade e mobilidade: "Estas obras, que executaremos ao longo do 2014, poñerán solución ás barreiras urbanísticas da cidade e serán a semente de novas actuacións, xa que o noso obxectivo é que sexa unha solución ordinaria e normal no conxunto da cidade", destacou.

O alcalde realizou estas declaracións na visita á exposición de traballos do Concurso de Ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da Coruña e tras a entrega dos seus premios. Tal e como lembrou, trátase de Maestro Clavé, Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo, Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con Xeneral Alesón e Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez.

Carlos Negreira agradeceulles o seu traballo a todos os participantes, xa que se recibiron máis dun cento de propostas: "Coa vosa enerxía e ganas contribuístes a intentar facer un anaquiño de cidade", asegurou e lembrou que, aínda que este tipo de infraestruturas están a instalarse noutras cidades, a medida será pioneira en Galicia: "Son proxectos que se inician agora pero que formarán parte da cidade en poucos anos e confío en que serán unha realidade ao longo de 2014-2015", informou e avanzou que estas actuacións serán a semente para a súa implantación noutras zonas da cidade.

O alcalde explicou que estas iniciativas enmárcanse dentro do plan de accesibilidade da cidade, que se está levando a cabo nos barrios coruñeses en colaboración coas asociacións de persoas con diversidade funcional: "Estamos a executar máis de 500 obras de pequena cirurxía que para moitas persoas son de vital importancia e que posibilitan que todos poidamos vivir un pouco mellor, nunha cidade máis inclusiva".

Carlos Negreira agradeceu a colaboración dos colexios de Arquitectos; Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos; e Industriais que dedicaron o seu tempo a este concurso e destacou a súa disposición para todos os proxectos expostos dende o Concello, como no caso das súas contribucións ao PXOM ou ao Pepri ou a outro concurso de ideas, como o do paseo marítimo: "Esta é a forma de facer cidade, colaborando ente todos".

Neste sentido, avanzou que a colaboración entre Goberno local e colexios profesionais continuará cun concurso para recuperar o paseo da muralla entre a Fundación Luis Seoane e a Maestranza: "Nesta zona está prevista a instalación dun ascensor que una a zona do Náutico co hospital Abente y Lago para, así, ir cosendo a parte alta do centro histórico ao resto da cidade", explicou e finalizou: "Faremos un mellor urbanismo entre todos".

A relación de proxectos premiados é a seguinte:

- Maestro Clavé: Escaleira mecánica universal. Juan B. Pons Herrera. Premio dotado con 10.000 euros. O proxecto gañador propón a instalación dun total de cinco escaleiras mecánicas que comuniquen as diferentes cotas e que xeren espazos públicos. A particularidade das escaleiras é que serán aptas para todo tipo de usuarios ao permitir o desprazamento de persoas en cadeira de rodas, con mobilidade reducida ou que transporten obxectos voluminosos, grazas a un sistema que converte tres dos chanzos nunha plataforma que se activa mediante un botón. Pódense utilizar tanto para subir como para baixar. Ademais, concedéronse 2 accésits de 1.500 euros cada un, ás propostas +Accesible, de José Ramón Garitaonaindía de Vera, e Maestro Clavé: accesibilidade universal para tod@s, de Santiago López Fontán e Pedro María Sacristán.

- Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo: Entrerrúas. Salomé Fernández. Premio dotado con 2.500 euros. A proposta gañadora propón, ademais dunha solución ao problema de accesibilidade, unha ordenación do espazo para eliminar obstáculos e potenciar a visibilidade das escaleiras. Trátase de colocar un elemento único, case escultural, para situar un ascensor e unhas escaleiras en espiral. Aínda que se utilizarán distintos materiais, destaca o uso da madeira. Ademais, concedéronse dous accésits de 500 euros cada un a Máis que unha escaleira, de Pablo Vilares, e MOVCÑ75B, de Antonio Corrochano.

- Marqués de Cerralbo. O xurado propón valorar primeiro se é suficiente a instalación do ascensor na rúa Troncoso para resolver o problema de accesibilidade na zona. Non existe proxecto gañador pero si dous accésits dotados con 1.500 euros cada un: De rúa a prazas, de Javier Rodríguez, que propón o uso de escaleiras e plataforma salvaescaleiras para deixar espazo para a configuración de pequenas prazas; e Serendipia, de Luciano González, que propón 4 tramos de escaleiras mecánicas.

- Capitán Troncoso con Xeneral Alesón: Isadore. Francisco Rosell. Premio dotado con 3.500 euros. A proposta gañadora consiste na instalación dun elevador dentro do propio muro de remate da rúa Troncoso para non reducir o ancho da vía nin obstaculizar as vistas das vivendas. Formula a construción dunha sala abovedada como lugar de espera e resgardo, mentres que en Xeneral Alesón instálase un elemento de vidro curvo. O segundo premio, de 1.400 euros, foi para o proxecto Porta Nova, de José Luis Martínez.

- Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez: DosC. Carlos Quintáns. Premio dotado con 2.500 euros. O proxecto gañador propón a instalación dun ascensor para solucionar o problema de accesibilidade. Consiste nunha torre para o ascensor, unha ponte e unha escaleira, todo en formigón. Trátase dunha proposta sinxela cuxa proposta de execución minimiza o tempo no que non se pode acceder entre as cotas existentes. Valorouse que a proposta de intervención evita xerar recunchos e abre o espazo público. O segundo premio (de 1.000 euros) recaeu na proposta Verde que te quero verde, de Bernardo García Tapia.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión