Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de agosto de 2014

O alcalde anuncia a posta en funcionamento de dúas novas estacións de Bicicoruña en Paseo das Pontes e Elviña, ás que se sumarán este ano as do Ágora e castelo de San Antón

O Plan Bicicoruña 2014-2016 prevé duplicar tanto o número de bicicletas como de bases para que haxa unha estación a menos de 500 metros en calquera punto da cidade

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que o Concello investirá 250.000 euros este ano no servizo de Bicicoruña para crear catro novas estacións -as dúas primeiras abríronse hoxe en Paseo das Pontes e Elviña-, ampliar a existente nos Rosales e continuar coa renovación do parque de bicicletas.

"Puxemos en marcha o Plan Bicicoruña 2014-2016 cun dobre obxectivo: duplicar as estacións de Bicicoruña para que haxa unha base a menos de 500 metros en calquera lugar da cidade; e duplicar o número de bicicletas", sinalou o alcalde durante a súa visita á nova estación instalada en Paseo das Pontes.

Negreira detallou que, ademais da base de Paseo das Pontes, hoxe entra en funcionamento a estación de Elviña -xunto ao centro cívico de Monelos-, amplíase a dos Rosales en catro postos máis de bicicleta e continúase coa mellora da frota con bicicletas de máis calidade (hoxe entran en funcionamento 30 novas bicicletas). O alcalde avanzou que este mesmo ano está previsto ampliar a rede de Bicicoruña con dúas novas estacións, que se abrirán en outubro xunto ao centro Ágora e o castelo de San Antón.

O Plan Bicicoruña inclúe para principios do próximo ano -a data prevista é o mes de febreiro- a creación de dúas estacións máis: praza de Galicia e Adormideras. O obxectivo é duplicar o número de bases: ás 19 actuais, ás que se suman as dúas abertas hoxe e as dúas que se poñerán en funcionamento en outubro, haberá que engadir outras 17 ao longo dos dous próximos anos, alcanzando así as 40 estacións no 2016.

O Concello, a través da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), buscou localizacións estratéxicas dende o punto de vista da mobilidade para conseguir o desprazamento en bicicleta dos usuarios no seu día a día pola cidade. Así, un dos obxectivos é incorporar estacións próximas ao carril bici e ao paseo marítimo, como é o caso das do Ágora, castelo de San Antón e Adormideras, para promover o uso da bicicleta como modo sostible de desprazamento e como medio de lecer, e para facilitarlle ao turista a utilización da bicicleta como medio de transporte para coñecer a cidade. Neste sentido, as dúas novas estacións e as catro programadas ata principios do próximo ano perseguen estes obxectivos:

1. Elviña, xunto ao Centro Cívico de Monelos. Dará servizo a equipamentos públicos (biblioteca González Garcés; centro cívico, mercado de Elviña, instituto Ramón Otero Pedrayo e Novos Ministerios).

2. Paseo das Pontes, nas inmediacións da intersección con Paseo de Ronda. Dará servizo a unha ampla zona da cidade e permitirá relacionar a base da praza das Conchiñas co resto da cidade e conectar as bases da praza de Pontevedra e a Casa da Auga.

3. Ágora. Será unha localización estratéxica xunto ao centro sociocultural. Dará servizo a este equipamento, así como ao instituto e ao polideportivo da Agra do Orzán. Tamén permitirá atender a dous dos barrios máis densamente poboados (Agra do Orzán e O Ventorrillo).

4. Castelo de San Antón. Dará servizo ao carril bici do paseo marítimo e a dotacións públicas e privadas da zona, como o castelo de San Antón, Hospital Abente y Lago, Museo Militar, Fundación Luis Seoane, Xardíns de San Carlos, Arquivo do Reino de Galicia, o Real Club Náutico ou o Instituto Oceanográfico.

5. Praza de Galicia. Permitirá completar a trama urbana relacionando as principais prazas da cidade: prazas de Pontevedra, Lugo, Galicia, Ourense e Vigo.

6. Adormideras. Dará continuidade ás estacións do paseo marítimo e favorecerá a conexión deste barrio co resto da Coruña. Situarase na contorna do mercado de Adormideras, do centro de saúde e do instituto de Educación Secundaria.

USOS DE BICICORUÑA

O alcalde destacou que no 2014 están a alcanzarse "cifras récord" nos usos do servizo de Bicicoruña, con máis de 96.000 usos nos sete primeiros meses do ano, un 11,6% máis que no mesmo período do ano pasado. "2013 foi un bo ano, cando o número de usos total foi de 156.205, unha cifra similar á do ano anterior e que supón case triplicar os usos do 2010", engadiu Carlos Negreira. Ademais, no 2014 superáronse os 1.000 usos nos días sen choiva, unha media superior á de anos anteriores (727 no 2013 e 661 durante o 2012).

Negreira tamén indicou que a esta aposta municipal pola utilización da bicicleta na cidade súmanse outros proxectos, como o carril bici metropolitano programado pola Deputación e que supoñerá un "salto cualitativo" no uso da bicicleta ao dispoñer dun trazado continuo de 78 quilómetros -dos que 20 percorrerán A Coruña- por cinco municipios da comarca (A Coruña, Arteixo, Oleiros, Culleredo e Cambre).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión