23 de xullo de 2013
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, presenta os proxectos gañadores do Concurso de Ideas para mellorar a accesibilidade peonil.
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, presentou esta mañá os proxectos gañadores do Concurso de Ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da Coruña. Tal e como lembrou, trátase de Maestro Clavé, Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo, Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con Xeneral Alesón e Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez, diferentes puntos da cidade que presentan problemas de mobilidade e accesibilidade: "Trátase dun dos primeiros pasos do plan do Concello para instalar ascensores e escaleiras mecánicas nos puntos de maior dificultade e supón un importante esforzo para que A Coruña sexa unha cidade cada vez máis accesible, a materia pendente dos últimos anos", sinalou Fernández Prado. Os proxectos gañadores foron:
Maestro Clavé: 'Escaleira mecánica universal'. Premio dotado con 10.000 euros
O proxecto gañador propón a instalación dun total de cinco escaleiras mecánicas que comuniquen as diferentes cotas e que xeren espazos públicos. A particularidade das escaleiras é que serán aptas para todo tipo de usuarios ao permitir o desprazamento de persoas en cadeira de rodas, con mobilidade reducida ou que transporten obxectos voluminosos, grazas a un sistema que converte tres dos chanzos nunha plataforma que se activa mediante un botón. Pódense utilizar tanto para subir como para baixar. Ademais, concedeuse 2 accésits de 1.500 euros cada un, ás propostas +Accesible e Maestro Clavé: accesibilidade universal para tod@s.
Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo: 'Entrerrúas'. Premio dotado con 2.500 euros
A proposta gañadora propón, ademais dunha solución ao problema de accesibilidade, unha ordenación do espazo para eliminar obstáculos e potenciar a visibilidade das escaleiras. Trátase de colocar un elemento único, case escultural, para situar un ascensor e unhas escaleiras en espiral. Aínda que se utilizarán distintos materiais, destaca o uso da madeira. Ademais concedéronse dous accésits de 500 euros cada un a Máis que unha escaleira e MOVCÑ75B.
Marqués de Cerralbo
O xurado propón valorar primeiro se é suficiente a instalación do ascensor na rúa Troncoso para resolver o problema de accesibilidade na zona. Non existe proxecto gañador pero si dous accésits dotados con 1.500 euros cada un: De rúa a prazas, que propón o uso de escaleiras e plataforma salvaescaleiras para deixar espazo para a configuración de pequenas prazas; e Serendipia, que propón 4 tramos de escaleiras mecánicas.
Capitán Troncoso con Xeneral Alesón: 'Isadore'. Premio dotado con 3.500 euros
A proposta gañadora consiste na instalación dun elevador dentro do propio muro de remate da rúa Troncoso para non reducir o ancho da vía nin obstaculizar as vistas das vivendas. Propón a construción dunha sala abovedada como lugar de espera e resgardo, mentres que en Xeneral Alesón instálase un elemento de vidro curvo. O segundo premio, de 1.400 euros, foi para o proxecto Porta Nova.
Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez: 'DosC'. Premio dotado con 2.500 euros
O proxecto gañador propón a instalación dun ascensor para solucionar o problema de accesibilidade. Consiste nunha torre para o ascensor, unha ponte e unha escaleira, todo en formigón. Trátase dunha proposta sinxela cuxa proposta de execución minimiza o tempo no que non se pode acceder entre as cotas existentes. Valorouse que a proposta de intervención evita xerar recunchos e abre o espazo público. O segundo premio (de 1.000 euros) recaeu na proposta Verde que te quiero verde.
Un cento de propostas recibidas
O responsable de Infraestruturas mostrou a súa satisfacción polo interese suscitado polo concurso, xa que se presentaron un cento de proxectos, sendo Marqués de Cerralbo e Maestro Clavé, as que recibiron máis propostas (24 cada unha). Fernández Prado asegurou que o obxectivo do Concello ao convocar o concurso cumpriuse: "Non só damos solución a un problema de mobilidade e accesibilidade, ademais coa posta en marcha dos proxectos, dinamizamos, en condicións de igualdade e libre concorrencia, as oportunidades de traballo en sectores castigados polas circunstancias económicas", subliñou.
Para seleccionar os gañadores o xurado tivo en conta que as propostas cumprisen os requisitos de mellora da mobilidade, ademais de funcionalidade e sinxeleza, viabilidade económica e versatilidade. Tamén que as propostas lograsen satisfacer o maior número de persoas posible. Fernández Prado agradeceu a colaboración dos colexios profesionais de arquitectos, enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, enxeñeiros industriais, así como do membro seleccionado polos participantes, polo seu tempo e dedicación. Os premios serán entregados no marco da exposición que proximamente se organizará con todos os traballos seleccionados e o ditame do concurso publicarase na web municipal nas próximas horas.
Fernández Prado lembrou a grande aposta pola accesibilidade deste Goberno local como as subvencións á instalación de ascensores; as obras da primeira fase do Plan de Accesibilidade, con 260 intervencións -a maior parte no ámbito do Centro histórico e Pescadería- e un investimento de 410.000 euros; os 415.000 euros que, dentro do Plan Urbana C, destínanse a 90 obras que mellorarán a accesibilidade e mobilidade nas zonas de Agra do Orzán, O Ventorrillo, Riazor e Visma; as bonificacións -ata o máximo permitido por lei- na ordenanza fiscal número 55, relativa ao imposto municipal sobre construcións, instalacións e obras, para a execución de traballos en edificios xa existentes que favorezan a accesibilidade aos discapacitados; a instalación de escaleiras mecánicas na zona do Mercado de San Agustín: ou a colaboración con Grumico na segunda fase da Guía Coruña Accesible.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible