Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xaneiro de 2014

O Concello mellorará a mobilidade e a seguridade viaria na intersección de Ronda de Outeiro con Manuel Murguía

Instalará semáforos nos pasos de peóns da zona, onde a entrada en servizo da Terceira Ronda supuxo un incremento do tráfico.

O Concello da Coruña anuncia novas obras para mellorar a circulación e a seguridade viaria na cidade. A Concellería de Tráfico e Mobilidade instalará semáforos nos pasos de peóns da glorieta do pavo real, na Ronda de Outeiro, ademais de instalar un paso peonil semaforizado á altura do número 17 da rúa Manuel Murguía.

A intersección da Ronda de Outeiro con Manuel Murguía é un punto da cidade onde aumentou o tráfico tras a entrada en servizo do tramo da Terceira Ronda que conecta coa AC-552, á altura do polígono da Grela, e que no futuro tamén permitirá enlazar coa AC-14 en Pocomaco. Co obxectivo de atender estes cambios no tráfico dentro do centro urbano -sobre todo na rúa Manuel Murguía-, e para dar solución ás necesidades de mobilidade e aumentar a seguridade do tráfico, a Área de Mobilidade realizará as seguintes obras, que contan cun orzamento de 46.000 euros:

- Obra civil na glorieta da Ronda de Outeiro con Manuel Murguía para a semaforización dos catro pasos de peóns e a instalación dunha cámara de control de tráfico; execución dun novo paso de peóns semaforizado á altura do número 17 de Manuel Murguía e que dará continuidade ao itinerario peonil e conectará a zona de Arquitecto Rey Pedreira coa zona escolar; canalizacións, arquetas novas e reconstrución de arquetas existentes, bases de báculos, columnas, armarios, remates de sinalización e xardinería.

- Instalación de semáforos, con nove báculos e seis columnas con ópticas tecnoloxía leds.

- Para o circuíto cerrado de televisión colocarase unha columna de 15 metros, cámara con visión diúrna/nocturna para exteriores con zoom óptico e enfoque automático con posicionador de movemento, cable de alimentación e armario. As cámaras de control de tráfico conectarán coa Sala de Pantallas do 092 e permitirán visionar a circulación desa zona.

- Tendido de fibra óptica para conexión dos novos elementos á sala de control de tráfico, dende onde se centralizarán todos os novos sistemas para axustarse mellor á situación real da circulación en cada momento.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión