9 de marzo de 2014
A iniciativa, que forma parte do proxecto Coruña Smart City e que sae a licitación, recompila a información das prazas de estacionamento dispoñibles reducindo o tráfico resultante da procura de aparcamento.
O Concello abriu o prazo de presentación de ofertas para a adxudicación dunha parte máis do proxecto Coruña Smart City, o denominado Sistema de Aparcadoiro Intelixente, que achegará solucións de mobilidade e mellora do medio ambiente na cidade.
Incorporando as novas tecnoloxías poderase notificar a dispoñibilidade de prazas de aparcamento en tempo real, a través dunha aplicación móbil e tótems informativos instalados en puntos estratéxicos da cidade. Con este novo Sistema de Aparcadoiro Intelixente, a cidadanía dispoñerá de información relevante para decidir onde aparcar sen perder tempo nin consumir combustible de máis, o que reducirá o tráfico relacionado coa procura de aparcadoiro e mellorará a calidade do medio ambiente.
O Sistema de Aparcadoiro Intelixente, nunha primeira fase, recompilará a información das prazas de aparcamento libres en aparcadoiros subterráneos, zonas de carga e descarga e prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR). A partir de aí, analizará a información recompilada e poñeraa a disposición da cidadanía a través de diferentes soportes en tempo real. Finalmente toda esta información ordenada e analizada deberá integrarse na Plataforma de Coruña Smart City e estar dispoñible de forma aberta (Open Data) a todos os usuarios que a poidan requirir.
Para determinar a dispoñibilidade das prazas libres nos aparcadoiros subterráneos, o Sistema de Aparcadoiro Intelixente integrará os sistemas informáticos actuais dos xestores das instalacións. Os aparcadoiros subterráneos obxecto desta primeira fase son os do Papagaio, Casa da Auga, Palexco, Cantóns, Palacio da Ópera, O Parrote e María Pita.
Ademais dos aparcadoiros subterráneos, o Sistema de Aparcadoiro Intelixente despregará a infraestrutura necesaria, que poderá ser a través de sensores, cámaras, ou outros receptores, para recompilar a información en tempo real, sobre as prazas libres en zona de carga e descarga e prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida (PMR).
Os datos recompilados sobre ocupación e rotación das prazas, tanto dos aparcadoiros subterráneos como das zonas de carga e descarga e prazas reservadas para PMR, transmitiranse aos usuarios en tempo real a través dos seguintes soportes:
- Un portal web e a súa correspondente aplicación móbil para difundir a información de dispoñibilidade de prazas de aparcamento. A aplicación facilitará a procura dos aparcadoiros e prazas libres, en base á xeolocalización do usuario, así como a guía para chegar ao sitio elixido ou suxerido pola propia aplicación, dunha maneira clara, rápida e fácil de usar. Esta aplicación poderase descargar dende as plataformas correspondentes (iOS e Android) ou a través de códigos QR que o Concello poñerá a disposición das persoas usuarias.
- Tótems e paneis informativos repartidos estratexicamente pola cidade, que informen os usuarios sobre o estado da ocupación e rotación das prazas libres.
En definitiva o Sistema de Aparcadoiro Intelixente supoñerá unha mellora considerable dos sistemas actuais e solucionará problemas de tráfico, mellorando así a calidade de vida dos usuarios a nivel de mobilidade, xestión do tempo e calidade do medio ambiente.
A licitación deste proxecto sairá por un importe máximo de 188.600 euros e estará dispoñible no perfil do contratante de EMALCSA a través da páxina www.emalcsa.es. Actualmente, están en proceso de licitación e de recepción de ofertas, ademais do Sistema de Aparcadoiro Intelixente que agora se saca a concurso, os seguintes proxectos:
- Sistema de información de eventos multicanle.
- Sistema de control de calidade do aire e control de ruído.
- Plataforma de administración electrónica.
Actualmente están en proceso de adxudicación:
- Sistema de telecontrol de rego intelixente de parques e xardíns
- Sistema de monitoraxe de eficiencia enerxética en edificios públicos.
- Sistema de visitas guiadas con realidade aumentada e información en tempo real de servizos.
O Concello da Coruña leva traballando no proxecto Coruña Smart City dende xullo do 2011, pouco despois de chegar ao Goberno local. Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mellor iniciativa dunha administración, por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ou ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible