Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xuño de 2014

O operativo especial de San Xoán ofrece, por primeira vez, aparcadoiros disuasorios e servizo especial de buses aos barrios

O dispositivo contará con 8 liñas dende a praza de Pontevedra entre as 00.30 e as 02.30 horas, e cun autobús entre as 03.00 e as 06.30 horas

O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá, Julio Flores, e a concelleira responsable da Área de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, informaron hoxe sobre o dispositivo especial que o Concello poñerá en marcha con motivo da celebración das festas de San Xoán.

Tal e como informou Begoña Freire, o vindeiro luns o Paseo Marítimo reservarase aos peóns, no tramo entre Manuel Murguía e Curros Enríquez (glorieta da Esclavas-glorieta dos surfeiros) dende as 19.00 horas ata a finalización dos labores de limpeza na mañá do 24 de xuño. "Con todo -explicou-, axustarase a hora de desvío dos vehículos en tempo real intentando atrasala o máximo posible para aproveitar a capacidade viaria do Paseo Marítimo, aínda que isto vai depender do número e horario da afluencia de persoas ás praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, principais puntos da celebración do San Xoán coruñés".

A concelleira explicou que, con motivo da ocupación peonil do Paseo Marítimo para a festa de San Xoán, quedan como vías alternativas para dirixirse en coche a Monte Alto:

- O eixo Cantóns-avenida da Marina-O Parrote con opcións cara a Orillamar por Maestranza-Metrosidero, ou ben ata As Ánimas, con opción Veramar ou cara a Adormideras.

- Tamén se poderá utilizar San Andrés-Praza de España, ben por rúa Sol-Zalaeta-Hospital, ou ben por Panaderas.

Como itinerarios alternativos de saída de Monte Alto recoméndase Veramar ou Maestranza:

- Veramar-Paseo Marítimo-O Parrote-avenida da Marina-Cantóns.

- Metrosidero-Maestranza-O Parrote-avenida da Marina-Cantóns.

- Praza de España-Panaderas-San Andrés.

SERVIZO ESPECIAL BUS URBANO

A concelleira de Tráfico explicou que, por primeira vez, poñeranse a disposición da cidadanía 8 liñas especiais dende a praza de Pontevedra aos barrios. "O Concello deseñou coa Compañía de Tranvías o reforzo do servizo de bus urbano para que unha vez finalizada a queima da falla e a sesión de fogos artificiais poida regresarse aos barrios en autobús urbano", destacou Freire.

Este servizo especial conta con 8 liñas lanzadeiras que conectarán a praza de Pontevedra cos distintos barrios da cidade. A primeira saída da Praza de Pontevedra efectuarase ás 00.30 horas e a última ás 02.30 horas, cunha frecuencia de 10-15 minutos. "Optamos por manter a denominación de liñas actuais nestas lanzadeiras para que resulte máis fácil identificalas por parte dos usuarios, engadindo a palabra Especial e o destino final", indicou a concelleira, quen detallou os percorridos dos buses:

- Especial L 1 - Os Castros - Monelos. Saída de praza de Pontevedra e percorrido por praza de Ourense, Catro Camiños, Xeneral Sanjurjo, Os Castros, Castrillón, avenida Monelos, dando así servizo a Catro Camiños, A Gaiteira, Os Castros, Castrillón, barrio das Flores e Monelos.

- Especial L 1A - Matogrande - Eirís. Saída de praza de Pontevedra e percorrido por praza de Ourense, Catro Camiños, Caballeros, Salvador de Madariaga, Pajaritas, Matogrande, Eirís, barrio das Flores, avenida de Monelos, dando así servizo a Catro Camiños, Elviña, Matogrande, barrio das Flores, Eirís e Monelos.

- Especial L 3 - Os Rosales - San Pedro de Visma. Saída de praza de Pontevedra e percorrido por Fernando Macías, avenida da Habana, Paseo de Ronda, avenida de Gran Canaria, Labañou, Os Rosales e San Pedro de Visma. Este servizo atende a Cidade Escolar, Labañou, Os Rosales e San Pedro de Visma.

- Especial L 6 - Avenida Finisterre - San José. Saída de praza de Pontevedra e percorrido por San José, atendendo as zonas de Paseo das Pontes-Santa Margarita, parte alta da Sagrada Familia, Agra do Orzán e Ventorrillo -próximo á avenida de Finisterre- continuando pola Moura ata San José.

- Especial L 7 - Ventorrillo. Saída de praza de Pontevedra e percorrido por Fernando Macías, avenida da Habana, Peruleiro, Ronda de Outeiro, Mosteiro de Bergondo, Alcalde Jaime Hervada, Rodrigo A. de Santiago, Ronda de Outeiro e Vila de Negreira. O servizo atende a Peruleiro, Ronda de Outeiro, Agra do Orzán, Ventorrillo e contorna Vila de Negreira.

- Especial L 11 - Os Mallos. Saída de praza de Pontevedra e percorrido por Juan Flórez, Pla y Cancela, avenida dos Mallos, Vioño, avenida de Arteixo, Sardiñeira, Ronda de Outeiro e avenida de Arteixo; dando servizo a Pla y Cancela, Os Mallos, Vioño, Sardiñeira e parte baixa da Sagrada Familia.

- Especial L 21 - Novo Mesoiro. Saída de praza de Pontevedra e percorrido por Ramón y Cajal, Xeneral Rubín, Pablo Picasso, O Birloque, Martinete, Mesoiro e Novo Mesoiro. Presta servizo ao contorno de Catro Camiños, Segunda Fase de Elviña, O Birloque, Martinete, Mesoiro e Novo Mesoiro.

- Especial L 3 A - Monte Alto (Circular Cidade Vella-Adormideras-Monte Alto). Saída de praza de Pontevedra e percorrido por San Andrés, Santa Catalina, Cantóns, avenida da Mariña, O Parrote, Maestranza, Orillamar, Adormideras, avenida de Navarra, Santo Tomás, Mercado de Hércules, avenida de Hércules, rúa da Torre, praza de España, San Andrés e praza de Pontevedra.

Dende as 03.00 e ata as 06.30 horas do día 24 de xuño sairán os autobuses do servizo Especial Bufo - San Xoán, cunha frecuencia de 30 minutos. A cabeceira de parada sitúase en praza de Pontevedra co seguinte itinerario: Praza de Pontevedra - Fernando Macías - Gregorio Hernández - Paseo de Ronda - Labañou - Ronda de Outeiro - Praza de San Cristóbal - segunda fase de Elviña - O Birloque - Mesoiro - Feáns - Novo Mesoiro - O Birloque - Monelos - Castrillón - Os Castros - Xeneral Sanjurjo - Catro Camiños - Praza de Ourense - Obelisco - Praza de España - Orillamar - Avenida de Hércules - Rúa da Torre - San Andrés e pechando circuíto en Praza de Pontevedra. "Dado que o itinerario é circular, recoméndase que os usuarios que se dirixan á Cidade Vella - Adormideras - Monte Alto opten pola parada situada no Obelisco", explicou Freire.

Ademais, as liñas de bus 4, 6, 6A e 11 verán modificado o seu traxecto e circularán por Rúa Alta, Juan Canalejo, Zalaeta e rúa Hospital. A liña 3A, dende Cidade Escolar; circulará por avenida da Habana, praza de Portugal, Alfredo Vicenti, praza de Pontevedra, San Andrés, e Rúa Alta, onde se incorporará ao itinerario Juan Canalejo, Zalaeta, Ramón del Cueto, Hospital, onde se incorpora ao seu percorrido habitual. A liña 3, no seu traxecto de volta, virará en Glorieta das Lagoas, cara á avenida de Hércules-Praza de España. A liña 7, dende Gregorio Hernández, circulará pola avenida da Habana, praza de Portugal e Alfredo Vicenti cara á praza de Pontevedra, onde se incorporará ao seu itinerario habitual.

XESTIÓN DO APARCAMENTO

Begoña Freire tamén destacou que, por primeira vez, poñerase a disposición da cidadanía como aparcadoiro disuasorio o aparcadoiro existente no Coliseum e o de Carrefour, que ofrecen máis de 1.200 prazas, e que serán atendidos por buses lanzadeira dende a Praza de Pontevedra. O horario será o seguinte:

- Ata as 22.30 horas, atendido polo servizo habitual de autobuses.

- Ás 22.30 horas sairá a primeira lanzadeira con dirección á praza de Pontevedra, cunha frecuencia de 15 minutos ata as 02.30 horas. A partir de aquí, e ata as 06.30 horas, cunha frecuencia de 30 minutos.

De igual forma, Begoña Freire indicou que se poderá usar unha parte do aparcadoiro do Centro Comercial Marineda City como disuasorio, ofrecendo outras 3.000 prazas ás persoas que acceden á cidade doutras localidades da área metropolitana.

Ademais, o Concello elaborou un plano cos aparcadoiros dispoñibles 24 horas e o grao de ocupación esperado para toda a cidadanía e visitantes que cheguen á cidade.

Esta información estará dispoñible a través do 010; nas páxinas web do Concello, web e Facebook do PMUS, web da Compañía de Tranvías; así como nos autobuses urbanos: "Dende o Concello pedimos a máxima colaboración da cidadanía para que nos axuden a que este San Xoán sexa o San Xoán das persoas, non dos coches, e para que poidamos gozar da tan esperada Noite de San Xoán", destacou a concelleira quen solicitou a colaboración cidadá e trasladou algúns consellos para a noite do 23 de xuño:

- Evitar a utilización do coche, desprazarnos andando ou en transporte público.

- Se temos que utilizar o coche prever con antelación os nosos itinerarios e, se é o caso, a zona de aparcamento.

- Respectar a prioridade do transporte público, evitando aparcamentos indebidos que dificultan a circulación e causan un grave trastorno ao resto de usuarios.

- Respectar as normas de circulación e en definitiva pensar en que todos compartimos o mesmo espazo e que queremos gozalo entre todos.

DISPOSITIVO DE SEGURIDADE

Pola súa banda, o tenente de alcalde lembrou que o dispositivo total de San Xoán contará con 366 efectivos, os mesmos ca no 2013, e 92 máis ca no 2012, e os mesmos medios de seguridade e atención de emerxencias có ano pasado, que inclúen 188 efectivos municipais e 5 postos de atención, 13 ambulancias atendidas por Protección Civil, Cruz Vermella e o 061; 8 vehículos de Bombeiros e patrullas móbiles da Policía Local e da Policía Nacional.

Julio Flores explicou que este dispositivo estará coordinado dende o Centro Móbil de Coordinación situado na Coiraza, operativo dende as 18.00 horas. Ademais, este ano contará coa novidade dun dispositivo de vídeo-vixilancia para apoiar o labor dos efectivos de emerxencias e seguridade, que consistirá nun Centro de Control Móbil de vídeo-vixilancia con dúas cámaras na parte superior do vehículo -e que estará situado na Coiraza- e o despregamento doutras 10 cámaras portátiles que se situarán en puntos fixos do paseo marítimo -nos farois- entre as Esclavas e o Matadoiro. "Trátase dunha ferramenta máis para lograr que o San Xoán sexa unha festa segura para todos para apoiar o labor dos efectivos de emerxencias e detectar, da forma máis rápida posible e en tempo real, calquera incidencia que necesite a intervención deste servizo", concluíu.

Documentos:

Aparcadoiros e bus nocturno (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión