Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de outubro de 2014

O alcalde anuncia a conxelación das tarifas do bus urbano para o próximo ano

Carlos Negreira, que asiste á presentación de oito novos autobuses, destaca que o acordo permite manter o mesmo prezo do billete do bonobús social dende o 2013

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá da conxelación do prezo de bus urbano en todas as súas modalidades para o 2015, é dicir, que se manteñen as tarifas que existen este ano para o bonobús xeral, social e universitario e para o billete ordinario. O rexedor explicou este acordo durante a presentación de oito novos autobuses, o que eleva ata 24 unidades a renovación da frota da Compañía de Tranvías que se realizou durante este mandato.

"No 2015 non se vai producir unha subida do autobús urbano en ningunha das súas modalidades. Nun produto básico como o transporte público, con máis de 20 millóns de viaxes ao ano, é importante tomar este tipo de medidas", destacou o alcalde. Desta maneira, o prezo do billete ordinario seguirá custando 1,30 euros, mentres que o bonobús xeral queda en 0,85 euros (o Concello asume 0,45 euros, o 35% do prezo viaxe do usuario); o bonobús social, en 0,33 euros (o Goberno local asume o 75%, é dicir, 97 céntimos); e o bonobús universitario, en 0,30 euros (o Concello aboa 0,52 euros por billete e a Universidade, 0,48).

O prezo do billete e do bonobús ordinario na Coruña está por baixo da media estatal, mentres que o bonobús social é dos máis baratos de España (33 céntimos de euro); unha situación que se consolidará no 2015 coa conxelación do prezo do bus urbano. Así, o prezo do bonobús social mantense conxelado dende o 1 de xaneiro do 2013; mentres que os viaxeiros que utilizan o billete ordinario e o bonobús xeral pagarán no 2015 o mesmo ca este ano.

O Goberno municipal demostrou o seu compromiso polo fomento do uso do transporte público colectivo para que o peón gañe máis protagonismo nas rúas da Coruña. Así, froito do diálogo, a Compañía de Tranvías asuma 16 millóns de euros dende o 2012 ata o final da concesión (a empresa asumiu 1 millón de euros no 2012 e outro millón no 2013, mentres que os outros 14 millóns saen da negociación do 2014, que partiu de 1,27 euros e non de 1,31 como correspondería aplicando os termos do contrato asinado no 1986).

NOVOS BUSES

O alcalde informou da conxelación do prezo do bus urbano para o 2015 durante a presentación de oito novos autobuses que reforzarán o servizo e unha mellor atención ao viaxeiro, pois son máis cómodos e accesibles.

"Estas oito novas unidades son froito da aposta pola renovación do parque de buses urbanos. Nestes catro anos, renovouse o 26% da frota. Canto mellor transporte urbano público teñamos, moito mellor", sinalou Carlos Negreira. Dende o 2012, a rede urbana modernizouse con 24 novos autobuses, o que significa que o investimento duplicouse con respecto á etapa do bipartito. O alcalde tamén destacou que os novos buses son máis sostibles a nivel ambiental -adaptados ás normas europeas sobre emisións de gases de combustión-, máis seguros e favorecen a accesibilidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión