Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de decembro de 2013

O alcalde anuncia un Plan de Accesibilidade en Espazos Públicos tras inaugurar as primeiras escaleiras mecánicas na rúa Plaza

Negreira destaca que o Concello consolidou no 2013 a súa aposta polos Servizos Sociais e a participación cidadá, estabilizou as contas municipais e confirmou que A Coruña é o referente do noroeste español.

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asistiu esta mañá á posta en funcionamento das primeiras escaleiras mecánicas da cidade nun espazo aberto, situadas na rúa Plaza, nas inmediacións do mercado municipal de San Agustín. O proxecto, cun orzamento de 133.846 euros, forma parte do plan de accesibilidade impulsado polo Goberno local.

As novas escaleiras mecánicas teñen capacidade para transportar 6.000 persoas por hora. A escaleira é de subida, aínda que existe a posibilidade de pola tamén de baixada, e funcionará, en principio, de oito da mañá a doce da noite. O alcalde sinalou que este proxecto enmárcase dentro do compromiso pola accesibilidade desenvolvido polo actual equipo de goberno, onde se inclúe tamén o concurso de ideas para a mobilidade: catro proxectos nos que se comezaron as sondaxes xeotécnicas (escaleiras mecánicas en Maestro Clavé e ascensores en Capitán Troncoso, Ramón Cabanillas e Cabo Santiago Gómez).

Carlos Negreira anunciou que, nesta mesma liña de traballo, o Concello está a redactar o prego para sacar a concurso o Plan de Accesibilidade en Espazos Públicos, no que se estudarán outros puntos con dificultades para a mobilidade peonil que detectou o Goberno municipal coa colaboración dos veciños, así como aqueles que poidan xurdir a maiores. "Queremos trazar un plan 2014-2019 para completar a visión integral da cidade e que contribúa a mellorar a accesibilidade", destacou o alcalde, quen puxo como exemplo a rúa Merced e Xeneral Sanjurjo, onde xa se están estudando posibles solucións.

BALANCE 2013

O alcalde da Coruña asegurou que o 2013 foi un ano no que o Goberno local ratificou que o seu plan de traballo, impulsado baixo a coordinación de todas as concellerías, atende ás principais demandas e necesidades dos veciños. Negreira explicou que -ademais de potenciar a vía do diálogo cos municipios da área metropolitana para proxectos estratéxicos como a estación depuradora de augas residuais de Bens e a planta de reciclaxe de Nostián- os esforzos do Concello durante este ano centráronse en catro grandes obxectivos:

1. Consolidar un plan de actuación social que permite axudarlles ás persoas con menos recursos e que atravesan unha situación complicada. Carlos Negreira destacou a solidariedade activa das asociacións da cidade, coas que o Concello mantén unha "estreita colaboración".

2. Consolidar e estabilizar as contas municipais. O alcalde lembrou que o Goberno local logrou superar preitos que carrexarían importantes problemas ás arcas públicas como o que ocasionaron as indemnizacións de máis de 8 millóns de euros pagadas en Someso. "Logramos estabilizar as contas sen subir os impostos", afirmou.

3. Posicionamento da Coruña como referente do noroeste español. Negreira definiu A Coruña como "unha cidade con proxecto, viva e puxante". "Cando falas de novas tecnoloxías, de cidade con eventos culturais, de cidade con proxección, estás a falar da Coruña", afirmou o alcalde, quen puxo como exemplos a alianza pioneira selada con Sevilla para liderar a xestión do ciclo integral da auga ou que A Coruña presida a Confederación das Cidades do Arco Atlántico.

4. Garantir a participación da cidadanía na toma de decisións sobre o futuro da Coruña. O alcalde destacou que é a primeira vez que os veciños teñen a posibilidade de participar no desenvolvemento da cidade a través de Coruña Futura.

ORZAMENTO 2014

O alcalde afirmou que o vindeiro luns, 23 de decembro, será "un gran día" para a cidade coa aprobación definitiva dos orzamentos municipais do 2014, onde o departamento de Servizos Sociais contará cun investimento "marca" na historia da cidade. "Seremos a primeira cidade de Galicia que aproba os seus orzamentos. Así, o 1 de xaneiro estarán operativos para prestar os servizos públicos e para realizar novos investimentos na cidade", engadiu.

Carlos Negreira explicou que os orzamentos recollen as "inquietudes" que "no día a día" trasladan os coruñeses ao Goberno municipal. Este traballo planificado e coordinado que permite contar cuns orzamentos participativos contrasta coa actitude dos grupos da oposición: "Pido á oposición que fagan achegas todo o ano, como fan os veciños e as asociacións, en lugar de tratar de xustificarse un día cun papel que inclúe moitas ocorrencias".

NOVAGALICIA

O alcalde da Coruña tamén analizou esta mañá a compra de Novagalicia Banco por parte de Banesco. Na súa opinión, é un "comezo esperanzador" porque a oferta gañadora cumpre cunha serie de requisitos fundamentais para o futuro da entidade:

- Mantemento do emprego.

- Mantemento do centro de decisións en Galicia. Negreira afirmou que Galicia será a "porta de entrada en Europa" do grupo venezolano.

- Implicación na obra social.

- A aposta do banco por produtos deseñados para as familias e as pequenas e medianas empresas. "É unha boa noticia que teñamos un banco máis e que haxa máis competencia, operando con produtos específicos para as familias e as pequenas e medianas empresas. Para recuperar a economía, necesitamos máis que nunca que haxa crédito para as familias e as pemes", concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión