Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de xaneiro de 2015

O alcalde visita as obras do aparcadoiro do Materno e do Oncolóxico que entran na súa recta final para dar servizo a 1.500 usuarios diarios

Carlos Negreira destaca que a actuación, que estará finalizada no segundo trimestre do ano, cumpre unha demanda histórica, con 366 prazas de aparcamento, 60 para persoas con mobilidade reducida e familias, á vez que se mellora a seguridade viaria na zona

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá as obras do aparcadoiro do Materno e do Oncolóxico tras finalizar a execución da estrutura do edificio principal dando paso á última fase das obras -cos traballos de fachada, viario exterior, acabados e instalacións-, para cumprir co obxectivo de que o aparcadoiro entre en funcionamento durante o segundo trimestre deste ano.

"Entramos na última fase das obras, avanzando a bo ritmo e mantendo os prazos para dar resposta, canto antes, a unha demanda de hai moitos anos", destacou o alcalde, quen engadiu: "Falamos dunha oferta completa, un aparcadoiro con 366 prazas que inclúe todas as melloras posibles de accesibilidade, con 60 espazos reservados a persoas con mobilidade reducida e a familias".

Así, o proxecto que xestiona o Concello a través da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), conta cunha superficie construída de 10.675,15 metros cadrados, con catro plantas e cuberta, situado baixo o viario que dá acceso ao Centro Oncolóxico de Galicia dende a avenida da Pasaxe. Terá un total de dous accesos e dúas saídas: unha entrada e unha saída están situadas na planta de cuberta do edificio, a segunda entrada está na planta 2, e a segunda saída na planta 0; o que ofrece vantaxes para o funcionamento interno do aparcadoiro á vez que mellorará a fluidez do tráfico exterior.

Das 366 prazas, 40 resérvanse para persoas con mobilidade reducida, 20 para familias con carro de bebé e o resto para vehículos grandes. A distribución por plantas será a seguinte:

- 78 prazas na planta 0.

- 80 prazas na planta 1.

- 78 prazas na planta 2.

- 69 prazas na planta 3.

- 61 prazas na cuberta.

O aparcadoiro en semisoto permite un menor impacto ambiental e, polo tanto, unha infraestrutura máis sostible grazas ao aproveitamento da ventilación e iluminación natural. Ademais, intégrase na contorna, permitindo a conexión vertical accesible para persoas con mobilidade reducida, dende a parte superior do viario onde se encontra o Centro Oncolóxico de Galicia ata a parte inferior que dá acceso ao Hospital Materno Infantil; un acceso directo por pasarela dende o aparcadoiro ata o Hospital Materno Infantil; e o viario que sobe ao centro Oncolóxico de Galicia terá beirarrúa polo lado con menor pendente.

"Trátase dunha actuación integral que, non só cumpre cunha demanda histórica dos usuarios destes centros sanitarios, senón que mellora a mobilidade nos arredores e nos accesos a ambos os centros sanitarios, solucionando outro vello problema da zona: a seguridade viaria", destacou Carlos Negreira, quen indicou que o proxecto conta cun investimento de 3,5 millóns de euros.

APARCADOIROS

O alcalde lembrou que a cidade contará o próximo ano con tres novos aparcadoiros e máis de 700 prazas de estacionamento entre os aparcadoiros das Conchiñas e do Hospital Materno Infantil que executa EMVSA e o primeiro aparcadoiro disuasorio da cidade, que se situará en Lonzas, xunto á Terceira Ronda, e para o que o alcalde acaba de asinar un convenio de colaboración coa Xunta, que se encargará da súa execución.

A maiores, a Concellería de Infraestruturas está a desenvolver o Plan Conecta Castrillón, que, ademais de lograr a eliminación dos tapóns urbanísticos do barrio, supoñerá a creación de máis de 200 novas prazas de aparcamento en superficie; e outras actuacións que tamén inclúen novas prazas como os proxectos de Eirís-Monelos, con 52 novas prazas, ou o da rúa Observatorio, con 12.

"Se a estas actuacións sumamos as prazas que a Concellería de Infraestruturas está a crear no Castrillón, Eirís ou a rúa Observatorio, falamos de que, neste 2015, poñeremos a disposición dos coruñeses máis de 1.000 novas prazas de aparcamento, das que o 40% serán gratuítas", concluíu o alcalde.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión