Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de maio de 2014

O Concello informa sobre a segunda fase do plan de mobilidade polo viario subterráneo da Mariña que garante o tráfico nesta zona ata o final das obras

O mércores 4 de xuño, a partir das 10.00 horas, arrinca a segunda fase coa restrición total do tráfico en Alférez Provisional e o túnel de María Pita incluído.

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, e o tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores, informaron esta mañá de forma detallada sobre a segunda fase do plan de tráfico que o Goberno municipal, en coordinación coa Autoridade Portuaria, puxo en marcha con motivo das obras de execución do viario subterráneo da Mariña.

"Traballamos todos os implicados para minimizar a afección das obras cun importante dispositivo de reorganización e que á vez nos permitise garantir o tráfico na Marina en todo momento e durante a duración da execución das obras", destacou a concelleira, quen engadiu: "É certo que durante estes meses temos que lles pedir aos condutores un importante esforzo de comprensión e paciencia, e desculpas polos trastornos que se poidan causar, pero sen dúbida merecerá a pena porque en dez meses teremos un túnel que nos permitirá a circulación por Alférez Provisional, Dársena da Marina e a súa conexión cos túneles de María Pita e O Parrote, e a recuperación dun grande espazo para o goce de toda a cidadanía, un espazo que os nosos antepasados gañaron ao mar pensando en gañar espazo para as persoas, non para os coches, e que supoñerá o cambio urbanístico máis importante dos últimos anos".

Begoña Freire sinalou que se trata dunha obra de grande envergadura e a programación da súa execución é complexa, o que esixe compatibilizar a obra do viario subterráneo cos traballos de urbanización en superficie: "Traballamos intensamente todos os departamentos municipais xunto coa Autoridade Portuaria para poñer todos os recursos dispoñibles e ao alcance para mitigar na medida do posible a afección inevitable que se causará no tráfico da zona e as molestias á cidadanía".

A concelleira de Tráfico e Mobilidade explicou que o mércores, 4 de xuño, a partir das 10.00 horas, restrinxirase o tráfico na Dársena da Marina, dando continuación á restrición en Alférez Provisional e ao corte do túnel de María Pita, para continuar coa execución das obras de construción do viario subterráneo. A duración estimada das obras é de 10 meses, manténdose o tráfico no eixo Cantóns-Avenida da Marina-Avenida de Montoto-Paseo da Dársena-O Parrote.

PLAN DE TRÁFICO

O Goberno municipal mantivo durante estas semanas reunións cos colectivos e axentes máis directamente afectados polas obras para informalos sobre o plan de tráfico deseñado con motivo das obras e explicar con detalle as medidas.

- Mantense a restrición do acceso a Alférez Provisional dende a praza de Ourense, permitíndose só o tráfico de saída.

- Mantense o acceso á Deputación, Club Náutico, aparcadoiro de Palexco e Hotel Atlántico por Ambrosio Feijoo.

- O acceso á Deputación e ao Hotel Atlántico mantense garantido a través de Ambrosio Feijoo cun viario de servizo.

- Mantense o tráfico arredor de Correos por Ambrosio Feijoo e Alcalde Manuel Casás.

- Mantense o acceso dende Entrejardines ao aparcadoiro dos Cantóns Village e Palexco, e á avenida Alférez Provisional -dirección saída cidade- para acceso aos edificios administrativos de Portos de Galicia e Policía Nacional-Comandancia Mariña-Delegación do Goberno e gasolineira. En Alférez Provisional tamén se xeraron prazas de estacionamento de forma provisional ata a posta en funcionamento do novo túnel.

A concelleira sinalou que a execución das obras implicará os seguintes cambios na circulación:

- Restrínxese o tráfico na Dársena da Marina e no túnel de María Pita, e cérrase ao tráfico por completo Alférez Provisional dende Entrejardines ata o túnel de María Pita, incluído.

- Mantense o tráfico eixo Cantóns-Avenida da Marina-Avenida de Montoto-Costa da Palloza.

- A entrada e saída do aparcadoiro de María Pita realizarase a través da praza de España.

- Procédese á semaforización do paso de peóns Costa do Parrote/Porta Real, para garantir a fluidez da circulación e o tránsito de peóns.

- O tráfico de camións de obra -sempre que sexa posible- realizarase a través dos viarios interiores do porto, minimizando así a afección do tráfico interno da cidade.

TRANSPORTE PÚBLICO

- Autobús liña aeroporto. Destínase zona de reserva en Entrejardines para a parada desta liña. Non realizará parada en Porta Real nin na avenida da Mariña.

- Autobuses turísticos. Destínase de maneira provisional unha zona no Obelisco xunto á parada de taxis -en lugar da que está actualmente en Porta Real- para que os operadores dos autobuses turísticos poidan recoller os seus pasaxeiros.

- Bus urbano. As liñas que circulaban pola avenida da Mariña-Montoto con cambio de sentido na glorieta de Porta Real e cabeceira nesta parada (liñas 1A, 2, 2A e 23A) continuarán o seu percorrido por Paseo da Dársena-O Parrote ata As Ánimas -onde se é o caso farán a regularización- volvendo polo mesmo itinerario cara a Porta Real e realizando esta parada na Costa do Parrote. Con esta modificación esténdese o servizo destas liñas á zona das Ánimas e ao Hospital Abente y Lago. O resto das liñas manteñen o seu percorrido habitual.

Todas as liñas realizarán paradas en Autoridade Portuaria-Paseo da Dársena, As Ánimas (xunto á parada de taxis) e novamente Paseo da Dársena con Porta Real. Habilitáronse dúas novas dársenas para paradas de autobús -ante a imposibilidade de manter a cabeceira en Porta Real- no Paseo do Parrote para manter libres os carrís de circulación e poder garantir así a fluidez da circulación nesta vía. Unifícanse nestas novas paradas as existentes en Capitanía-Hotel Finisterre e Porta Real, pola súa proximidade ás de nova creación e para garantir que non se interrompa o carril de circulación.

PLAN DE SINALIZACIÓN E ITINERARIOS ALTERNATIVOS

A concelleira de Tráfico e Mobilidade tamén sinalou que, ademais da sinalización na zona das obras para indicar os desvíos e cortes, así como a limitación de velocidade a 30 quilómetros por hora, instalaranse 11 paneis de sinalización en diferentes puntos de acceso á cidade e en puntos estratéxicos, informando do corte do túnel de María Pita e das recomendacións cos itinerarios alternativos.

- Na avenida de Arteixo: para promover o uso do itinerario Ronda de Outeiro e Ronda de Nelle-Paseo Marítimo-Monte Alto.

- Na avenida de Alfonso Molina: para promover o uso do itinerario Ronda de Outeiro e Ronda de Nelle-Paseo Marítimo-Monte Alto.

- Na avenida do Exército: para promover o uso do itinerario Ramón y Cajal-Ronda de Nelle-Paseo Marítimo-Monte Alto.

- En Catro Camiños: para promover o uso do itinerario Ronda de Nelle-Paseo Marítimo-Monte Alto.

- Na avenida de Finisterre: promover o uso do itinerario Ronda de Outeiro ou Mosteiro de Caaveiro-Paseo Marítimo-Monte Alto.

- Na praza do Libro: para promover o uso do itinerario Paseo das Pontes-Paseo Marítimo-Monte Alto.

- Na AG-55: para promover o uso do itinerario Terceira Ronda-Paseo Marítimo.

-Na avenida de Hércules e rúa da Torre: para promover o uso do itinerario Ramón del Cueto-Paseo Marítimo.

De igual forma, utilizaranse os paneis de información variable de tráfico, situados en distintos puntos da cidade, así como os da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Trátase de que os condutores teñan a suficiente información para tomar un itinerario alternativo ao túnel de María Pita que os conduza ao seu destino.

A concelleira de Tráfico e Mobilidade tamén enumerou os principais itinerarios alternativos recomendados:

-A utilización da Ronda de Outeiro, Ronda de Nelle e Terceira Ronda.

- Recoméndase utilizar, como itinerario alternativa ao barrio de Monte Alto, o paseo marítimo a través das rúas Cantábrico (para acceder á zona do mercado de Monte Alto), Curros Enríquez (para a zona da rúa da Torre), e Hospital (para a zona da praza de España). Para saír de Monte Alto, recoméndase igualmente o paseo marítimo cara a avenida Pedro Barrié de la Maza, a través de Santo Tomás, Ramón del Cueto e rúa Hospital.

DISPOSITIVO DE REFORZO DA POLICÍA LOCAL

O tenente de alcalde de Seguridade Cidadá, Julio Flores, informou do dispositivo especial de reforzo da Policía Local. Implantarase de luns a venres, en horario de 07.45 a 20.30 horas, e os sábados de 08.00 a 14.30 horas, estendéndose a aqueles domingos onde se realice un evento que concite grande afluencia de vehículos. Patrullas de dous axentes a pé cubrirán os seguintes puntos: Juana de Vega;  de Regidor Somoza coa avenida Pedro Barrié de la Maza e intersección desta avenida con Modesta Goicouría; Porta Real, Paseo do Parrote; rúa Veramar; Obelisco-Rúa Nova con Cantón Grande; Rúa Nova con San Andrés e Rúa Alta con rúa Orzán; Rúa Alta entre rúa Cordonería e avenida Barrié de la Maza; Linares Rivas no desvío cara a Menéndez Pelayo; praza de Ourense no desvío cara a rúa Picavia; e praza de España.

O dispositivo da Policía Local, tras o comezo das afeccións de tráfico tras o cerramento do túnel de María Pita e durante 15 días, estará formado dunha media de 22 axentes na quenda de mañá e outros 22 axentes na quenda de tarde. Este dispositivo será flexible para cada fase (en termos xerais, duplícanse os efectivos da Policía Local a partir do cerramento do túnel de María Pita o mércores, 4 de xuño) e modularase en función dos días da semana (máis efectivos da Policía Local os luns e os venres, aínda que contará con todos os efectivos polo menos durante os 15 primeiros días tras o cerramento do túnel de María Pita) e das afeccións previstas no desenvolvemento das obras.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión