Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de outubro de 2014

O Concello recupera, 15 anos despois, o percorrido de bus urbano por Joaquín Planells

A responsable municipal de Mobilidade, Begoña Freire, acompañada das concelleiras de barrio Carmen Hervada e Susana Pazo, reuniuse con veciños e comerciantes para trasladarlles a proposta

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, anunciou melloras na rede de bus urbano na contorna urbana comprendida por Lonzas-O Birloque-Elviña-San Cristóbal. A principal novidade é a reordenación integral que consiste en que a avenida de Joaquín Planells Riera dispoñerá de servizo de autobús, co que se corrixe unha carencia que se remonta a hai 15 anos.

Durante unha visita a Joaquín Planells, a concelleira de Mobilidade explicou que a reordenación da rede que serve á contorna xa é posible grazas ao impulso dado á construción da Terceira Ronda, obras que obrigaran a desviar os servizos de Salgado Torres por Pablo Picasso. "A nova situación dos viarios no nó de Lonzas permítenos agora abordar esta reordenación de bus urbano", aclarou Freire.

A concelleira indicou que a ausencia de servizo en Joaquín Planells, así como a afección das obras de Lonzas, xa se abordou cos representantes veciñais durante a fase de participación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Nas últimas semanas as reunións continuaron, e nelas participaron as concelleiras de barrio Carmen Hervada e Susana Pazo, responsables da Compañía de Tranvías e os representantes de diferentes colectivos: a Asociación de Veciños e Comerciantes de Elviña Segunda Fase, a Asociación de Veciños de San Cristovo das Viñas e a d'Os Anxos-San Cristóbal das Viñas.

A responsable de Mobilidade indicou que nun prazo aproximado dun mes, a liña 5 servirá a Joaquín Planells Riera e que ese cambio é unha mellora importante, dado que non se limita a repoñer o servizo anterior ás obras, senón que incorpora a avenida de Joaquín Planells Riera en ambas as direccións e cunha frecuencia duns 16 minutos, cando hai catro anos os residentes na zona debían conformarse con desprazarse á avenida de Salgado Torres.

"Apostamos por unha reordenación integral que supera as expectativas dos representantes veciñais, cuxa solicitude era volver á situación anterior ás obras, é dicir, repoñer o servizo de bus en Salgado Torres. Pero devolver o bus para Salgado Torres non é o obxectivo que nos marcamos, porque non serve aos usuarios nin aos potenciais usuarios, nin se ten en conta a todos os veciños e asociacións implicadas. Optamos por optimizar as liñas e percorridos para prestar un mellor servizo tendo en conta a Elviña, O Birloque e Joaquín Planells, dando así resposta a unha demanda veciñal do século pasado", sinalou Begoña Freire.

A concelleira tamén indicou que, ademais do importante cambio na liña 5, o resto das liñas que antes das obras circulaban nun ou dous sentidos por Salgado Torres (liñas 21, 23, 23 A e 12 A), manteranse agora por Pablo Picasso (ademais das liñas 20 e 22), para atender o máximo número de residentes e a toda a contorna.

Así, a liña 5 modificará o seu percorrido no prazo dun mes, quedando da seguinte maneira:

- Sentido saída da Coruña: seguirá o seu itinerario habitual dende Adormideras ata Alfonso Molina, incorporándose a Joaquín Planells Riera na glorieta de San Cristóbal, seguir por Joaquín Planells -sen desviarse en Xeneral Rubín- ata a glorieta de Eduardo Diz (A Grela), glorieta de Lonzas, O Birloque, avenida de Glasgow e final de percorrido en Espacio Coruña.

- Sentido entrada da Coruña: Espacio Coruña-O Birloque-Glorieta de Lonzas-Entrada a Joaquín Planells pola rúa Blanco White-Joaquín Planells-Glorieta de San Cristóbal-Capitán Juan Varela e percorrido habitual ata Adormideras.

Tal e como informou a concelleira de Mobilidade, ata a súa implantación, acometeranse as obras de localización de paradas, así como a reprogramación informática e de información en liñas e postes de parada das rede de transporte público. Begoña Freire informou de que tanto a Concellería de Mobilidade como a Compañía de Tranvías levan tempo traballando nesta modificación, seguindo o criterio do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), o que xa se anunciou en diferentes ocasións aos colectivos veciñais e nunha das reunións mantidas esta semana mostraron a súa satisfacción por esta importante mellora no servizo de bus urbano.

Documentos:

Novo percorrido da liña 5 do bus urbano (842 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión