7 de xullo de 2013
Esta actuación da Concellería de Tráfico e Mobilidade é posible grazas á eliminación dun tapón urbanístico.
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, anunciou a ampliación do número de prazas de aparcamento en batería dispoñibles na marxe esquerda da rúa Nicaragua, o que permitirá o estacionamento de 36 vehículos.
Freire indicou que esta medida é posible grazas á eliminación do tapón urbanístico que se levou a cabo recentemente e que, ademais, responde a unha vella demanda veciñal para corrixir as aliñacións das fachadas posteriores dos números 8 e 14 da rúa Tenente Xeneral Gómez Zamalloa. A actuación municipal tamén mellorou as condicións de mobilidade dos peóns: "A existencia de tapóns urbanísticos é incompatible cos estándares de accesibilidade e seguridade cos que estamos a traballar", sinalou a concelleira.
A responsable de Tráfico e Mobilidade explicou que, coa normalización da sección de calzada e aliñación de beirarrúa, cos seus correspondentes bordos, pavimentos e demais infraestruturas, agora queda ordenar o espazo viario, que se poñerá a disposición da cidadanía con aparcamentos en batería no tramo inicial da marxe esquerda, excepto na entrada a rúa Nicaragua, onde se manterán 2 prazas en liña por cuestións de manobrabilidade dos vehículos. Tamén quedará en liña todo o aparcamento da marxe dereita, incluída a zona de carga e descarga.
"Este tipo de melloras responden a un traballo planificado con enfoque cidadán, con criterios ben priorizados para solucionar situacións que os coruñeses levaban longo tempo denunciando", destacou a concelleira. En relación á execución dos traballos, Freire indicou que xa están planificados, á vez que lembrou a necesidade de que toda a cidadanía colabore respectando a sinalización viaria vertical que se dispón previamente para que os operarios poidan traballar, e para evitar atrasos, problemas de circulación, posibles sancións, tanto nesta actuación como en calquera outra.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible