Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de novembro de 2014

A Concellería de Infraestruturas inviste 876.621 euros na reurbanización do tramo entre as prazas Antonio Tenreiro e Galicia

O Goberno local empeza esta semana a primeira fase da renovación da rúa Federico Tapia

Mobilidade establece un plan de tráfico que supoñerá cambios e melloras en 10 das 23 liñas da rede de transporte público urbano

O tenente de alcalde de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, e a concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, informaron do inicio da primeira fase da reurbanización da rúa Federico Tapia. O Goberno municipal poñerá en marcha un plan de tráfico para facilitar a circulación na zona e mellorar a eficiencia de 10 das 23 liñas do transporte público. O inicio da obra está programado para este mércores, 19 de novembro, aínda que se pode pospoñer para o día seguinte, pois está pendente de terminar a reparación dunha tubaxe de auga que rompeu na ronda de Outeiro, á altura da estación de trens.

A primeira fase do proxecto de renovación da rúa Federico Tapia sacouse a concurso mediante procedemento aberto e, tras presentarse 14 propostas, adxudicouse a Arias Hermanos Construcciones por 876.621 euros, o que supón unha rebaixa do 18,8% (en 203.257 euros) con respecto ao orzamento de licitación.

A reforma de Federico Tapia é un novo proxecto que impulsa Infraestruturas dentro do plan municipal de modernización de espazos públicos, que conta no 2015 cun orzamento de 35 millóns de euros. Entre os principais obxectivos desta obra, están a mellora da accesibilidade e a revitalización da actividade económica e comercial da zona. Esta primeira fase desta actuación, que alcanza os 5.150 metros cadrados, acometerase por tramos: entre a praza Antonio Tenreiro e a praza de Vigo, por unha banda, e entre as prazas de Vigo e de Galicia, polo outro. O obxectivo é empezar as obras no tramo entre a praza Antonio Tenreiro e a praza de Vigo e, a continuación, ao concluír estes traballos, comezarase o seguinte tramo, ata a praza de Galicia.

Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses -dous menos dos fixados no expediente de licitación-, aínda que durante a campaña do Nadal pararanse as obras dentro do espírito do actual equipo de goberno de compaxinar os traballos coa actividade diaria da cidadanía e dos comerciantes nunha época estratéxica para o sector. Esta nova actuación pretende favorecer a mobilidade na zona, así como renovar o pavimento, mellorar a rede de sumidoiros e os puntos de iluminación pública co obxectivo final de revitalizar unha das vías principais do centro urbano e que une os barrios de Catro Camiños, A Falperra e o Ensanche co centro da cidade.

- Rede de augas residuais. Substitúense os antigos colectores para poder implantar un sistema separativo, repoñendo as acometidas das vivendas que se vexan afectadas.

- Rede de pluviais. Proxéctase unha rede de colectores de augas pluviais que recolle as baixantes procedentes das cubertas dos edificios e a través dos sumidoiros as escorrentías da calzada.

- Ordenación das zonas de aparcamento. A delimitación das prazas de aparcamento permite a súa ordenación.

- Recolocación dos colectores de recollida de residuos sólidos urbanos. Recolócanse os colectores en función das necesidades da cidadanía, liberando prazas de aparcamento e mellorando a recollida de residuos.

- Arboredo. Nunha rúa na que non existe ningunha vexetación, plantaranse árbores de folla perenne.

- Melloras das redes de iluminación e telecomunicacións. En ambas as beirarrúas implantaranse canalizacións subterráneas para a expansión das redes de datos, control semafórico e soterramento do cableado de iluminación pública. Formúlase a substitución das luminarias de fachada para a mellora dos niveis de iluminación da rúa.

- Seguridade viaria e accesibilidade. Reconfigúranse as interseccións, semáforos e pasos de peóns de maneira que se mellora a seguridade viaria e a accesibilidade física.

SEGUNDA FASE

Este proxecto de urbanización de Federico Tapia conta cunha segunda fase para a que se convocou un concurso de ideas que inclúe a reurbanización da praza Antonio Tenreiro -un dos fundadores do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia-, unha superficie aproximada de 3.340 metros cadrados. Para executar esta segunda etapa do proxecto, o orzamento roldará os 700.000 euros. Infraestruturas quere recuperar esta praza e conceder o máximo protagonismo ao peón, mellorando a súa mobilidade.

Como xa ocorreu noutros proxectos, como a reordenación do paseo marítimo, o Concello quere contar coa colaboración dos colexios profesionais para este concurso de ideas que, ademais, foi todo un éxito de participación. Presentáronse un total de 65 propostas, o que garantiu obter o maior número de ideas posibles e, ao mesmo tempo, ofrecerlle á canteira de técnicos de arquitectura, enxeñería e urbanismo unha oportunidade de expresar e reflectir a súa creatividade.

O Goberno local conta no xurado do concurso de ideas coa colaboración dos colexios oficiais de Arquitectos e de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia. En total, o Concello repartirá ata 12.000 euros en premios: 6.000 euros para a proposta gañadora, 3.000 euros para o segundo clasificado, e dous accésits de 1.500 euros cada un. A través da Área de Infraestruturas tamén se reserva orzamento no caso de que se decida que o responsable ou responsables da proposta gañadora se encarguen ademais da redacción e posterior dirección do proxecto final.

OUTROS PROXECTOS NA ZONA

A renovación de Federico Tapia completarase con outros proxectos xa desenvolvidos na zona, ou que están en execución ou programados para realizar a curto e medio prazo. En total, máis de 3,5 millóns de euros que permitirán crear un itinerario peonil accesible que comunicará Catro Camiños e A Falperra co centro da cidade a través de Federico Tapia, Emilia Pardo Bazán e a avenida de Arteixo.

Xunto á reforma integral da rúa Federico Tapia, o outro proxecto estrela impulsado na zona por este equipo de goberno é a proposta gañadora do concurso de ideas para Maestro Clavé, onde se están instalando cinco escaleiras mecánicas para salvar un desnivel de 18 metros e eliminar 99 chanzos que unen as rúas Juan Flórez e Sinforiano López. A previsión é que esta obra, na que se invisten 1.129.564,60 euros, estea finalizada no segundo trimestre do próximo ano.

DISPOSITIVO ESPECIAL DE MOBILIDADE

As concellerías de Tráfico e Infraestruturas traballaron de maneira coordinada para poñer en marcha a execución deste proxecto e minimizar o máximo posible as afeccións que se poidan producir na circulación, ofrecendo alternativas á mobilidade nesta zona da Coruña e que á vez supoñerán cambios e melloras en 10 das 23 liñas da rede de transporte público urbano.

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, destacou que o plan de tráfico deseñado para a contorna de Federico Tapia comezará a funcionar o día que comecen as obras, a partir das 10.00 horas. Poñerase en marcha o desvío provisional do tráfico nunha zona cunha importante densidade de circulación e que, polo tanto, require medidas especiais.

Posto que as obras desta primeira fase comprenden o tramo de Federico Tapia dende Ramón de la Sagra ata Marcial del Adalid, o acceso ao seguinte tramo de Federico Tapia realizarase entrando no Ensanche pola praza de Antonio Tenreiro, Emilia Pardo Bazán e Marcial del Adalid, onde se recupera o percorrido por Federico Tapia.

Co obxectivo de facilitar o máximo posible os desprazamentos dos condutores, ademais da pertinente sinalización de obra nas inmediacións de Federico Tapia con todos os desvíos provisionais, os condutores tamén serán informados a través dos paneis de información variable de Alfonso Molina para que, no caso de que exista unha elevada densidade de tráfico pola zona de Federico Tapia, poidan optar por outras rutas alternativas, como a ronda de Nelle ou a ronda de Outeiro -rutas adecuadas sobre todo para os condutores que se despracen á zona do Palacio da Ópera, glorieta de América, zona do Ensanche, Riazor e mesmo Monte Alto; do mesmo xeito que co plan de tráfico da Marina-. Igualmente, faranse as modificacións necesarias na regulación semafórica nas interseccións con Marcial del Adalid para adaptalas ás novas circunstancias do tráfico rodado e peonil.

TRANSPORTE PÚBLICO

Begoña Freire explicou que, co obxectivo de minimizar as afeccións que se produzan con motivo das obras, o plan de tráfico de Federico Tapia inclúe cambios en 10 das 23 liñas da rede de transporte público, ademais doutras medidas complementarias que contribuirán a ofrecer un servizo de bus urbano de calidade.

As modificacións no sistema de transporte público implican a súa integración nun sistema informático, paneis, sinalización, información, na páxina web ou nos cadros de transbordos. A Concellería de Mobilidade aproveitou estas obras de reurbanización de Federico Tapia para abordar melloras na eficiencia das liñas. Trátase de modificacións formuladas de maneira global -adoptadas de maneira coordinada e integral- que van máis alá da execución desta obra en Federico Tapia e que, ao facerse todas á vez, resultan máis fáciles dende o punto de vista operativo e máis eficaces para o usuario, pois permítenlle adaptarse e comprender mellor a información. Con estas modificacións o Concello coruñés busca:

1. Mellorar a eficiencia das liñas, utilizando preferentemente o viario principal, xerarquizado conforme ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS).

2. Mellorar a conexión cos centros sanitarios e hospitalarios.

3. Incorporar medidas complementarias, como un plan de información, a mellora da atención do usuario en base a procedementos de calidade, ou un plan de sondaxe de opinión para avaliar os cambios efectuados nas liñas.

Liñas 24 e EU (Especial Universidade)

Estes buses urbanos circularán dende a parada da estación de autobuses por Alfonso Molina cara á praza de Ourense, Juana de Vega e praza de Pontevedra. Desta maneira, as paradas provisionais serán as seguintes: Alfonso Molina-intersección con Fernández Latorre; praza de Ourense; e praza de Pontevedra-oficinas do Deportivo.

Esta modificación do percorrido aconsella tamén a substitución da parada que actualmente realizan as liñas universitarias á altura do número 10 de Juan Flórez pola existente na praza de Pontevedra xunto ás oficinas do Deportivo. Esta decisión adoptouse porque se evitan as dificultades de manobra dos autobuses para acceder á parada do inicio de Juan Flórez, coa realización nun espazo reducido dun xiro de practicamente 180 graos (de Francisco Mariño a Juan Flórez); porque se aproxima esta parada á existente en praza de Pontevedra-Feminino, o que favorece os transbordos; porque se aumenta a potencialidade das liñas ao conectalas con dous puntos estratéxicos do transporte como son as prazas de Pontevedra e Ourense; e porque se manteñen as frecuencias e tempos de viaxe ao desvialas no seu itinerario da zona de afección de obras.

Liñas 3 e 3-A

A parada que na actualidade realizan as liñas 3 e 3-A na praza de Pontevedra xunto á sede do Deportivo pasará a efectuarse no número 10 de Juan Flórez, o que posibilita que a liña 3-A poida circular no tramo de Juana de Vega polo túnel da praza de Pontevedra, mellorando así a súa frecuencia.

Liñas 21 e 22

En dirección entrada á cidade, estas dúas liñas farán o seu percorrido habitual ata chegar a Catro Camiños, onde, en lugar de seguir por Castiñeiras e Federico Tapia, circularán por Costa da Palloza, Primo de Rivera, Linares Rivas, praza de Ourense, Juana de Vega e praza de Pontevedra, onde recuperarán o seu itinerario.

Deste xeito, as paradas provisionais serán as seguintes: Costa da Palloza, á altura do número 5; Primo de Rivera-Palloza; Primo de Rivera-Viaduto; praza de Ourense; e praza de Pontevedra.

Liñas 23

O Concello aproveita esta reordenación para atender a demanda dos veciños do Birloque, Elviña e Pablo Picasso, pois esta liña prestará servizo ao hospital Abente y Lago. Así, esta liña en sentido entrada á cidade, e a partir de Ramón y Cajal-El Corte Inglés, continuará o seu percorrido por Ramón y Cajal, avenida do Exército, Primo de Rivera, Linares Rivas, praza de Ourense, Obelisco, Porta Real e hospital Abente y Lago, realizando as paradas xa existentes ao longo do seu percorrido.

Esta importante reordenación significa a mellora de conexión co centro da cidade, con dous centros sanitarios importantes (Casa do Mar con Abente y Lago) e a mellora de frecuencia da liña e do servizo de bus urbano dos veciños de Feáns, O Birloque e Elviña ao unificarse coa liña 23-A.

As novas paradas en sentido entrada á cidade e a partir de Ramón y Cajal-El Corte Inglés son as seguintes: avenida do Exército-Porto; Primo de Rivera-A Palloza; Primo de Rivera-Viaduto; praza de Ourense; praza de Mina; Obelisco; Autoridade Portuaria; Costa do Parrote; Abente y Lago.

Liña 11

Nesta primeira fase da obra de Federico Tapia, a liña 11 non se verá especialmente afectada, pero si o fará en fases posteriores. Begoña Freire explicou que se trata dunha liña de longo percorrido (Monte Alto-A Grela), con quebros pouco racionais e que circula por interseccións que, debido á súa intensidade de tráfico, retardan os tempos do servizo.

A técnicos da Área de Mobilidade e da Compañía de Tranvías analizaron as melloras que permitan optimizar e simplificar o percorrido desta liña. A modificación exposta acurta o seu percorrido para realizar un itinerario máis directo e racional: en lugar de subir pola rúa Hospital cara á rúa San Juan, continuará polo paseo marítimo cara ás Lagoas, incorporándose unha nova parada á altura do colexio Salesianos e continuando dende o Hotel Meliá María Pita co seu itinerario habitual. Será un itinerario circular por Monte Alto, entrando polas Lagoas e saíndo pola praza de España.

Esta reordenación mellora as frecuencias e tempos de viaxe e supón unha alternativa para novos usuarios potenciais xa que a liña 11 dá servizo ao polígono da Grela dende o pasado mes de setembro, atendendo unha demanda histórica da asociación de empresarios e dos traballadores das máis de 500 empresas asentadas no polígono. Ademais, evítanse duplicidades de liñas en zonas xa servidas por outras liñas de bus urbano.

Liña 4

Esta liña mantén o itinerario habitual, aínda que á altura do centro de saúde de Santa Lucía dirixirase cara a Emilia Pardo Bazán e Marcial del Adalid, onde se incorporará a Federico Tapia. Os cambios non afectan as paradas actuais.

Liña 6

Será a gran novidade na reordenación do transporte público que entrará en funcionamento o vindeiro mércores. A liña 6 percorrerá a rolda de Monte Alto, unha medida que, no marco do PMUS, atende e dá resposta a veciños e comerciantes desta zona do barrio de Monte Alto.

A solución analizada implica variar o itinerario: dende San Amaro, en lugar de seguir por Santo Tomás, continuará pola avenida de Navarra e ronda de Monte Alto para enlazar co seu itinerario habitual na avenida de Hércules, á altura do número 115.

As paradas deste novo trazado dispoñeranse en Orillamar 96, avenida de Navarra-Ronda de Monte Alto, Ronda de Monte Alto 32, Ronda de Monte Alto 52, e avenida de Hércules 115. Dispoñeranse de maneira provisional co fin de avaliar e confirmar a súa localización cos veciños e comerciantes da zona, converténdose entón en definitivas.

"Todos estes cambios supoñen unha importante reordenación de 10 das 23 liñas da rede de transporte público e algunhas consolidaranse como definitivas tras coñecer a opinión dos usuarios e avaliar o seu funcionamento", afirmou Begoña Freire, quen explicou que o compromiso da Compañía de Tranvías cos seus clientes e co Concello implica a avaliación e validación de todos estes cambios que agora se implementan a través dun plan de información e atención ao usuario que sirva para coñecer as vantaxes das melloras realizadas, así como un plan de sondaxe de opinión respecto dos cambios para poder tomar unha decisión definitiva. Neste sentido, a concelleira de Mobilidade afirmou que Tranvías aceptou o reto esixido polo Concello e comprometeuse a traballar con criterios de calidade integrada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión