11 de marzo de 2015
O novo proxecto desenvólvese grazas ao acordo alcanzado co Instituto Galego de Vivenda e Solo polo que lle cedeu gratuitamente este espazo ao Concello
O Goberno local inviste 176.139 euros nesta actuación, que recolle as propostas dos veciños, e ten un prazo de execución de dous meses
As concelleiras de barrio, Carmen Hervada e Susana Pazo, visitaron esta mañá a praza do Comercio con motivo do inicio das obras de remodelación postas en marcha polo Goberno local e que recollen as propostas dos veciños da zona. A actuación conta cun orzamento de adxudicación de 176.139 euros, o que supón unha redución do 27%, respecto dos 241.287 euros do orzamento de licitación.
A remodelación da praza do Comercio ten un prazo de execución de dous meses e é posible grazas ao acordo alcanzado co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) polo que cedeu de maneira gratuíta a urbanización interior do grupo de vivendas da Cooperativa Nuestra Señora de los Dolores.
En concreto, o espazo cedido polo IGVS conta cunha superficie de 3.557,95 m2 que se destinan a praza, rúas, zonas axardinadas e espazos libres. As beirarrúas presentan un pavimento moi envellecido polo paso do tempo e o uso, con afundimentos e irregularidades que fan tropezar os viandantes. A falta de canalización das baixantes de augas pluviais fai que se vertan nas beirarrúas producíndose encharcamentos e a presenza de parterres de grandes dimensións provoca que o espazo de paso para os peóns sexa moi reducido, non cumprindo a normativa de accesibilidade en espazos públicos.
Así, o proxecto consiste principalmente na renovación dos pavimentos peonís, a construción dunha nova rede separativa de augas pluviais e a recollida das baixantes a esta nova rede para dar resposta ás necesidades dos veciños xa sexan de accesibilidade, comodidade, seguridade e salubridade:
- Pavimento peonil: Renovarase un total de 1.198 m2 de beirarrúa, substituíndo a actual baldosa hidráulica por baldosa granallada de 40 x 60 cm gris claro con cenefa perimetral e, cada certa distancia, tamén en baldosa granallada de 40 x 60 pero de cor gris basalto, máis escura.
- Pavimento de aparcamentos: Para emendar as deficiencias nos pavimentos na zona dos aparcamentos proponse a substitución das actuais laxas de formigón por unhas laxas de formigón impreso armadas HA-25 de espesor 15 cm. Sobre base de formigón de espesor 10 cm. A cor do pavimento de formigón impreso será negra con debuxo de empedrado liso de 10 x 20 cm.
- Rede de pluviais: actualmente o tramo da praza do Comercio non dispón dunha rede para recollida de augas pluviais nin sumidoiros e as baixantes verten directamente nas beirarrúas ou bordos. Por este motivo, dotarase a rúa dunha rede que permita recoller tanto as augas de escorrentía como canalizar as baixantes da recollida de augas pluviais dos edificios circundantes. Proxéctase unha rede separativa e unha rede de pluviais conformada por un colector xeral de PVC de 315 mm. de diámetro, cor tella. As conducións proxectadas serán subterráneas e seguirán o trazado da rede viaria e dos espazos libres de uso público.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible