13 de marzo de 2014
A Coruña pertence á rede CiViNET España e Portugal dende abril do 2013, que aglutina a entidades públicas e privadas preocupadas e interesadas pola mobilidade sostible.
A concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, participou no Taller de Plans de Mobilidade Urbana Sostible e na reunión de coordinación organizada pola rede CiViNET España e Portugal, á que pertence A Coruña dende abril do 2013, e que aglutina a entidades públicas e privadas preocupadas e interesadas pola mobilidade sostible. Un evento no que participaron máis de sesenta persoas representando a unha trintena de cidades e outras entidades como ministerios, universidades ou centros tecnolóxicos.
Neste sentido, a concelleira destacou a importancia de que a cidade participe en foros deste tipo, recollendo e transmitindo experiencias como as que está a achegar o PMUS, o primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible da historia da cidade e que puxo en marcha este Goberno municipal; e lembrou algúns dos obxectivos desta asociación:
- O intercambio de experiencias e de mellores prácticas en estratexias, políticas, plans e medidas de mobilidade sostible, e outros temas de interese para a Rede, como o medio ambiente, a planificación urbana, aforro e implementación de tecnoloxías orientadas á eficiencia enerxética, ou calquera outra cuestión enfocada á sostenibilidade do medio urbano e a súa utilización.
- Achegar ás entidades, como socios, os proxectos europeos e servir de informador das iniciativas.
- Promover os proxectos europeos entre as entidades ou na mesma asociación.
- Realizar traballos a favor da mobilidade sostible.
En definitiva, trátase dunha rede para intercambiar experiencias no ámbito da mobilidade sostible e impulsar proxectos e programas vinculados a iso para mellorar o nivel de comunicación e compromiso de todas as persoas participantes e redundar así na aplicación de medidas de sostenibilidade máis adecuadas e eficientes.
Nesta última reunión tratáronse temas como a incorporación de novas cidades e centros tecnolóxicos, así como o repaso a proxectos postos en marcha e proxectos futuros; ou as distintas posibilidades de financiamento de campañas, estudos ou eventos por parte europea, e a incorporación da Rede na Plataforma de Expertos Smart City a nivel europeo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible