3 de xullo de 2014
O Concello anuncia que se creará unha liña circular que conecte A Grela e Pocomaco con varios puntos de transbordo que conecten este bus co resto do servizo
A concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, reuniuse con membros da Xunta Reitora de Pocomaco, no marco da execución do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), para explicar as solucións ao transporte público por autobús que se aplicarán neste polígono industrial e que tamén mellorará a conexión coa Grela.
Begoña Freire explicou que a solución adoptada pola Concellería de Mobilidade para a zona, consiste en crear unha liña circular que conecte os polígonos da Grela e Pocomaco con varios puntos ou nodos de transbordo gratuíto que enlacen esta liña co resto do servizo de autobús urbano ou mesmo interurbano. Eses puntos de conexión estarían situados principalmente na ronda de Outeiro e as avenidas de Arteixo e Finisterre.
Con este sistema, que é propio dunha oferta moderna, cambiaranse paulatinamente os hábitos de mobilidade dos traballadores e para iso tamén se deben tomar medidas transversais e complementarias como a aplicación de políticas de mobilidade e información tanto nas empresas como por parte do Concello. "Este servizo circular presentará varias vantaxes: será independente, e polo tanto adaptable aos horarios e destinos propios dos polígonos, e poderase mellorar e axustar segundo as necesidades sen alterar a calidade do servizo das liñas que dan servizo ás áreas residenciais. A flexibilidade e o seu potencial de usuarios serán os seus fortes, é un reto que debemos poñer en marcha para os traballadores e para poñer en valor os polígonos que tanto lle proporcionan á cidade", explicou Begoña Freire.
O Goberno municipal atende con esta decisión unha demanda histórica tanto da Xunta Reitora de Pocomaco, que preside Rubén Ocampo Tizón, como dos máis de 10.000 traballadores das aproximadamente 550 empresas asentadas no polígono. "Este polígono, cunha lonxitude de 2,5 quilómetros á que se sumará a do polígono de Vío, necesita dunha boa conexión mediante transporte público, é unha cuestión de sentido común", afirmou a concelleira.
A edil explicou que o PMUS detectou a necesidade de reorganizar o servizo de autobús urbano adaptándoo ás demandas de mellora de frecuencia, transbordo e destino, especialmente a puntos de atracción de viaxeiros de grande entidade como son os polígonos. "Debemos comezar por mellorar a situación dos polígonos para dotalos dun servizo eficaz, específico, polivalente e flexible, porque os polígonos industriais da periferia teñen problemas distintos polo que hai que aplicar distintas solucións. Ademais, a empresa concesionaria ten que comezar a traballar para dispoñer dun Plan de Calidade", indicou.
"O servizo aos polígonos debe poñerse a disposición da cidadanóa para que pouco a pouco vaian cambiando os seus hábitos e se establezan verdadeiras políticas de mobilidade nas empresas apoiadas na oferta de transporte público", concluíu a concelleira, quen indicou que o principal obxectivo é o de inverter a tendencia de uso do coche particular, consecuencia dunha falta de planificación patente dende a construción do polígono.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible