29 de novembro de 2014
Begoña Freire explica os desvíos provisionais de tráficos peonís e rodados que se producirán a partir do martes
Fernández Prado explica que a actuación inclúe os traballos correspondentes á escavación e os muros do paso inferior e a nova ponte sobre a rasante da avenida de San Cristóbal
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, e a concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, informaron esta mañá do avance das obras de conexión das rúas Pablo Picasso e Glasgow: "Como saben trátase dunha actuación que non estaba contemplada no proxecto orixinal da Terceira Ronda e que, dende a chegada do Goberno local, marcámonos como unha das melloras imprescindibles para esta importante infraestrutura". Tal e como lembrou o tenente de alcalde, os traballos permitirán, como pedían os veciños, que ambos os barrios sigan unidos e non queden incomunicados, como pretendía o anterior goberno.
"As obras, que comezaron o pasado 21 de outubro, van seguindo os prazos e, tras a finalización das fases 1 e 2 que consistían basicamente na execución do estribo ao lado Picasso do paso superior e a posta en marcha da pasarela provisional peonil, o vindeiro martes, 2 de decembro, estamos xa en disposición de comezar a terceira fase, o verdadeiro corazón da obra, que consiste en realizar todos os traballos que teñen que ver cos correspondentes aos muros-pantalla do paso inferior lado Glasgow, nova ponte sobre a rasante da avenida de San Cristóbal e a escavación do paso inferior", avanzou.
O tenente de alcalde lembrou que a solución pasa pola creación dun paso superior de 12 metros de ancho e unha lonxitude de 20,7 metros, que se elevará pouco máis de 1,5 metros con respecto ao nivel actual da intersección entre Elviña e O Birloque. Esta actuación permitirá, polo tanto, manter a conexión, tanto peonil como para o tráfico rodado e de bicicletas, nas rúas Picasso e Glasgow.
"Pasamos dunha infraestrutura que ía irromper de forma brusca na cidade, dividindo barrios, a unha solución para o tráfico da Coruña e a súa área que lles permitirá a Elviña e O Birloque seguir funcionando conxuntamente, cunha conexión branda amable, máis accesible e máis humana", subliñou Fernández Prado, quen lembrou que o investimento previsto é de 3,3 millóns de euros co obxectivo de que estea finalizada na primavera do próximo ano.
MODIFICACIÓNS DE TRÁFICO
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, explicou que estas actuacións requiren un novo plan de tráfico, aínda que o Ministerio de Fomento buscou alternativas para minimizar o máximo posible os cambios na circulación con motivo das obras. "As actuacións para cumprir con esta gran demanda veciñal requiren novos desvíos provisionais de tráfico, algo que non fose necesario se se contemplase a conexión dende o inicio dos traballos, cuestión que se retomou entre Fomento e o Concello no 2012", explicou Freire.
"As obras dividíronse en varias fases co obxectivo de minimizar ao máximo as molestias para os condutores e tamén para os peóns", lembrou a concelleira. Neste sentido, na fase que comezará o 2 de decembro, modifícase o tráfico dende Matogrande en dirección ao polígono da Grela que, na actualidade, se realiza a través do paso inferior e desvíase en superficie por un carril, sen semáforos, cara á glorieta de Lonzas. Isto é necesario para rebaixar o nivel de calzada do viario inferior da avenida de San Cristóbal, de modo que se eleve o menos posible o taboleiro que conectará Elviña e O Birloque. Ademais, recupérase a conexión de entrada cara á rúa Pablo Picasso dende a avenida de San Cristóbal e suprímese, temporalmente, a saída á avenida de San Cristóbal dende a rúa Picasso, con alternativa a través das Pajaritas.
"O plan de tráfico deséñase coordinando as medidas coa Demarcación de Estradas e co enfoque global que emana do PMUS, que consiste en tomar medidas que reduzan o impacto dos eventos ou circunstancias que puidesen afectar aos desprazamentos das persoas e mercadorías. Neste sentido, realizando unha análise global, decidiuse priorizar as dúas direccións do eixo Matogrande-A Grela mediante a colocación de paneis informativos, que indicarán alternativas tanto na avenida de Arteixo, como en Joaquín Planells, Pablo Picasso, Severo Ochoa, glorieta de Pocomaco ou a contorna de Matogrande", destacou Freire.
TRANSPORTE PÚBLICO
Respecto ao transporte público, Begoña Freire explicou que a novidade é que, ao recuperarse o sentido de circulación de San Cristóbal cara a Pablo Picasso, as liñas 12A e 20 recuperan o seu itinerario habitual no dito sentido de circulación.
Mantéñense as modificacións nas liñas 21, 23 e 23A, que prestarán servizo a Pablo Picasso por Salgado Torres; a da liña 22, que dende a fonte das Pajaritas incorpórase pola praza Casares Quiroga a Xeneral Rubín, Salgado Torres, glorieta de Lonzas, San Cristóbal e Alfonso Molina; e a da liña 5 que, co inicio desta actuación, circula por Joaquín Planells, incorporándose á rede en ambos os sentido cumprindo coa demanda dos veciños.
"Ademais -engadiu Freire-, restrínxese o acceso á avenida de Salgado Torres en dirección Ramón y Cajal dende a glorieta de Lonzas, reservándose só para o transporte público para minimizar a afección sobre o eixo A Grela-Matogrande e conservándose o acceso de Avda. San Cristóbal a Salgado Torres".
A concelleira de Tráfico e Mobilidade lembrou que, tras estes traballos, xa só quedaría pendente a cuarta e última fase na que culminarán os traballos, repoñendo o paso peonil a través da nova ponte coa retirada da pasarela peonil provisional e a posta en servizo definitiva do paso inferior.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible