5 de agosto de 2013
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asegura que humanizará a zona e mellorará a súa conectividade e accesibilidade, tal e como demandaba a cidadanía.
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado polas concelleiras de barrio, Susana Pazo e Carmen Hervada, mantivo esta mañá unha reunión cos veciños de Elviña e do Birloque co obxectivo de presentarlles o proxecto de conexión das rúas Picasso e Glasgow. En concreto asistiron as asociacións de veciños Monelos – Fonte das Pajaritas, Os Anxos, Elviña 2 fases, Asociación de Comerciantes de Elviña e San Cristovo das Viñas.
Martín Fernández Prado lembrou que a solución pasa pola creación dun paso superior, que supón elevar o trazado pouco máis de 1,5 metros con respecto ao existente na actualidade, que permitirá manter a conexión, tanto peonil como para o tráfico rodado e de bicicletas nas rúas Picasso e Glasgow. Deste xeito, o Goberno local e o Ministerio de Fomento cumpren coas demandas dos veciños afectados.
O concelleiro lembrou que esta actuación non estaba contemplada no proxecto do 2008, aprobado na etapa de Zapatero, sendo Mar Barcón responsable de Urbanismo: “Estes dous barrios necesitaban manter a súa conexión e así nolo pediron os veciños que acolleron con satisfacción o proxecto”, asegurou e engadiu: “Esta solución vai permitir que dous barrios que xa funcionan conxuntamente poidan seguir facéndoo de forma cómoda e mellorando as súas expectativas, xa que o paso dos peóns e as bicicletas será máis accesible que na actualidade”.
Con estas modificacións, lógrase integrar unha grande infraestrutura na cidade facéndoa máis branda e amable para os veciños. Deste xeito, a cidade ademais de gañar en conectividade, tamén o fará en accesibilidade e, sobre todo, permitirá a humanización da vía.
Fernández Prado finalizou agradecéndolle a súa colaboración ao Ministerio de Fomento e, en concreto, a Ana Pastor polo seu compromiso e sensibilidade con esta importante obra: “Dende a súa chegada a Terceira Ronda alcanzou o impulso definitivo que necesitaba tras dous anos de paralización. En 2012 e 2013, o ministerio achega o 67% do orzamento necesario que se suma ao 13% que o anterior goberno dedicou en catro anos”, informou e lembrou que se incorporarán outras modificacións como un paso inferior de acceso ao polígono de Vío; unha pasarela peonil que unirá Blanco White con San Cristovo das Viñas; un acceso dende Salgado Torres a Pablo Picasso; a mellora do nó de Mesoiro e a implantación de beirarrúas e carril bici no viario entre Mesoiro e a Universidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible