Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de marzo de 2015

Negreira sinala que a apertura da Terceira Ronda é unha proba máis de que os coruñeses "trazamos soños que sabemos facer realidade"

O alcalde da Coruña asistiu á posta en servizo desta infraestrutura acompañado pola ministra de Fomento e o presidente da Xunta, a quen lle agradeceu a súa implicación coa cidade

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, sinalou que a posta en servizo da Terceira Ronda é "unha proba máis de que os coruñeses trazamos soños que sabemos facer realidade e de que seguimos abrindo camiños cara ao futuro". Así o asegurou no acto da posta en marcha da Terceira Ronda, en concreto entre As Lonzas-Zapateira e o terceiro tramo autonómico, no que tamén participaron a ministra de Fomento, Ana Pastor, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

"A Coruña é unha cidade que se move. Cada vez máis rápido e cada vez máis lonxe. Para moverse é indispensable que haxa espazo e hoxe, á fin, poñemos ao servizo dos coruñeses o espazo que esta cidade necesitaba e que se merecía para seguir crecendo", destacou o alcalde e engadiu: "Ademais de moverse, A Coruña sabe cara a onde se move: cara a un futuro que a consolide como motor de Galicia".

"Pronto incorporaremos esta Terceira Ronda á nosa vida cotiá e miraremos cara a novos desafíos que nos permitan seguir avanzando nese proxecto de cidade que entre todos deseñamos e cuxos horizontes anuncian un lugar mellor para vivir, que é, en definitiva, o que todos desexamos para as xeracións futuras", subliñou o rexedor coruñés.

Na súa intervención, o alcalde repasou o que supuxo para a historia recente da cidade a apertura doutras importantes infraestruturas. Neste sentido, lembrou a posta en servizo, en 1957, de Lavedra; da ronda de Nelle e a ponte da Pasaxe en 1978; da ronda de Outeiro, "unha arteria básica que une 14 barrios da cidade e que abraza a cinco minutos camiñando ao 45% dos coruñeses"; e da avenida de Arteixo: "O 12 de decembro de 1989 rodaron os primeiros coches dende a canteira de Santa Margarita e o Polígono da Grela. A avenida de Arteixo é hoxe parte dunha cidade que hai menos de 60 anos só existía en planos e proxectos", asegurou e engadiu: "Hoxe volvemos cambiar a cidade para mellor. Non pasará moito tempo antes de que nos custe lembrar cando A Coruña non tiña aínda unha saída e entrada de alta capacidade sen peaxe. Non tardaremos moito en esquecernos do que ata hoxe supoñía chegar ao noso aeroporto, emprender unha viaxe cara a Lugo ou de cal era o último semáforo que nos separaba de Madrid".

O alcalde finalizou agradecéndolles a todas as persoas que fixeron posible esta infraestrutura o seu esforzo e implicación e subliñou a cooperación, entendemento e colaboración institucional sen a que a Terceira Ronda non sería posible. En concreto, destacou o papel de Ana Pastor e Alberto Núñez Feijóo: "A Coruña debe empezar hoxe a recoñecer o que Ana Pastor supón e supuxo para o despegamento desta cidade", asegurou e enumerou as mostras do compromiso da ministra coa cidade tanto por terra -co impulso desta Terceira Ronda e o enriquecemento do proxecto con melloras como a de Glasgow-Picasso; a ampliación de Alfonso Molina, o Viario 18 ou o anuncio de ampliación da Pasaxe- como por mar, garantindo o contradique de Punta Langosteira e impulsando os accesos por estrada e ferroviarios; e aire, coa ampliación de Alvedro.

"Presidente, esta comeza a ser a cidade coa que tantas veces soñamos. Esa A Coruña que debía ser líder no noroeste español, referencia en España e ponte de Europa cara a América. A Xunta de todos os galegos foi estes anos tamén a Xunta de todos os coruñeses", asegurou o alcalde e agradeceulle a Alberto Núñez Feijóo o apoio da Xunta aos proxectos coruñeses. "Que por esta estrada que hoxe abrimos circulen en sentido saída as ilusións dos coruñeses e cheguen os triunfos dos nosos. Que este novo camiño rexistre unha alta densidade de oportunidades e que compacte aínda máis aos municipios desta comarca", finalizou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión