Concello da Coruña

Concello da Coruña

TEU Azahar, barrio das Flores

Espazo TEU aberto de uso cidadán

O cuarto espazo TEU posto a disposición da cidadanía está situado no barrio das Flores, na rúa Azahar, concretamente nos baixos do Bloque 48, e a súa xestión depende, igual que os demais, do Servizo de Participación Cidadá e Innovación, adscrito á Concellería de Benestar Social, Participación e Igualdade.

Como o resto dos espazos TEU da cidade, trátase dunha infraestrutura que se lle ofrece á cidadanía de forma aberta e gratuíta, para usar de forma privativa.

Podes solicitalo para facer unha reunión, celebración, evento familiar, actividade formativa, social ou cultural, sempre que sexa sen ánimo de lucro.

Tes que ser maior de idade e estar empadroado/a na Coruña e podes solicitalos con carácter privado ou en representación dunha entidade ou asociación inscrita no REMAC ou dun colectivo informal con sede dentro do termo municipal da Coruña.

O TEU Azahar ten unha capacidade máxima, neste momento, de 20 persoas e está equipado con varias mesas redondas, cadeiras amoreables, bancos de madeira, mobiliario infantil, aseo e radiadores.

Solicitude e autorización de uso do TEU Azahar

Se es unha persoa maior de idade, estás empadroado/a na Coruña e precisas un lugar onde poder realizar unha reunión, celebración, charla, asemblea, actividade de formación ou calquera outra social ou cultural sen ánimo de lucro, para ti ou en representación dunha asociación, entidade ou colectivo informal, podes solicitar o uso puntual do TEU Azahar.

Podes solicitar o seu uso para un día completo das 09.00 ás 22.00 h e a autorización é gratuíta.

Consulta o calendario de dispoñibilidade e realiza a solicitude seleccionando a data dispoñible que prefiras, a través de cita previa.

Normativa xeral de solicitude e autorización

A solicitude de reserva para o uso privativo dun espazo TEU deberá ser cursada sempre por unha persoa física, que pode facelo en nome propio ou ben en representación dunha entidade xurídica (asociación, comunidade etc.). Os requisitos que se deben acreditar son os seguintes:

  • En caso de solicitar o espazo en nome propio, deberá ser maior de idade e figurar empadroada no Concello da Coruña.
  • En caso de solicitalo en representación dunha asociación, a persoa deberá ser maior de idade e a entidade deberá estar inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña (REMAC).
  • En caso de solicitalo en representación dun colectivo ou outro tipo de organización, a persoa deberá ser maior de idade e a entidade a que representa deberá ter a súa sede (ou unha delegación estable) no termo municipal da Coruña.

Os espazos da rede están dispoñibles para a súa reserva todos os días, incluíndo sábados, domingos e festivos, excepto cinco días ao ano en que permanecerán pechados: os días 24, 25 e 31 de decembro e os días 1 e 6 de xaneiro.

Pode solicitarse un día cunha antelación mínima de 15 días naturais antes da data desexada e un máximo de 60 días posteriores. O calendario mostrará os días dispoñibles.

Excepcionalmente, cando o tipo de actividade o precise e sexa de especial interese, o Concello da Coruña pode autorizar o uso dos espazos da rede durante dous días consecutivos. Para a aprobación desta excepción, ou de calquera outra solicitada, será preciso presentar unha pequena memoria descritiva da actividade que se vai desenvolver que será convenientemente avaliada polo Servizo de Participación Cidadá e Innovación.

De maneira xeral, unha mesma persoa poderá utilizar un mesmo TEU un máximo de 12 días ao ano e un día ao mes.

A solicitude realizarase sempre a través do sistema xenérico de Cita previa, o mesmo que se utiliza para numerosos procedementos municipais (https://citaprevia.coruna.gal/citaprevia/). Unicamente será necesario dispoñer dun terminal telefónico móbil, unha tableta ou un ordenador e ter unha conta de correo electrónico.

Non se aceptarán solicitudes de reserva que se presenten por calquera outro medio.

Unha vez realizada a solicitude de reserva, a persoa solicitante recibirá no seu correo electrónico o xustificante da solicitude no que aparecerá rexistrada a data e hora da solicitude, así como o código localizador.

As autorizacións de uso outorgaranse por estrita orde de presentación das solicitudes de reserva a través de Cita previa.

O xustificante non implica de maneira directa a conformidade e a autorización de uso do TEU solicitado, posto que será necesario comprobar:

  • Que a persoa solicitante sexa maior de idade.
  • Que a persoa solicitante estea empadroada no municipio da Coruña.
  • Que, no caso de tratarse dunha asociación, estea inscrita no REMAC.
  • Que, no caso de tratarse doutro tipo de entidade, teña a súa sede social ou unha delegación no municipio da Coruña.
  • Que a actividade para levar a cabo non sexa contraria á normativa vixente de uso dos espazos TEU.
  • Que a persoa solicitante non teña confirmada outra reserva no mesmo mes, ou que non superase o límite de 12 autorizacións durante o ano en curso.

Unha vez comprobado que a solicitude non incumpre calquera dos puntos anteriores, procederase a formalizar a correspondente autorización que se lle remitirá convenientemente asinada por correo electrónico á persoa solicitante, xunto coas condicións de uso e as instrucións para a recollida e devolución das chaves do TEU cedido.

Por tanto, a confirmación da reserva non será efectiva ata a recepción do correo electrónico co documento de autorización asinado.

As autorizacións concédense para o uso dun local da rede durante un día completo, en horario das 9.00 ás 22.00 h.

A anulación dunha reserva ou a modificación da data solicitada deberá facerse a través do sistema de Cita previa, utilizando o código localizador do xustificante da solicitude.

Denegación da solicitude de uso

O Concello da Coruña ten a facultade de denegar unha autorización de uso do espazo solicitado polos seguintes motivos:

  • Non cumprir os requisitos de empadroamento na Coruña, idade, ou tratarse dunha entidade que non teña a súa sede ou delegación no concello ou non figure inscrita no REMAC.
  • Solicitar o local para realizar unha actividade con fin de lucro ou que, pola súa natureza, non se considere apta para levar a cabo nos espazos TEU.
  • En caso de solicitantes, persoas, entidades ou colectivos que teñan antecedentes de incidentes no uso dos espazos TEU.
  • Superar o límite máximo de 12 días de uso ao ano ou ter unha data xa reservada no mesmo mes da solicitude.

En caso de denegación de autorización de uso, levarase a cabo unha comunicación previa a través do correo electrónico, e posteriormente enviarase a notificación da correspondente resolución de denegación motivada.

Ademais, o Concello da Coruña poderá revogar unha autorización de uso xa confirmada, ben porque precise o espazo solicitado para levar a cabo unha actividade municipal, por razóns de seguridade ou sanitarias, ou por outros motivos xustificados ou motivados que así o aconsellen.

Condicións de uso

As demandas da sociedade e a necesidade de aproveitar os recursos públicos fan que se vaia tendendo a promover usos compartidos dos espazos municipais, tanto para as asociacións, que en moitos casos poden compartir espazos, como para a veciñanza, que demandan o uso puntual dos espazos públicos, coa intención de que moitas máis persoas se vexan beneficiadas dos recursos que son de todas e de todos.

Estas novas demandas fan que se busquen novas fórmulas que poidan satisfacer as necesidades da maior parte da cidadanía, como a autorización de uso puntual.

En todos os casos a autorización de uso dos TEU será GRATUÍTA.

O goce do espazo efectuarase baixo a absoluta responsabilidade da persoa solicitante e o Concello da Coruña estará eximido de calquera responsabilidade derivada do uso incorrecto das instalacións.

A persoa solicitante asinará unha declaración responsable, asumindo o cumprimento das condicións de uso que se expoñen a continuación.

  1. A persoa solicitante é responsable de que o local se utilice unicamente para o uso concreto para o que se autorizou, non sendo posible destinalo a calquera outro fin.
  2. A persoa solicitante será responsable do uso do espazo e deberá estar presente durante todo o tempo que dure a súa utilización.
  3. Non se poderá exceder en ningún momento a capacidade máxima do local (50 persoas no Faro de Oza; 35 persoas en Ribeira Sacra,15; 50 persoas en Ribeira Sacra, 17; 20 persoas no TEU Azahar e 30 persoas no TEU Birloque), ou, se fose o caso, a capacidade limitada que se estableza por razóns sanitarias ou doutra natureza, nin o horario máximo permitido que, en todo caso, nunca excederá das 22.00 h.
  4. Pódense colocar elementos de decoración e ornamentais sempre que non leven ningún tipo de ancoraxe ás paredes, ao chan ou ao teito das estancias.
  5. Non se poderá facer ruído que moleste as persoas e a veciñanza dos edificios e instalacións da contorna.
  6. Non se permitirá ningunha actividade con ánimo de lucro, nin a venda de produtos ou o cobro de entrada ás persoas asistentes a calquera actividade, nin calquera actividade económica nos locais.
  7. Non está permitido o consumo de bebidas alcohólicas nin o consumo de drogas en ningún caso, en ningún dos locais da rede.
  8. Aínda que o Concello da Coruña manterá un servizo de limpeza semanal, é responsabilidade da persoa solicitante deixar o local limpo e nas mesmas condicións en que o atopou. Todos os locais dispoñen de vasoira e fregona, aínda que que non estarán dispoñibles produtos de limpeza.
  9. A persoa solicitante, como responsable do uso do local, debe encargarse de recoller a lixo produto da actividade realizada e levalo aos correspondentes colectores.
  10. O Concello da Coruña non se responsabiliza das actividades que se realicen dentro dos locais cando os compromisos asumidos pola persoa ou entidade solicitante ou organizadora da actividade sexan incumpridos, e correspóndenlle exclusivamente a esta as consecuencias dos seus actos.
  11. O Concello non se fai responsable da desaparición ou deterioración de calquera obxecto (bolsos, teléfonos, pezas de vestir etc.) que se produza durante a realización dunha actividade.
  12. En caso de atopar algún incidente, enviarase un correo electrónico a espazosteus@coruna.gal xunto con fotografías, a data do evento e os datos da persoa solicitante. De atopar algún incidente grave, contactarase directamente coa Policía Local no 092.

Recollida e devolución das chaves de acceso

Para acceder ao TEU autorizado será preciso acudir previamente a recoller as chaves de acceso. As normas de recollida das chaves son as seguintes:

  1. Cada TEU ten asignado un punto físico de entrega e devolución das chaves.
  2. Unicamente poderá recoller a chave de acceso a persoa solicitante, identificándose co seu DNI.
  3. No momento da recollida das chaves a persoa solicitante deberá asinar o rexistro da entrega e unha declaración responsable co compromiso expreso de cumprimento das condicións de uso.
  4. Se a reserva é para un día laboral, entre luns e venres, a chave recollerase o mesmo día de uso do local, ou o día anterior no horario específico do punto de entrega correspondente.
  5. Se a reserva é para un sábado ou para un domingo, o día de recollida será o venres inmediatamente anterior.
  6. Se a reserva é para un día festivo, o día de recollida será o anterior día hábil.
  7. En datas ou festividades específicas, os horarios poderán cambiar.

O punto de recollida das chaves do TEU Azahar sitúase no Centro Cívico de Monelos, na avda. de Monelos núm. 2, no seguinte horario:

  • De luns a venres das 9.00 ás 14.00 h e das 16.30 ás 20.30 h
  • Sábados das 10.30 ás 13.30 h e das 16.30 ás 20.30 h
  • Os domingos e festivos o centro permanecerá pechado, polo tanto as chaves recolleranse o anterior día hábil.

En canto á devolución das chaves, levaranse ao punto de recollida que corresponda, no horario indicado, o seguinte día hábil posterior ao uso do espazo TEU. Non é preciso que a persoa solicitante faga a devolución en persoa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión