Concello da Coruña

Concello da Coruña

O TEU Azahar do Barrio das Flores

Tras realizar as obras de acondicionamento necesarias, o Concello da Coruña pon a disposición do uso da cidadanía o cuarto espazo TEU, no Barrio das Flores.

Trátase dun local de titularidade municipal localizado na rúa Azahar, nos baixos do Bloque 48, que estará xestionado polo Servizo de Participación Cidadá e Innovación da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación.

Como o resto dos espazos TEU da cidade, trátase dunha infraestrutura que se ofrece á cidadanía para usar de forma privativa, estando dispoñible para utilizar todos os días, incluindo as fins de semana e as datas festivas, para celebracións familiares, charlas, obradoiros, reunións e actividades similares.

Baixo o paraugas común dos TEUs, ábrese un novo local coa vocación común de ser e funcionar como espazos vivos e dinámicos para o uso e disfrute de toda a cidadanía: asociacións, colectivos e veciñas e veciños a título particular.

1) Opcións e modalidades de uso

O novo TEU Azahar do barrio das Flores é un espazo aberto á toda a  cidadanía. En todos os casos a autorización de uso será GRATUITA.

Para facilitar o seu uso privativo adoptarase, do mesmo xeito que o resto dos TEUs a forma de AUTORIZACIÓN DE USO PUNTUAL, que consiste en destinar un local municipal para atender as demandas de persoas físicas e de asociacións ou entidades sen ánimo de lucro e colectivos informais que desexen o uso puntual dun espazo para actividades como unha celebración, reunión familiar, charla, xuntanza de traballo, actividade de formación ou calquera outra con proxección social ou cultural beneficiosa para a veciñanza da cidade.

En xeral, poden facer uso deste local:

  • Cidadás e cidadáns que precisan dun espazo común para reunirse, desenvolver actividades colectivas, e para calquera celebración privada.
  • Asociacións,  entidades sen ánimo de lucro ou colectivos informais que, ben por non ter local, ou por telo pero non ter a capacidade e os recursos precisos, desexan desenvolver unha actividade social ou cultural (asemblea de persoas socias, actividades de formación, difusión do seu labor á cidadanía...), sempre de forma gratuíta para as persoas asistentes.

As persoas físicas solicitantes deberán ser maiores de idade e figurar empadroadas no Concello da Coruña. Igualmente, as asociacións deberán ter a súa sede no termo municipal.

2) Capacidade e equipamento do TEU Azahar

O TEU Azahar é un espazo municipal público, aberto e multifuncional, cun tamaño aproximado de 50 m2 e un aforo máximo, neste momento, de 20 persoas​, que conta co equipamento seguinte:

  • Mobiliario básico (3 mesas e 25 cadeiras).
  • Dous bancos grandes de madeira.
  • Equipamento infantil (dúas mesas,  cadeiras pequenas e pizarra)
  • Lámpadas, papeleiras, percheiro, etc.
  • Aseo completo.

3) Como facer a solicitude

Podes solicitar o uso do TEU Azahar no horario de 09.00 a 21.00 horas, un ou dous días consecutivos como máximo.  A autorización de uso é gratuíta.

Só tes que solicitalo por rexistro,  como mínimo 15 días naturais antes da data desexada e como máximo, dentro do mes en curso e os dous meses posteriores completos. O prazo de solicitude está aberto todo o ano.

As autorizacións outorgaranse por estrita orde de entrada no rexistro.

Podes descargar o modelo de solicitude e presentala nun rexistro presencial (Ágora, Forum e María Pita) ou facelo a través da sede electrónica con certificado dixital en  https://sede.coruna.gob.es/opensiac/action/tramitesinfo?method=enter&id=822

Calquera persoa maior de idade empadroada na Coruña pode solicitalo para unha actividade privada ou en representación dunha asociación ou entidade con sede social na cidade.

Como norma xeral, todos os espazos TEU non estarán dispoñibles os días 24, 25 e 31 de decembro, nin os días 1 e 6 de xaneiro.

Para saber se a data que queres está dispoñible, consulta o calendario de ocupación.

Teño que avisar se ao final non o podo usar?

Si. Se tes algún dos espazos TEU reservado para un día e ao final non podes facer uso del, débesllo notificar ao Servizo de Participación cidadá e Innovación, a través do correo participacion@coruna.gal, cunha antelación mínima de 48 h.

4) Condicións específicas para o uso do TEU Azahar

  • A persoa solicitante especificará o uso concreto para o que pide o recinto e só poderá destinalo a ese fin, segundo se recollerá na resolución de autorización de uso do local.
  • A persoa solicitante, e responsable do uso, deberá estar presente durante todo o tempo que dure a utilización do espazo.
  • Non se poderá sobrepasar a capacidade máxima do local (20 persoas) nin o horario máximo permitido que, en todo caso, nunca sobrepasará as 21:00 h.
  • Poden colocarse elementos de decoración e ornamentais sempre que non leven ningún tipo de ancoraxe ás paredes, ao chan ou ao teito da estancia.
  • Non se poderá facer ruído que moleste ás persoas e a veciñanza dos edificios da contorna.
  • Non se permitirá ningunha actividade con ánimo de lucro, nin a venda de produtos ou o cobro de entrada ás persoas asistentes a calquera actividade, nin calquera actividade económica no espazo.
  • Non está permitido o consumo de bebidas alcohólicas nin o consumo de drogas en ningún caso no interior do local.
  • A persoa responsable do uso debe encargarse de recoller o lixo produto da actividade realizada e levalo aos correspondentes colectores.
  • Notificarase ao Servizo de Participación Cidadá e Innovación, a través do correo participacion@coruna.es , cunha antelación mínima de 48h, no caso de non poder facer uso do local concedido.

5) Condicións xerais

  • Os espazos TEU permanecerán pechados e non estarán dispoñibles para o seu uso os días 24, 25 e 31 de decembro nin os días 1 e 6 de xaneiro.
  • O Concello da Coruña non se responsabiliza das actividades que se realicen dentro do local, ou na galería de acceso ao mesmo, cando os compromisos asumidos pola persoa ou entidade solicitante ou organizadora da actividade sexan incumpridos, correspondendo exclusivamente a ésta as consecuencias dos seus actos.
  • O Concello non se fai responsable da desaparición de calquera obxecto (bolsos, teléfonos, prendas de vestir, etc.) que se produza no durante a celebración dunha actividade.
  • O Concello queda facultado para denegar a autorización de uso no caso de solicitantes, persoas ou entidades que teñan antecedentes de incidentes no uso dos locais da rede TEU.
  • Igualmente o Concello poderá denegar a autorización de uso privativo, ben porque precise o espazo para desenvolver unha actividade propia, ben pola natureza das actividades a desenvolver ou por motivos xustificados que así o aconsellen.

Resolución da autorización

As autorizacións de uso puntual outorgaranse por estrita orde de entrada no rexistro. A Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación asinará unha resolución de autorización de uso puntual a nome da persoa que corresponda, especificando a actividade que se poderá desenvolver, segundo a solicitude presentada.

A Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación informará previamente a persoa solicitante sobre a concesión da autorización de uso puntual á conta de correo ou número de teléfono sinalados na solicitude no prazo de sete días, sen prexuízo da entrega da notificación da resolución na comparecencia que teña lugar no día e hora establecidos para a entrega das chaves.

No caso de denegación da solicitude levarase a cabo unha comunicación nos mesmos termos indicados para a concesión (mediante teléfono ou correo electrónico).

Réxime de funcionamento

1. Recollida das chaves: As chaves recolleranse no Centro Cívico Monelos, na Avda. de Monelos nº 2, 15008 A Coruña. Só poderá recoller a chave a persoa solicitante, mostrando o DNI.

  • Se a reserva é para un día entre o luns e o sábado, o día de recollida será o mesmo día de uso, ou ben o día anterior, sempre no seguinte horario:

               De luns a vernes de 9:00 a 14:00 h e de 16:30 a 20:30 h.

               Sábados de 10:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:30 h.

  • Se a reserva é para un domingo, o día de recollida será o sábado inmediatamente anterior. Se o sábado fose festivo, a recollida será o anterior día hábil, sempre no antedito horario.
  • Se a reserva é para un día festivo, o día de recollida será o anterior día hábil no horario marcado.

2. Devolución das chaves: a persoa solicitante devolverá as chaves no Centro Cívico Monelos, na Avda. de Monelos nº 2, 15008 A Coruña o día hábil ou sábado seguinte ao uso do espazo nos horarios establecidos.

3. Limpeza do local: o Concello manterá un servizo de limpeza semanal do local, pero advertirá no documento de compromiso da normativa que é responsabilidade da persoa solicitante deixar o local limpo e nas mesmas condicións en que o atopou. Ademais, deberá facerse cargo do lixo e residuos producidos na actividade realizada.

4. Incidencias: no caso de atopar algunha incidencia, enviarase un correo electrónico a participacion@coruna.gal acompañado de fotografías, a data do evento e os datos da persoa solicitante. De atopar algunha incidencia grave, contactarase directamente coa Policía Local no 092.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión