Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de setembro de 2018

A veciñanza escolle 49 propostas de investimento para incorporar ao presuposto municipal do ano que vén a través do proceso de Orzamentos Participativos

Máis de 3.300 persoas participaron ao longo desta edición, cuxa fase final rexistrou 10.844 votos. En total escolléronse 10 propostas para o conxunto da cidade e 39 para os distritos, e a súa meirande parte está vinculada ao medio ambiente, infraestruturas ou mobilidade

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, deu a coñecer esta mañá o resultado da terceira edición dos Orzamentos Participativos, programa a través do cal a veciñanza pode decidir o destino de 3 millóns de euros en investimentos para a cidade. O 44% das propostas veciñais que chegaron á fase de votación incorporaranse ao proxecto de presupostos municipais do goberno local para o ano 2019. "O programa é unha aposta moi importante pola corresponsabilidade e de construción colectiva coa veciñanza", sinalou Delso, quen destacou que boa parte das iniciativas escollidas pola cidadanía a través do portal web http://aportaaberta.coruna.es están vinculadas ao medio ambiente, infraestruturas ou mobilidade, como son a mellora e incremento de arborado e zonas verdes da cidade, facilitar o uso seguro da bicicleta, recuperar camiños tradicionais, a creación de novos espazos para o lecer ou o deporte, así como melloras vinculadas á pacificación do tráfico e a potenciación da mobilidade peonil.

En total resultaron elixidas pola veciñanza 49 das 111 propostas que pasaron á ultima fase de votación e foron avaliadas polos servizos técnicos municipais, o que suman 8 iniciativas gañadoras máis que na pasada edición. As propostas de cidade, que contaban cun presuposto reservado dun millón de euros, suman un total de 10 iniciativas, mestres que as de distrito, para os que se contemplaba un máximo de 2 millóns de euros distribuídos equitativamente entre os dos dez distritos, chegan a 39 propostas. "O alto número de iniciativas vinculadas aos barrios referenda a aposta do goberno local polo propio proceso así como pola aplicación do Mapa de Distritos como ferramenta redistributiva dos recursos municipais e que favorece o equilibrio do investimento entre todo o termo municipal", apuntou Delso.

No caso das iniciativas vinculadas á cidade, os proxectos escollidos pola veciñanza suman  un importe total de 938.273 euros. A propostas que recolleron o maior número de votos foron Máis árbores e zonas verdes na cidade (402), seguida da iniciativa dirixida a Reverdecer o Paseo Marítimo (358 votos). A terceira máis votada foi a de Instalación de desfibriladores en edificios públicos (347), as Mesas meredendeiro en prazas e parques (295), Reservar instalacións deportivas municipais online (251), Favorecer o uso da bicicleta (249), Creación de puntos limpos de proximidade (212), Mellora/creación do carril bici (177), Fontes e baños públicos (174) e Iluminación do obelisco Millenium (115).

No caso das propostas de distrito, a veciñanza escolleu 39 propostas. A excepción do distrito 2, onde só hai unha iniciativa gañadora --Instalación dun rocódromo ao aire libre no parque de Bens, e que suma case os 200.00 euros do orzamento máximo de distrito--, nos demais saíron elixidas entre 4 e 5 propostas por distrito. Entre as iniciativas escollidas pola cidadanía destacan especialmente as que se refiren á aposta pola recuperación de sendas tradicionais e o espazo público, a dotación de zonas de deporte e xogo para a infancia e a mocidade, a mellora de mobilidade e accesibilidade ou a plantación de arborado, entre outras. Os distritos que amosaron unha maior implicación no proceso foron o 7 --Matogrande ou Polígono de Elviña 1ª e 2ª fase--, no que se rexistraron 2.198 votos; o distrito 2 --Rosales, San Pedro de Visma, Parque de Bens--, con 1.553 votos; e o 5 --Castro de Elviña, Zapateira ou Universidade--, con 1.188 votos.

Participación na fase de votación

A concelleira salientou que, como é habitual no proceso, a participación na fase final foi "moi equilibrada" por xénero. Ademais, a maioría das persoas que exerceron o seu dereito a voto nesta ocasión situáronse entre os 34 e 45 anos. De cara á elección final,  déronse de alta na plataforma A Porta Aberta 3.192 persoas, das cales 1.520 votaron, emitindo un total de 10.488 votos. "Durante o proceso contamos con 3.320 usuarias verificadas para participar, case 200 máis que o ano pasado, polo que podemos dicir que este é un programa que se está a afianzar entre a poboación", expuxo Delso, quen salientou que algunhas das iniciativas gañadoras "dan continuidade" a proxectos que xa foron escollidos pola veciñanza en anteriores edicións.

Todas as propostas resultantes, co seu respectivo presuposto e número de votos acadados, pódense consultar na plataforma que sustentou todo o proxecto, http://aportaaberta.coruna.es, na que se pode ver tamén o estado de execución das propostas escollidas pola veciñanza no proceso de Orzamentos Participativos do anos anteriores. A este respecto, Claudia Delso destacou que o Concello procedeu esta semana á instalación de 23 contedores de recollida de aceite doméstico --iniciativa gañadora no ano 2017--, e que nas vindeiras semanas presentaranse novos proxectos propostos pola cidadanía.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión