#LunsDeEncontros nace co obxectivo de lle ofrecer un espazo cultural aberto á cidadanía, cedendo un lugar para o desenvolvemento de actividades de promoción lectora, formación e aprendizaxe.
Para público en xeral
24/11/2025
Xa rematou
Acceso libre até completar a capacidade
Das 19.30 ás 20.30 h
Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano. Rúa Río Monelos 1. 15006 A Coruña
Tel.: 981 184 298
O luns 24 de novembro ás 19.30 h, na Biblioteca Fórum Metropolitano, temos a presentación do libro "Luns" de Eli Ríos, publicado por Xerais.
Organizado pola AVV Oza, A Gaiteira e Os Castros
Sinopse:
Nerea ten a vida organizada. Pode considerarse unha muller con éxito dentro do estándar que marca a sociedade: é funcionaria, ten unha filla e un fillo, casada e con casa propia. No entanto, un luns recibe un diagnóstico de cancro de mama que o cambia todo. Vai morrer e ten apenas dous meses por diante e mil cousas pendentes por facer, que non poden ficar sen resolver. Moi pouco tempo e á vez suficiente para se decatar de que a súa realidade non lle permite encontrar un modo de se enfrontar á situación. Coa certeza da morte pairando en cada recuncho toma consciencia dunha realidade que non sempre é o que parece. Unha realidade oculta a plena luz do día. "Luns", gañadora do Premio Torrente Ballester de novela en 2016, está escrita cunha técnica arriscada, valente e innovadora, que prescinde de adobíos e consegue conmover, logrando facer partícipe a quen a le das circunstancias que acontecen no día a día de Nerea.
Eli Ríos:
Eli Ríos naceu en Londres ao mesmo tempo que o punk rock pero, ao pouco tempo, regresou ás terras de Ordes onde se criou. Despois de moitas voltas e reviravoltas decidiu instalarse ao pé do castro de Elviña. Publicou os seguintes libros: "Nós escoitando o badalo de marienplatz" (2010), XII Premio de Poesía Concello de Carral; "Rúa da cancela" (2009), IV Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas; "María" (2013), I Premio de Poesía Figurante; "Anamnese" (2014), II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey; "Diario de fotogramas" (2014), Segundo premio do I Concurso de Poesía Centro Recreativo de Artes, Concello de Ribeira; "Remexido de patacas" (2014), XL Certame de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo; "Doe tanto a túa ausencia" (2015), XVIII Certame Francisco Añón de Poesía, Concello de Outes; "Bicha" (2015), XIIº Premio Pura e Dora Vázquez de Narración, Deputación de Ourense; "Marta e a píntega" (2016), conto infantil; "Mulleres bravas da nosa historia: María Victoria Moreno" (2016); "Luns" (Xerais, 2017), novela, I Premio Torrente Ballester para obras en galego da Deputación da Coruña, 2016; "Café intenso" (2017), I Premio de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón, "Culpable" (Xerais, 2017), IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente e "O ceo das reixas" (Xerais, 2019). Colabora na revista dixital de crítica literaria feminista "A Sega". Xunto á escritora Beatriz Maceda e a ilustradora Laura Suárez, publicou o álbum ilustrado «Luísa Villalta. Alma de violino» (Xerais, 2023).
Acceso libre até completar a capacidade.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible