12 de febreiro de 2019
A edil Claudia Delso lembra que a área de Participación desenvolveu un traballo colectivo entre a veciñanza, entidades xuvenís, centros educativos e persoal técnico municipal “para dotar á cidade do primeiro equipamento específico para a mocidade”
O Pazo de María Pita acollerá este mércores, 13 de febreiro, a partir das 19.30 horas, o acto de devolución dos resultados do proceso participativo das Naves do Metrosidero, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Participación e Innovación Democrática ao longo do 2018 co obxectivo de definir o modelo de xestión e o plan de usos dos recintos situados na antiga Comandancia de Obras.
A responsable municipal de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, lembra que o acto permitirá dar a coñecer o resultado dun proceso que favorecerá a posta en marcha "do primeiro equipamento para a mocidade da Coruña deseñado de xeito colectivo". "Logo dun ano de intenso traballo en común entre cidadanía, entidades xuvenís, veciñanza, centros educativos e persoal técnico municipal, as Naves do Metrosidero serán unha realidade", asevera Delso.
O acto, que se desenvolverá no Salón de Sesións, contará coa participación do alcalde, Xulio Ferreiro, da edil Claudia Delso, ademais de representantes da ANPA do IES Durmideiras e da Asociación Xuvenil Vella Escola, "dúas entidades activas no proceso", segundo apunta a concelleira.
O evento dé aberto á cidadanía, pero para poder asistir cómpre confirmar a presenza a través do correo electrónico xuventude@coruna.es
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible