Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de setembro de 2017

O goberno local lanza unha enquisa no portal web do Concello para mellorar a usabilidade da páxina e "cubrir as demandas reais de contido da veciñanza"

A concelleira Claudia Delso sinala que a medida, que xa está activa en www.coruna.gal, ten como finalidade “facilitar e garantir o dereito de acceso á información”

O goberno local da Coruña, no seu compromiso con garantir o dereito de acceso á información da veciñanza, vén de lanzar unha enquisa no portal web municipal www.coruna.gal co obxectivo de identificar as necesidades de mellora nos servizos e información que se ofrecen desde esta páxina web, así como a súa presentación de cara a cidadanía. A edil de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, sinala que a medida se enmarca nun estudio de usabilidade e experiencia do usuario que desenvolven os servizos técnicos municipais. Así, o executivo coruñés está a recabar información de diversas fontes neste estudo, entre as que se atopan as unidades administrativas de atención cidadá do Concello, para coñecer cales son os contidos máis demandados pola cidadanía, un test de uso cun grupo de persoas usuarias e esta enquisa directa á cidadanía. "O obxectivo deste traballo é que este portal evolucione, en distintas fases, até mellorar a oferta de información que poida existir por parte da veciñanza, así como facilitar o uso da web, que desde o seu lanzamento en febreiro de 2015 presentou diferentes eivas informativas", explica Delso.

A concelleira lembra, a este respecto, que o goberno local puxo marcha tanto as redes sociais municipais como o propio portal de Transparencia, que inclúe un apartado no que a veciñanza pode coñecer, dun xeito máis visual, onde van parar os seus impostos. "Coa publicación desta enquisa hoxe damos un novo paso nese camiño que iniciamos en xullo de 2015 para, precisamente, acadar unha web que permita á cidadanía da Coruña, así como a todos aqueles axentes interesados en obter información sobre a administración municipal, ter un acceso máis fácil, sinxelo e comprensible a todos aqueles datos que sexan do seu interese", explicou. "É, de novo, unha aposta por garantir o dereito de participación da veciñanza na vida política, e o seu dereito para acceder á información", destacou.

Até o próximo 11 de outubro, as e os visitantes do portal web municipal www.coruna.gal poderán encher este pequeno cuestionario dixital, no que poderán achegar as súas impresión xeral sobre o portal web e o motivo de visita ao mesmo, así como a facilidade que presenta para atopar a información, a calidade, os servizos e contidos que lles gustaría encontrar e calquera outra observación ou opinión que queiran realizar sobre esta páxina. Nas próximas semanas habilitarase tamén a posibilidade de que as e os visitantes do portal web poidan achegar a súa opinión sobre cada un dos contidos concretos da plataforma, e indicar se consideran que presenta algunha eiva ou que non responde ás necesidades informativas da cidadanía. "A partir deste feedback sobre cada contido, as unidades administrativas responsables da súa publicación traballarán co obxectivo de mellorala", sinalou Delso. Ademais, durante este mes de setembro, realizarase unha selección de persoas usuarias representativas de distintos colectivos, grupos de idade ou actividade profesional co obxecto de analizar como se comportan no uso do portal web e as dificultades que atopan no seu uso, para buscar novas liñas de traballo para mellorar a usabilidade de www.coruna.gal

Accede á enquisa AQUÍ.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión