Concello da Coruña

Concello da Coruña

Atención á infancia a domicilio

QUE É?

Esta modalidade contempla un conxunto de tarefas centradas nos coidados básicos e atencións prestadas aos e ás menores no seu propio domicilio e/ou fóra del.

O fundamento principal desta modalidade son as necesidades e circunstancias de carácter familiar e laboral, de natureza extraordinaria, tanto dos e das menores (desde os 4 meses ata os 12 anos) como das persoas responsables que non poidan ser satisfeitas a través do servizo prestado nos espazos de atención á infancia e ludotecas, nin en ningún outro servizo posto a disposición por parte do concello ou doutras institucións públicas para atender necesidades de conciliación (espazos de atención á infancia e ludotecas de forma preferente, campamentos, comedores escolares, servizo de madrugadores en colexios públicos, actividades para menores programadas polo concello etc.). Á súa vez, configúrase como un servizo para necesidades puntuais, non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo.

A quen vai dirixido?:

Unidades familiares con necesidades de conciliación por motivos laborais.

Organiza:

Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación

Requisitos:

  • Estar empadroado ou empadroada no termo municipal da Coruña.
  • Estar a traballar ambos os membros da unidade familiar ou a persoa responsable do /da menor.

HORARIO

Todo o ano de 07.30 horas a 22.00 horas, agás fins de semana e festivos.

HORAS DE USO

Cada unidade familiar dispón dun máximo de 40 horas anuais rateadas en 20 horas por semestre natural, non acumulativas; é dicir, aquelas horas que non se consuman no primeiro semestre non se engadirán ao total de horas do segundo semestre.

Diariamente, pódese utilizar o servizo un mínimo de ½ hora e un máximo de 6 horas ata a finalización das horas anuais que lle corresponda a cada unidade familiar.

TAREFAS PARA REALIZAR

Con carácter xeral, exclúense as tarefas domésticas (salvo aquelas que estean unidas ou ligadas estritamente ao benestar do/da menor) así como a tarefa de acompañamento do/da menor ao/á pediatra.

Só con carácter excepcional acompañarase ao/á menor á consulta do/da pediatra cando se produza unha emerxencia que poida poñer en perigo a súa saúde durante a realización das tarefas contempladas no parte de servizo. Este acompañamento comunicarse de forma inmediata ao seu pai, nai ou persoa responsable para o seu coñecemento e posterior recollida do/da menor.

  • No propio domicilio
    • Preparar biberóns e papas no momento do seu consumo, así como quentar almorzos ou comidas.
    • Axudar a comer en función da idade ou características do/da menor.
    • Tarefas relacionadas co aseo ou hixiene do/da menor.
    • Supervisión da alimentación e aseo.
    • Dispensar coidados a menores enfermos/as en ausencia das persoas responsables, proporcionando medicación en caso de enfermidade, segundo prescricións médicas e sempre que as persoas responsables o autoricen e faciliten as instrucións e orientacións necesarias en relación co seu estado de saúde. En ningún caso a persoa que exerza de "canguro" asumirá coidados para os que se requira formación sanitaria de grao ou de formación profesional ou coñecementos específicos para o tratamento de determinadas enfermidades ou patoloxías.
    • Planificar e realizar actividades de lecer.
    • Apoio na realización das tarefas escolares.
  • Fóra do domicilio
    • Traslados ou acompañamentos do/da menor fóra do fogar sempre dentro do termo municipal. Está incluído, en situacións excepcionais, o acompañamento en transporte colectivo ao/á menor, sempre que se dispoña dunha tarxeta de transporte público.

ACTIVACIÓN DO SERVIZO

  • A persoa solicitante terá que chamar ao teléfono do Servizo Municipal de Canguraxe habilitado para ese efecto (673-132-372) ou, excepcionalmente, ao do CIM (981-184-356) para contactar co persoal técnico, mínimo dous días antes á iniciación do servizo (non computan para ese efecto as fins de semana nin festivos).
  • Por parte do persoal técnico realizarase unha entrevista que solicitará as necesidades da unidade familiar (días, horas e actuacións co/a menor) para poder realizar un parte de servizo no que quedará recollida a información facilitada e as autorizacións necesarias para o bo funcionamento do servizo.
  • O dito parte será confirmado pola persoa responsable do/da menor e polo persoal técnico municipal co obxecto de realizar a asignación de profesional a ese servizo.
  • Unha vez finalizado o período inicial solicitado e/ou concedido, para volver facer uso desta modalidade deberá contactar telefonicamente co persoal do Servizo Municipal de Canguraxe para realizar un novo parte de servizo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión