Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de outubro de 2022

A aplicación móbil Millennium Próxima suma case 7.000 descargas en cinco días de funcionamento

O sistema para pagar o billete de bus urbano desde o teléfono presentouse o pasado xoves e está recibindo unha grande aceptación cidadá

A aplicación móbil Millennium Próxima, que foi presentada o pasado xoves pola alcaldesa, Inés Rey, conta xa con case 7.000 usuarios e usuarias dadas de alta. O sistema para pagar o billete do bus urbano desde o teléfono está a ter unha notable aceptación por parte da cidadanía nestes primeiros días de uso.

"Esta iniciativa busca facer a vida máis sinxela á cidadanía a través da tecnoloxía que temos dispoñible", sinalou José Manuel Lage, voceiro do Goberno de Inés Rey e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior. Nestes primeiros cinco días de implantación non se rexistraron incidencias de relevancia no servizo, que funciona empregando a tecnoloxía NFC dos dispositivos móbiles, aproveitando os lectores dos autobuses.

O número de descargas de media por xornada ascende a case 1.500 ata este luns. "Os datos de descargas amosan o éxito desta ferramenta posta en marcha polo Goberno de Inés Rey", apuntou José Manuel Lage. O obxectivo deste sistema é que substitúa progresivamente ás tarxetas en formato físico, que en todo caso seguirán en activo como ata agora para quen prefira ese método de pago.

A nova aplicación é totalmente gratuíta e doada de empregar. Calquera usuario pode descargala a través da Play Store e darse de alta na tarifa xeral sen facer ningún trámite. Só os perfís con bonificacións especiais deberán acudir á estación de autobuses, sen concertar cita previa, para darse de alta neses perfís. O Concello está a reforzar a información sobre o novo servizo a través das oficinas dos rexistros, do 010 e na propia estación, e tamén está en marcha unha campaña divulgativa con códigos QR para que calquera poida descargar o programa do xeito máis sinxelo.

Unha vez realizada a descarga, as persoas usuarias só teñen que vincular a Millennium Próxima cunha tarxeta bancaria para poder facer as recargas. A recarga mínima será de 5 euros fronte aos 10 euros actuais, e xa non será preciso acudir a ningún caixeiro para facelo, xa que a recarga faise desde o propio teléfono cando o usuario o precise e con tarxetas de calquera entidade bancaria.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión