Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de xuño de 2026

A cidade será esta fin de semana o escenario da Final Four da Primeira FEB, na que o Leyma pelexará polo ascenso

A alcaldesa, Inés Rey, presidir hoxe a presentación institucional da competición, que se celebrará en dúas xornadas no Coliseum

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe en María Pita o acto de presentación da Final Four de Primeira FEB de baloncesto, que se xogará o sábado 6 e o domingo 7 no Coliseum e que contará coa participación do Leyma Básquet Coruña, que tratará de conseguir a última praza de ascenso á liga ACB, uníndose ao Obradoiro.

O primeiro partido enfrontará o Leyma co Palencia o sábado ás 17.30 horas. O outro enfrontamento será ás 20.15  h entre Movistar Estudiantes e o Oviedo. Destes duelos sairán os finalistas que disputarán o ascenso o domingo ás 19.00 h. O club coruñés derrotou o Hestia Menorca nos cuartos de final da competición. 

"A Coruña é unha cidade que vive o baloncesto e que se sente moi ligada ao seu club. Temos moitas ganas de volver á Liga ACB e completar dous ascensos en dúas tempadas para terminar de reivindicarnos como unha cidade de primeira en absolutamente todas as frontes. Non será fácil, porque os catro equipos que chegaron ata aquí demostraron con creces o seu talento, o seu compromiso e a súa dedicación. Sexa cal for o resultado final, como cidade é para nós un orgullo recibir este grande evento e estes grandes equipos", apuntou a alcaldesa, Inés Rey. 

No acto estiveron tamén presentes o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; o secretario xeral para o Deporte, Roberto García; a directora de Competicións da Federación Española de Baloncesto, Hanna Ballhaus; o presidente do Leyma Basquet Coruña, Pablo de Amallo; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez e o diputado provincial Antonio Leira. 

Apoio ao Leyma 

Esta mesma semana, o Concello quixo mostrarlle o seu apoio ao Leyma vestindo a estatua de María Pita coa camiseta do club e colocando a bandeira co escudo na súa lanza, seguindo o que xa fixeran co Dépor antes da xornada na que selou a súa volta a primeira. 

"O deporte coruñés está volvendo ao lugar que merece. Os clubs e atletas da cidade, en moi diversas disciplinas, están a facer a esta cidade orgullosa. O Leyma ten unha tarefa moi, moi difícil por diante, pero a súa afección estará aí pase o que pase, animando o equipo", engadiu a alcaldesa, Inés Rey.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión