Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de outubro de 2019

A Concellería de Deportes impulsará a creación dunha zona específica para correr no paseo marítimo

A Coruña vivirá este domingo a súa carreira popular C10 máis inclusiva coa participación de atletas con discapacidade sensorial, funcional e intelectual. A C10 contará cun total de 3.460 participantes. Como novidade, este ano o circuíto poderase seguir nunha pantalla xigante que se instalará na explanada de Riazor.

 O edil de Deportes, Juan Ignacio Borrego, presentou esta mañá en María Pita xunto co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, a XIII edición da Carreira C10 que se realizará este domingo ás 10.00 horas e na que se inscribiron un total de 3.460 persoas: 2.537 homes e 923 mulleres.  

Durante a presentación, o edil de Deportes, no marco do compromiso do Goberno local co fomento do deporte e a mellora das instalacións, confirmou a intención do concello de poñer en marcha unha zona para correr específica que discorrería polo paseo marítimo onde as persoas "terían a posibilidade de controlar os seus adestramentos a través de distintos sistemas". A nosa idea, dixo, é que sexa un circuíto urbano estable que reúna todas as condicións necesarias para a práctica do deporte.  

Nesta edición, a carreira C10 dá un paso máis na inclusión social e correrán atletas con discapacidade sensorial, funcional e intelectual. Súmanse á categoría xa existente de atletas en cadeiras de rodas homologadas e, por primeira vez, tamén se lles aplicarán as mesmas categorías ás carreiras de menores. "Queremos potenciar a participación e contribuír desta maneira á práctica deportiva a todos os niveis, así como fomentar a sensibilización, o coñecemento e o respecto á diferenza", sinalou o edil Juan Ignacio Borrego.

Doutra banda, o responsable de Deportes fixo fincapé na necesidade de políticas transversais "que permitan que o deporte se converta en marca da cidade". "A Coruña ten todos os ingredientes para ser non só un escenario para a práctica do deporte, senón que tamén ten a capacidade para organizar eventos deportivos que sirvan como reclamo turístico".  

Pola súa parte, o  presidente da FGA, Isidoro Hornillos, destacou o valor polifacético da carreira; o seu rendemento deportivo, o seu aspecto social e os elementos saudables. "Unha carreira que cumpre trece anos e que é todo un referente deportivo en España", lembrou. Tamén sinalou que para evitar as molestias que ocasiona a carreira ao desenvolvemento do tráfico na cidade, o circuíto cerrarase unha hora e media despois do comezo.  

Organizada polo concello e a Federación Galega de Atletismo, a máis emblemática das carreiras da cidade, percorrerá un circuíto urbano de 10 km practicamente chairo e por asfalto na súa totalidade. Terá a súa saída na avenida da Habana e a meta estará no Paseo Marítimo, á altura do Palacio dos Deportes de Riazor. 

Como novidades este ano instalarase na explanada de Riazor xunto ao podio unha pantalla xigante para retransmitir a carreira. Ademais poderase gozar dun espazo sostible Coca Cola, tamén na explanada de Riazor, con xogos participativos.  

No aspecto deportivo, a carreira contará na categoría masculina co atleta kenyano de 19 anos, Shamack Kiprop, cunha marca de 28´26" no 10.000 de Burjasot abril 2019 e tamén vencedor en 2019 do 10k Internacional de Albacete; e na categoría feminina coa atleta Jennifer Koech, marca persoal 32´36" en El Doret 2018.  

O acto contou coa presenza de Rebeca Tohux, responsable de Relaciones Externas de El Corte Inglés; María Silvia Rodríguez López, representante de Coca Cola; Jorge Blanco, Juez Árbitro Internacional RFEA, Sergio Castellanos, representante del Club Hércules Termaria e Pilar Fernández, presidenta do Clube Femenino de Atletismo 'La Mochila del Deporte'.   

SERVIZOS DA CARREIRA

Caixóns de saída: 5 caixóns de saída distribuídos segundo os dorsais asignados. As persoas participantes deberanse colocar na zona acoutada que lles corresponda na saída, segundo o dorsal que teñan asignado. Os caixóns organízanse por cores. Deberán estar nos seus postos 10 minutos antes do disparo oficial de saída.  

Servizo de duchas e gardarroupa: as e os atletas contarán cun servizo para gardar a roupa no Frontón Municipal de Riazor, desde as 8:30 horas ata as 13:00 horas. Servizo de duchas: estará instalado o servizo de duchas no Frontón Municipal de Riazor dende as 10:00 ás 14.00 horas. 

Servizo de fisioterapia: coa colaboración da Deporclínica e alumnado da Universidade de Fisioterapia da Coruña, estará dispoñible no ximnasio do Palacio de Deportes de Riazor. 

WC: dispoñibles no Frontón Municipal de Riazor.

Avituallamento: no desenvolvemento da carreira establecerase un punto de avituallamento entre os quilómetros 5 e 6, no paseo marítimo, para favorecer a hidratación das e dos atletas durante o exercicio. Tamén ao seu paso pola meta  poderán recoller o avituallamento líquido e sólido proporcionado polos patrocinadores: Coca-Cola e Horno San Brandán.  

Chips e dorsais: todas as persoas corredoras deberán levar ben colocado o dorsal que leva incorporado o chip. Haberá varios puntos de control de chips ao longo de todo o percorrido. A participación sen dorsal, ou doutra persoa corredora ou cun dorsal que non sexa o oficial da proba está totalmente prohibida.  

Os dorsais pódense recoller no departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal, o venres 4, de 17.00 a 22.00 horas, e o sábado 5, de 10.00 horas a 21.30 horas. Todas as categorías corren con chip e dorsal, excepto a categoría prebenxamín que soamente leva dorsal.

A entrega de premios: realizarase no palco situado na explanada de Riazor, en canto terminen as carreiras de menores, aproximadamente ás 13:30 horas.

Para máis información http://www.coruna.gal/carreraspopulares/es

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión