2 de marzo de 2016
Silvia Cameán recorda que a deficiente xestión que fixeron os Goberno anteriores do mantemento dos colexios “deriva en que moitos centros educativos denuncien deficiencias que se levan arrastrando dende hai anos”
A Concellería de Xustiza Social e Coidados, dirixida por Silvia Cameán, está a confeccionar un mapa de centros públicos que recolle as necesidades de cada un deles, no que atinxe ao seu mantemento, así como as deficiencias que presentan en tema de infraestruturas. O documento está a ser elaborado despois de que a titular desta área de Goberno visitase e se reunise coa dirección de 27 centros públicos da cidade. A responsable municipal recorda que o seu departamento se comprometeu a volver a reunirse cos centros, unha vez estea dispoñible o orzamento municipal para este 2016, para analizar “cales son as reparacións máis urxentes e as que primeiro se deben levar a cabo”.
A titular de Xustiza Social recorda que segundo a Lei de Educación e a Lei de Bases do Réxime Local, “as administracións municipais deben facerse cargo das obras de mantemento dos centros públicos dentro do concello, sendo as obras maiores --como por exemplo o cambio de cubertas-- responsabilidade da administración autonómica, neste caso a Xunta de Galicia”.
Cameán indica que a pretensión do Concello é arranxar en canto sexa posible as deficiencias que presentan os distintos centros públicos da cidade e que sexan de competencia municipal. A concelleira indica, ao fío, que moitos problemas cos que agora se está a atopar o seu departamento derivan dunha xestión deficiente das labores de mantemento dos centros por parte dos Gobernos locais anteriores. “Moitas problemáticas das que agora se fala derivan de que en exercicios pasados non se atenderon ben necesidades puntuais. A maioría das reclamacións que nos fan os colexios son de desperfectos de hai anos”, explica. “Por exemplo, atopámonos con casos nos que non é posible limpar os canalóns, porque os centros non contan coas chamadas liñas de vida, que permitirían aos operarios realizar con garantías este servizo”, comenta.
A este respecto, recorda o que ocorre co chan do patio do CEIP Anxo da Garda. Este foi pintado en novembro de 2014, baixo o mandato do anterior equipo de Goberno municipal. A primeira reclamación do centro produciuse tan só un mes despois, en decembro, argumentando que o alumnado esvaraba cando estaba mollado. “Agora mesmo a nosa intención é darlle unha solución a esta problemática, pero estamos a analizar cal é a mellor opción. É un tema complexo, porque se se volve pintar non se resolve o problema do chan esvaradizo ao mollarse, e tampouco se quere regresar ao anterior chan, de carácter rugoso, porque moitos nenos tamén se lesionaban nel ao caer, polo que o centro demandou o primeiro cambio”, explica.
Por outro lado, a Concellería de Xustiza Social indica que este centro en concreto ten cubertas as súas necesidades de conserxería, se ben non ten unha conserxe titular, ao estar a mesma de baixa dende hai meses. No obstante, o servizo está cuberto por persoal non titular desta praza.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible