5 de marzo de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a mostra “é unha invitación a mirar doutro xeito” e a escoitar as historias das mulleres diagnosticadas desde unha perspectiva feminista
A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga acolle desde este xoves a exposición fotográfica 'Virando o rosa', da fotógrafa documental Diana Fajardo. Un proxecto que pon no centro as experiencias das mulleres diagnosticadas de cancro de mama e cuestiona os estereotipos arredor desta enfermidade desde unha perspectiva de xénero. A inauguración contou coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto coa deputada provincial, Avia Veira -institución que concedeu o VII Premio Luísa Villalta a Proxectos pola Igualdade a Diana Fajardo e Dolores Vázquez, responsables da iniciativa-; e Concepción Gómez Ruso (Conchi), participante no proxecto.
Durante a súa intervención, Rey sinalou que Virando o rosa "non é só unha exposición, é unha invitación a mirar doutro xeito e a virar a perspectiva coa que durante tanto tempo se falou do cancro de mama". A alcaldesa subliñou tamén a importancia de dar voz ás propias protagonistas e destacou o papel da cultura como ferramenta de transformación social e a relevancia da perspectiva feminista na creación artística: "A ollada feminista serve para nomear o que non se dicía e para facer visible o que antes quedaba nas marxes", afirmou.
Rey incidiu ademais na metáfora que dá título á exposición e que invita a revisar a forma na que a sociedade mira o cancro de mama: "Esta exposición invítanos a facer algo distinto: a poñernos esas lentes moradas e mirar o rosa de fronte, sen ocultar a dor nin as contradicións, pero tamén sen renunciar á dignidade e á verdade das mulleres que protagonizan estas historias". A alcaldesa agradeceu o traballo de Diana Fajardo e a xenerosidade das mulleres participantes no proxecto, destacando que "compartir a propia historia non sempre é doado, pero cando se fai convértese nun acto de xenerosidade e tamén nun acto profundamente político: o de dicir que a nosa experiencia tamén conta".
'Virando o rosa', dispoñible para visita ate o 5 de abril
Virando o rosa pode visitarse na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10) desde o 5 de marzo ata o 5 de abril, con entrada libre.
A mostra parte dun traballo de investigación e entrevistas a máis de trinta mulleres da provincia da Coruña e articúlase arredor dunha serie de retratos e testemuños que amosan diferentes momentos e formas de afrontar a enfermidade. O proxecto complétase cun libro gráfico e encontros públicos nos que participan as propias protagonistas.
A exposición forma parte dun proxecto artístico e social que busca abrir unha reflexión colectiva sobre como se vive e se conta o cancro de mama e sobre a necesidade de escoitar as voces das mulleres que atravesan esta experiencia.

3 de xaneiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible