26 de xullo de 2017
O Concello aumentou este ano a súa achega coa finalidade de favorecer a participación dun maior número de librarías da cidade. Ademais das carpas habituais, a Feira desta edición contará cunha carpa propia das librarías coruñesas, así como un espazo especial destinado aos e ás máis pequenas: o Xardín dos Libros
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, explicou que o Concello aborda este ano, a maiores da colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, “unha nova acción con libreiros e libreiras da cidade, tras o éxito campaña levada a cabo con motivo das Letras Galegas”
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, presentou este mércores as principais novidades que acompañarán a tradicional Feira do Libro, "un evento que forma parte xa da memoria colectiva coruñesa e das súas festas, recordándonos, xunto con Viñetas desde O Atlántico, a compoñente cultural, editora e creadora desta cidade". O edil explicou que, desta ocasión, o Concello non só mantén a súa colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia, principais organizadores do evento, que cumpre a súa edición número 46, senón que ademais, e de forma análoga, desenvolveranse unha serie de actuacións e accións encamiñadas a visibilizar e empoderar ás propias librarías da cidade, "como axentes culturais de proximidade, imprescindibles para o noso crecemento". De feito, e con este motivo, o Concello decidiu, a través da súa achega, favorecer a participación de pequenas librerías nesta feira, rebaixando considerablemente as cotas que deben aportar para poder ter un posto tanto as librerías federadas como as non federadas. "Para nós é fundamental recoñecer e amosar ao conxunto da cidadanía a profesionalidade e o traballo constante das librarías da Coruña, así como a súa notable vocación de reinvención en espazos culturais comunitarios, máis alá de meros lugares de venda de libros", salientou o responsable municipal, que destacou que esta é a segunda acción que a Concellería de Culturas do Goberno coruñés leva a cabo co colectivo de libreiros e libreiras coruñeses logo do éxito da campaña especial con motivo das Letras Galegas. "As festas de María Pita deben estar impregnadas de cultura en consonancia co modelo cultural que queremos para esta cidade e, ademais, por que non dicilo, esperamos que esta Feira da Libro tamén serva para poñer en valor o comercio cultural de proximidade", explicou Sande.
Actividades propias do Concello
Durante os 10 días de celebración da Feira do Libro nos Xardíns de Méndez Núñez, ademais das actividades, presentacións e firmas que habitualmente organiza a Federación de Libreiros, tamén haberá unha carpa propia das librarías coruñesas na que todos os días se presentarán actividades e obras, primando especialmente, aos e ás creadoras locais. Os comercios colaboradores son Santos Ochoa, Sueños de Papel, Metrópolis, Xiada, Ancora, Lume, Couceiro, Faro de los Tres Mundos, Alita, Berbiriana, Formatos, Cascanueces e Arenas. Como exemplo de actividades destaca a denominada Brincadeira de Ilustradores e Ilustradoras, que terá lugar o 5 de agosto, en horario de 12.00 a 14.00 horas e durante a tarde, na que se fará unha especial homenaxe aos e ás autoras de ilustración da cidade. Non obstante, e tal como explicou Sande, o groso das actividades, nas que se englobarán tanto presentacións de libros como talleres para adultos e charlas e coloquios de carácter literario, terá lugar todos os días de duración da Feira do Libro entre 20.00 e 22.00 horas. As actividades desenvolvidas polas librarías coruñesas publicitaranse, ademais, por medio das redes sociais (https://twitter.com/librariascoruna e https://www.facebook.com/librariasdacoruna ).
Á marxe, a Feira tamén contará co espazo denominado Xardín dos Libros, que ofertará actividades de corte infantil e para todos os públicos especificamente deseñadas para estimular a presencia de menores na Feira do Libro, "así como ser non só espazo de tránsito, senón tamén de estadía e contacto cos libros, incluíndo visitas guiadas ás casetas e todo tipo de actividades escénicas e musicais".
Feira do Libro
Na rolda de prensa de presentación da Feira do Libro 2017 o concelleiro José Manuel Sande estivo acompañado polo coordinador da área de Cultura da Xunta de Galicia na Coruña, Jesús Espada, da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o vicepresidente da Federación de Librerías de Galicia, Xosé Antón Pedreira. Este último, destacou o feito de que "tras unha época de crise especialmente forte, o sector do libro e da librería está volvendo a recuncar". Así, destacou o feito de que este ano a Feira aumenta o seu número de casetas até as 37 e continúa a ser a máis grande de toda Galicia. Sanmartín destacou o apoio que, ao igual que o Concello, a Deputación da Coruña tamén presta a este evento. "É necesario facer un esforzo porque as librarías se fagan máis visibles", dixo, á vez que recordou a figura das e dos históricos libreiros da cidade, como é o caso de José María Eirís, asasinado en 1937 no Campo da Rata e vítima da represión franquista. Pola súa banda, Espada, destacou o apoio do Goberno autonómico as distintas feiras do libro de Galicia como "fórmula de difusión do libro".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible